Comalcalco (sitio arqueolóxico)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Templo I e a Praza Norte.

Comalcalco (do náhuatl: Comalli-Calli-Co que significa: "Casa dos comales") é un sitio arqueolóxico da civilización maia que se atopa no concello de Comalcalco; no estado mexicano de Tabasco, a uns 60 km de Villahermosa.[1] O seu nome orixinal era Joy Chan que significa en maia: "Ceo Rodeado".

As ruínas constitúen unha necrópoles do período clásico maia (do século I a. C. ao IX d. C.) construída con ladrillos e estuco de cuncha de ostión. Este sitio está considerado como o máis occidental da cultura maia, e desenvolveuse entre os anos 700 a.C. e 900 da nosa era.

O sitio arqueolóxico de Comalcalco sitúase na área central da Chontalpa, sobre a ribeira este do río Seco, entre os vestixios do que foi unha inmensa selva tropical. A característica máis notable de Comalcalco, é a utilización de ladrillos nos seus sistemas construtivos, isto debido á nula presenza de materiais pétreos na rexión, ademais de ser o sitio maia máis afastado cara ó oeste.

O asentamento prehispánico, abrangue unha superficie de 72 hectáreas (7 km²), onde se localizan os grupos arquitectónicos nos que se desenvolveron varios sistemas de construción, entre os que salientan os basamentos erixidos con corpos de terra compactada revestidos cun aplanado de cal de cuncha de ostión, así como construcións de cachotaría de ladrillos. Os edificios foron decorados con modelaxes de estuco, os cales foron tamén pintados de cores como o vermello, azul, verde, amarelo e negro, de tal xeito que os ladrillos non eran visibles.

En xuño de 2011, o Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia (INAH), deu a coñecer o descubrimento do que podería ser o primeiro cemiterio maia, ó atopar un total de 116 enterros funerarios con máis de mil anos de antigüidade, localizados en tres montículos de terra nunha extensión de 220 m² na periferia desta cidade maia.

En novembro de 2011, o Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México (INAH) mencionou o achado dunha segunda inscrición maia anunciando a súa famosa profecía do fin dunha era do calendario maia, na mítica data do 21 de decembro do 2012, nunha peza coñecida dende entón como o “Ladrillo de Comalcalco”.[2]

En Comalcalco atopáronse en total tres tumbas e 14 enterros funerarios dos cales 7 atopábanse dentro de furnas feitas de barro, así como o panteón descuberto na periferia da cidade con 116 enterros.

Toponimia[editar | editar a fonte]

Grazas ó glifo emblema atopado, agora sábese que nome orixinal da cidade foi ¨Joy Chan¨, que provén do idioma maia e cuxo significado é ¨Ceo Rodeado¨ ou Ceo Enrolado.[3] O nome actual de Comalcalco deuse porque cando as tribos de orixe náhuatl chegaron á zona, a cidade de Joy Chan estaba xa deshabitada, e ó ver os edificios construídos de ladrillo, un termo que non coñecían, o máis parecido que atoparon para describila foi a palabra "comal", así que lle chamaron "Comalli-Calli-Co", que significa: "Casa dos comales", por iso o nome desta cidade maia está en náhuatl.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.yotellevo.es/de-comalcalco-tab-mexico-a-villahermosa-tab-mexico.htm Mapa de carretera entre Comalcalco y Villahermosa
  2. Mundo Maya 2012. "Comalcalco: El estuco de ostión que caracteriza a la más occidental de las necrópolis mayas.". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 21 de setembro de 2018. 
  3. Instituto Nacional de Antropología e Historia. "Zona arqueológica de Comalcalco". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2009. Consultado o 21 de setembro de 2018.