Acolle anualmente no mes de febreiro o Québec International Peewee Hockey Tournament, no que participan cerca de 2.300 xogadores de hóckey sobre xeo novos de 16 países.
O pavillón comezou a construírse o 24 de maio de 1949,[1] cunha capacidade para 10.034 espectadores, co obxectivo de substituír outro edificio que ardera no mesmo lugar un ano antes. Construído polos arquitectos Rinfret and Bouchard baixo a dirección de Robert Blatter e F. Caron, o pavillón foi unha mestura do exterior de Estilo Internacional e o interior de estilo Art Déco.[2] A súa construción custou 3000000 de dólares canadenses (30,2 millóns en dólares de 2015).[3] Foi coñecido como "A Casa que Construíu Béliveau", xa que frecuentemente durante os seus primeiros anos se enchía para ver a Jean Béliveau, a estrela dos Quebec Aces, antes de irse aos Montreal Canadiens da NHL. Dúas décadas despois, o pavillón encheríase de novo para ver a Guy Lafleur xogar nos Quebec Remparts, antes de que se unira tamén aos Canadiens.
O edificio experimentou unha profunda renovación en 1980, na que o vidro da entrada orixinal foi substituído por novos vidros, e na que o pavillón ampliou a súa capacidade a 15.750 espectadores para cumprir as normas da NHL na época despois de que os Nordiques deran o salto dende a WHA á NHL. PepsiCo mercou os dereitos do nome do pavillón o 18 de novembro de 1999, e a súa capacidade actual rebaixouse a 15.176 espectadores. A casualidade quixo que os antigos Quebec Nordiques sexan coñecidos actualmente como Colorado Avalanche, que actualmente compiten no Pepsi Center de Denver.
A Cidade do Quebec ten recibido numerosas propostas nos últimos anos para que a cidade regrese á NHL; a maioría destas propostas prevén a utilización do Colisée como sede temporal do equipo mentres se constrúe un novo pavillón xunto á instalación existente. O 10 de outubro de 2009, os xornais da Cidade do Quebec como Le Soleil informaron de que se levaron a cabo negociacións entre a cidade e a NHl sobre a posibilidade e pertinencia de recolocar ou crear unha nova franquía da liga na cidade.
O antigo propietario dos Nordiques e actual presidente do Comité Olímpico CanadenseMarcel Aubut dixo que non hai plans de demoler o Colisée Pepsi mesmo se se constrúe un novo pavillón. Aubut mencionaou unha posible candidatura para os Xogos Olímpicos de Inverno entre outras xustificacións para manter o pavillón existente.[4] Como parte do acordo de construción do novo estadio, unha suma de 7 millóns de dólares canadenses adicionais serán destinados a renovar o Colisée, se na cidade aterra unha franquía dunha potencial expansión da NHL antes de que se remate o novo pavillón en 2015.[5]