Concursante é unha produción galega estreada en 2007 e rodada o ano anterior. Está dirixida e protagonizada polos ourensáns Rodrigo Cortés e Miryam Gallego respectivamente.
Esta película conta a historia dun profesor universitario, Martín (Leonardo Sbaraglia), que se converte no gañador do galardón máis cuantioso da historia da televisión: un total de tres millóns de euros traducidos en todo tipo de premios. A moza de Martín, Laura (Miryam Gallego) verá nisto unha oportunidade de ouro para cambiar a súa vida e cumprir os seus desexos inmediatos sen pensar nas consecuencias que pode ter a longo prazo.
O que semellaba ser un golpe de sorte e un soño feito realidade pasa a ser un auténtico pesadelo: Facenda queda coa metade dos cartos e ser rico resulta máis caro do que imaxinaba. O protagonista intentará desfacerse de todo o obtido e contará coa axuda dun economista chamado Edmundo (Chete Lera).