Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal é unha entidade transfonteiriza creada coa finalidade de favorecer unha dinámica de encontros regulares na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (entre Galicia e o Norte de Portugal), para tratar asuntos de interese común, intercambiar informacións, coordinar iniciativas e examinar as posibilidades de solucionar os problemas comúns ou de contribuír á súa solución por medio de acordos, de decisións tendentes a unha solución coordinada, ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes, así como a elaboración e presentación de proxectos de cooperación conxuntos.
A constitución da Comunidade de Traballo supuxo a consolidación dunha frutífera etapa de relacións entre Galicia e o Norte de Portugal, tanto a nivel de Iniciativas Comunitarias Transfronteirizas coma a un nivel máis amplo que abrangue as relacións interrexionais.
Historia
[editar | editar a fonte]Impulsada pola Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, constituíuse o 31 de outubro de 1991 ao abeiro do Acordo Constitutivo, elaborado en virtude do Convenio Marco Europeo sobre Cooperación Transfronteiriza entre Comunidades e Autoridades Territoriais do Consello de Europa de 1980, con apoio das administracións da Unión Europea, España e Portugal.[1]
Na actualidade, o Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo foi adaptado, o día 24 de febreiro de 2006, ás disposicións do Tratado entre o Reino de España e a República Portuguesa sobre Cooperación Transfronteiriza entre Entidades e Instancias Territoriais do 30 de outubro de 2002, cuxa entrada en vigor se produciu o 30 de xaneiro de 2004 (Tratado de Valencia).[2]
A Presidencia da Comunidade de Traballo é asumida alternativamente polo Presidente da Xunta de Galicia e polo Presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, por períodos de dous anos.
A Comunidade de Traballo está formada, na actualidade, por 15 Comisións:
- Dez Comisións Sectoriais, constituídas por representantes das institucións públicas das dúas rexións, nos diferentes sectores susceptíbeis de cooperación (por exemplo, infraestruturas, saúde, educación, cultura, pesca, medio ambiente etc);
- Tres Comunidades Territoriais de Cooperación (CTC do Val do Miño, CTC do Val do Limia, CTC do Val do Támega e CTC do Val do Cávado), que agrupan institucións de ambos os lados da fronteira: Cámaras Municipais portuguesas, Concellos e Deputacións Provinciais de Galicia;
- Unha Comisión específica, constituída polo Eixe Atlántico do Noroeste Peninsular, que se ocupa da política urbana das 18 cidades que forman parte do mesmo.
No ano 2014 concédeselle o recoñecemento como Xuíz Honorario do Couto Mixto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sitio da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal Arquivado 22 de maio de 2018 en Wayback Machine. Consultado o 21/5/2018.
- ↑ Texto do Tratado (en castelán) Consultado o 13/1/2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
- Comunidade de Trabalho Galiza-Norte de Portugal (en portugués). Consultada o 13/1/2012.
- VGO Valença Debate Cooperação Transfronteiriça – Comunidade de Trabalho Galiza Norte de Portugal.[Ligazón morta] (en portugués) Consultada o 13/1/2012.
- UDC Marta Sobrido Prieto, El Tratado Hispano-Portugués sobre la Cooperación Transfonteriza Territorial (en castelán) Consultado o 13/1/2013.