A Comunidade Andina (en castelán:Comunidad Andina) ou Comunidade Andina de Nacións (CAN), é unha área de libre comercio que ten por obxectivo crear unha unión aduaneira que abrangue os países suramericanos de Bolivia, Colombia, Ecuador, e o Perú. O bloque comercial foi chamado Pacto Andino até 1996, e creouse logo da sinatura do Acordo de Cartaxena en 1969. A súa sede central atópase en Lima, no Perú.
O Pacto Andino orixinal foi fundado en 1969 por Bolivia, Chile, Colombia, Ecuador e o Perú. En 1973, o pacto sumou un sexto membro, Venezuela. Porén, en 1976 o número de membros reduciuse a cinco de novo cando Chile se retirou. Venezuela anunciou a súa retirada en 2006, reducindo a Comunidade Andina a catro estados membros.
Debido aos acordos de cooperación con Mercosur, a Comunidade Andina gañou catro novos membros asociados: a Arxentina, o Brasil, Paraguai e o Uruguai. Estes catro membros de Mercosur foron convertidos en membros asociados polo Consello Andino de Asuntos Exteriores reunido nunha sesión ampliada coa Comisión (da Comunidade Andina) o 7 de xullo de 2005. Este movemento corresponde ás accións do Mercosur que concedeu a adhesión asociada a todas as nacións da Comunidade Andina en virtude dos Acordos de Complementariedade Económica (Tratados de Libre Comercio) asinados entre a CAN e os membros individuais do Mercosur.[1]