Saltar ao contido

Colofón (cidade)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaColofón
Κολοφών (grc) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
Mapa
 38°06′56″N 27°08′32″L / 38.1156, 27.1422
EstadoTurquía
ProvinciaProvincia de Esmirna Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creaciónséculo XI a. C. Editar o valor en Wikidata
Disolución302 a. C. Editar o valor en Wikidata
Organización política
Membro de
Identificador descritivo
Fuso horario

Colofón (en grego antigo Κολοφών) era unha antiga cidade grega de Xonia en Asia Menor, ás beiras do río Hales, fundada segundo Estrabón por Andremón, cuxa tumba se atopaba ao entrar na cidade polo lado do río Calaon. Tiña Lebedos ao norte e Éfeso ao sur. A cidade estaba preto da costa, onde se atopaba o seu porto chamado Notion (en latín Notium). A festa de Apaturias era importante na cidade.

Nunha época moi antiga, algúns cidadáns marcharon da cidade por razóns políticas e foron a Esmirna. Nun momento dado tiveron a oportunidade de tomar o poder nesta cidade e así o fixeron, e finalmente chegouse a un acordo polo cal os habitantes orixinais puideron marchar con todas as súas pertenzas e deixaron a cidade en posesión dos exiliados de Colofón. Os críticos asumen que esta historia se refire ao porto de Notion e non á cidade alta.

Xixes de Lidia ocupou Colofón arredor do ano -665 (outras cronoloxías adiántano 20 anos). Aliates II, un dos seus sucesores, ocupou Esmirna. Despois caeu en posesión de Persia e participou na revolta xónica. Finalmente permaneceu en mans de Persia e durante a Guerra do Peloponeso os persas dominaban a cidade alta e estalou a discordia entre os cidadáns: un partido antipersa dominaba Notion, pero mesmo alí formouse unha facción favorábel a estes. O partido oposto aos persas recorreu aos atenienses e o estratego Paques expulsou aos persas. Colofón e Notion quedaron controladas polo partido proateniense e os refuxiados en Notion puideron regresar á cidade alta, agás aqueles que estiveran a favor dos persas. Os atenienses enviaron colonos a Notion, onde se uniron a outros refuxiados colofonios das cidades gregas.

En xeral seguiu a alianza ateniense ata que se estableceu a independencia das cidades ao final da Guerra do Peloponeso.

Despois seguiu a Alexandre o Grande e, un tempo despois da súa morte, Lisímaco de Tracia destruíu a cidade xunto con Lébedos, e os habitantes destas cidades trasladáronse a Éfeso. Os habitantes de Colofón non se resignaron e en Éfeso continuaron opoñéndose a Lisímaco ata a súa morte en loita con Seleuco I Nicátor.

Antíoco III o Grande, na súa guerra contra Roma, asediou Notion (sen éxito no ano -190), unha cidade que Tito Livio denomina Oppidum Colophonium e di que estaba a 3 km da antiga Colofón. Os colofonios que permaneceran en Notion, pola súa alianza con Roma, recibiron a exención de impostos (inmunitas). Colofón non foi reconstruída e cando o século seguinte Cicerón di que a saquearon os piratas, sen dúbida está a referirse a Notion, poboada pola xente de Colofón e dentro do seu territorio. A antiga dependencia convertérase na cidade principal.

Case non quedan restos do Colofón nin nada da Notion.

Colofón foi unha das cidades ás que se lle atribúe o berce de Homero, e alí naceu Mimnermo, un poeta elexíaco; Polimnesto, un músico; Fénix, un escritor; Hermesianax outro escritor; Antímaco, poeta épico; Xenófanes, escritor; e Nicandro.

Característica do Colofón era a resina que menciona Plinio o Vello e Dioscórides como resina colofonia, de onde pasou ao francés co nome de Colophana, e que se obtiña dos montes de Gallesos, preto da cidade, onde había grandes extensións de bosques de piñeiros[1].

  1. Smith, William (ed.). "Colophon". Dictionary of Greek and Roman Geography (1854). Consultado o 18 de decembro de 2020.