Colleiteiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Denominacións de orixe de Galicia.

Un colleiteiro, tamén coñecido como adega de colleiteiro, refírese a un tipo concreto de adega de Galicia, a cal se caracteriza por elaborar menos de 60.000 litros de viño ao ano, a partir de uva de colleita propia.[1]

O colleiteiro, figura tradicional do rural galego, foi evolucionado á hora de elaborar os seus viños, mantendo viva a tradición, á vez que a combina coas últimas tecnoloxías en elaboración de viños. Na maioría das adegas de colleiteiro, é o propio dono da adega quen se encarga de todo o ciclo de produción, dende o coidado da viña, pasando pola elaboración do viño ata o seu posterior embotellado para a súa comercialización. No mundo do viño encontramos figuras similares á dos colleiteiros como poden ser o concepto de Terroir ou o de Viños de Autor.

Características[editar | editar a fonte]

Un colleiteiro só pode elaborar viño a partir de uva de colleita propia, polo tanto non pode comprar uva ou viño a granel para aumentar a súa produción, non pode elaborar máis de 60.000 litros de viño ao ano e pode vender as súas uvas e/ou o seu viño a outras adegas, e/ou vendelo embotellado baixo marca propia.

Lexislación[editar | editar a fonte]

A figura do Colleiteiro regulouse por primeira vez na Orde do 12 de maio de 1987, sobre condicións esixibles a elaboradores e embotelladores de viño, publicado no Diario Oficial de Galicia do día 8 de xuño de 1987[2] recolle o seguinte:

Artigo 1º- Definicións.

1.1-Entenderase por industrias de “viños de colleiteiro” as de elaboración en embotellado de viños de colleita propia, de variedades preferentes ou autorizadas en Galicia, con capacidade final de elaboración igual ou inferior ós 600HL anuais e titularidade individual ou colectiva.

Artigo 2º- Condicións.

2.1.- Industrias de “viños de colleiteiro” Para os efectos da súa preceptiva inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias e sen prexuício dos condicionantes que resultes aplicables en materia de seguridade, sanidade, turismo, urbanismo, protección do medio ambiente e, en particular, as impostas por cada Consello Regulador na súa denominación de orixe, en defensa da identidade e calidade dos viños amparados, establécense os seguintes requisitos:

a) Os locais destinados a elaboración deberán dispoñer de parámetros e pavimentos impermeables, de fácil limpeza e desinfección, con auga corrente potable, rede de evacuación de augas residuais con fosa séptica, de se-lo caso, ou conexión á rede de sumidoiros municipal. A zona de embotellado, diferente da de elaboración, reunirá as debidas condicións hixiénico-sanitarias para garanti-lo correcto tratamento do viño durante o proceso de embotellado.

b) Dispoñerán de maquinara para estrullado-prensado da uva, recipientes para fermentación e utensilios adecuados ós volumes de produción previstos, enxaugadora ou lavadora de botellas, enchedora, taponadora, capsuladora e etiquetadora mecánicas, non sendo imprescindible a automatización destes procesos. Así mesmo, esixiranse, para a estabilización e conservación do viño, o filtrado (se resultase aconsellable, dadas as características do producto final), así como as prácticas enolóxicas oportunas que garantan a estabilización e conveniente conservación do producto embotellado.

Posteriormente no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, publicado no Diario Oficial de Galicia do día 29 de xaneiro de 2007[3] recolle o seguinte:

"Nas denominacións de orixe en que exista un censo específico que recolla a figura do colleiteiro como pequeno produtor que transforma a súa produción, estes poderán ter unha representación propia e independente da dos sectores determinados nos parágrafos anteriores sen que iso supoña rotura da paridade, dada a súa dobre condición de viticultores e elaboradores. Neste caso, os colleiteiros non votarán no censo de viticultores nin no de adegas."

Na D.O. Ribeiro[editar | editar a fonte]

Actualmente só a Denominación de Orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia, recolle a figura do colleiteiro nos seus estatutos. No artigo 17, punto 1, Rexistro de Adegas [1] di o seguinte:

"No rexistro de adegas inscribiranse todas aquelas que, situadas na zona de produción, realicen algunha das actividades de elaboración, almacenaxe e/ou embotellado de viños procedentes de viñas inscritas e poidan optar ao uso da Denominación de Orixe Ribeiro. Para iso deben cumprir todos os requisitos que estipula este regulamento. Dentro deste rexistro farase un subrexistro coas adegas de colleiteiro, entendidas como tales aquelas que elaboran menos de 600 Hl de viño ao ano, a partir de uva de colleita propia."

A día de hoxe a Denominación de Orixe Ribeiro conta con 56 Adegas de Colleiteiro [4]

Existe unha asociación profesional, a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro, da cal poden ser socios as Adegas de Colleiteiros da Denominación de Orixe Ribeiro que embotellan e comercializan o seu viño, producido unicamente a partir de uvas de colleita propia. Actualmente conta con 29 adegas asociadas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]