O pico Cão Grande, colo volcánico na illa de São Tomé (San Tomé e Príncipe), que se eleva máis de 300 m sobre os arredores.A Torre do Demo está formada por unha antiga cheminea volcánica onde o arrefriamento da lava deu orixe á aparición de columnas basálticas.Capela de Saint Michel d'Aiguilhe, cuxa construción se iniciou en 969,[1] preto de Le Puy-en-Velay en Francia. O colo volcánico elévase uns 85 m por riba dos arredores.
Un colo volcánico, pitón volcánico ou neck é unha forma do relevo de forma máis ou menos cilíndrica de orixe volcánica que se crea cando a lava endurece dentro dun conduto de alimentación dun volcán por onde ascende a lava, e despois o volcán é erosionado.[2][3] A súa estrutura é resistente á erosión, polo que unha vez que o cono volcánico se erosiona, este colo permanece como unha agulla ou columna relicta do cono desaparecido. Frecuentemente é o único resto que queda dunha antiga cheminea volcánica.
Non se deben confundir os colos volcánicos cos tapóns volcánicos que aparecen nalgúns volcáns activos e non erosionados, como é frecuente nos de tipo peleano, que teñen un tapón que tapa o cráter, que pode ser agudo (tipo pitón) ou abovedado (domo volcánico). Cando estes volcáns fan erupción a presión interior pode facer rebentar este tapón orixinando unha erupción na que se forman grandes nubes de piroclastos.