Concatémero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un concatémero (tamén escrito concatámero) é unha molécula de ADN longa continua que contén moitas copias da mesma secuencia de ADN unidas en serie. Estas moléculas poliméricas son xeralmente copias dun xenoma vírico unidas de modo que onde acaba unha empeza outra, e separadas por sitios cos (unha secuencia de nucleótidos para a unión de proteínas que aparece só unha vez en cada copia do xenoma). Os concatémeros son normalmente o resultado dunha replicación polo método do círculo rodante, e pode considerarse como o último estadio da infección dun fago en bacterias. Como exemplo, se os xenes no ADN do fago están dispostos como ABC, entón nun concatémero os xenes serían ABCABCABCABC... Despois o concatémero é dividido en fragmentos separados por ribozimas ou encimas.[1]

Durante unha infección activa, algunhas especies de virus replican o seu material xenético por medio da formación de concatémeros.[2] No caso do Herpesvirus humano 6, o seu xenoma completo cópiase unha e outra vez nunha soa molécula. Estes longos concatémeros son despois clivados entre as rexións pac-1 e pac-2 por ribozimas cando o xenoma é empaquetado nos virións individuais. No virus vaccinia os concatémeros clívanse por medio do encima A22R.[3] No fago lambda os concatémeros tamén se cortan en xenomas individuais a medida que o ADN se empaqueta nas cabezas dos novos fagos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Cloning human herpes virus 6A genome into bacterial artificial chromosomes and study of DNA replication intermediates". 
  2. G. Morissette, L. Flamand: Herpesviruses and chromosomal integration. Journal of virology. volume 84, número 23, decembro de 2010, ISSN 1098-5514, Páxinas 12100–12109, DOI 10.1128/JVI.01169-10, PMID 20844040, PMC 2976420.
  3. M. J. Culyba, J. E. Harrison, Y. Hwang, F. D. Bushman: DNA cleavage by the A22R resolvase of vaccinia virus. Virology. Volume 352, número 2, setembro de 2006, ISSN 0042-6822, Páxinas 466–476, DOI 10.1016/j.virol.2006.05.007, PMID 16781759.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Oxford Dictionary of Biochemistry and Molecular Biology, 2nd ed. R. l., eds. Oxford University Press, 2006. p. 138.
  • Glosario de Biología Molecular. J. Cárdenas, E. Fernández, J. Muñoz e M. Pineda. Servizo de Publicacións da Universidade de Córdoba, 1996. páxina 45.
  • H. Fujisawa, M. Morita: Phage DNA packaging. Genes to cells : devoted to molecular & cellular mechanisms. volume 2, número 9, setembro de 1997, ISSN 1356-9597, Páxinas 537–545, PMID 9413995.
  • V. B. Rao, M. Feiss: The bacteriophage DNA packaging motor. Annual Review of Genetics. Volume 42, 2008, ISSN 0066-4197, Páxinas 647–681, DOI 10.1146/annurev.genet.42.110807.091545, PMID 18687036.