Coleomegilla maculata

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coleomegilla maculata

C. maculata nun talo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Superfamilia: Cucujoidea
Familia: Coccinellidae
Subfamilia: Coccinellinae
Xénero: Coleomegilla
Especie: Coleomegilla maculata
De Geer, 1775
Larva de Coleomegilla maculata ssp. lengi

Coleomegilla maculata é un escaravello coccinélido nativo de América do Norte. Os adultos e larvas aliméntanse principalmente de áfidos e a especie foi utilizada para o control biolóxico de pragas.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha maruxiña xeralmente oblonga, aplanada, como media de 6 mm de longo. Na maioría da súa área de distribución é de cor rosa, agás a subespecie fuscilabris, que é laranxa brillante ou vermella. Cada élitro leva 6 manchas negras. O tórax é dun ton vermello similar con dúas grandes manchas negras triangulares. A especie máis parecida é Naemia seriata, mais esta especie está limitada a hábitats costeiros e ten os puntos negros moito máis grandes. Nesta especie o par apical de manchas nos élitros e as marcas no pronoto están fusionadas, cousa que non ocorre en Coleomegilla maculata.[1]

As larvas lembran aligátores en miniatura e son negras. Teñen tres pares de patas e crecen ata os 6 mm de longo. os ovos son fusiformes e deposítanse dereitos en grupos preto de onde hai as súas presas potenciais.[2]

Coleomegilla maculata

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

A femia pode poñer entre 200 e 1.000 ovos en grupos de 8-15 en sitios protexidos en talos e follas durante un período de tres meses. As larvas buscan activamente presas e poden viaxar ata 12 metros na procura de comida. As larvas medran rapidamente, mudando catro veces [2] antes de adherirse polo seu abdome a unha folla ou outra superficie e pupar. Os escaravellos adultos saen 3 ou 12 días despois, dependendo da temperatura. Orixínanse de dúas a cinco xeracións por ano. Esta especie é máis abundante en setembro cando se congregan antes de aparearse e da hibernación invernal. Pasan o inverno en grandes agregacións entre as follas caídas, baixo pedras e noutros sitios protexidos nas beiras de campos e setos. Saen en primavera e buscan presas axeitadas e sitios bos para poñer os ovos en campos de cultivo próximos, a miúdo dispersándose camiñando polo chan.[3]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Estas maruxiñas poden verse en lugares onde se encontran os insectos que son as súas presas. Os cultivos nos que viven poboacións de áfidos son os de trigo, sorgo, millo doce, alfalfa, soia, chícharos, feixóns, algodón, patacas, brasicáceas, tomates, espárrago e mazás.[3] Ademais de áfidos, inclúen na súa dieta adélxidos,[2] ácaros, ovos de insectos (un exemplo son os ovos da avelaíña Hyphantria cunea) [4] e pequenas larvas. Tamén comen pole, o cal constitúe ata o 50% do seu consumo de comida,[3] néctar, auga e melada. Cando escasean as súas presas normais, tanto os adultos coma as larvas ás veces mostran tendencias caníbales, comendo ovos, larvas e pupas da súa propia especie.[2]

Investigacións[editar | editar a fonte]

Atopouse experimentalmente que entreplantar nun cultivo agrícola susceptible aos áfidos plantas como Taraxacum officinale (mexacán), favorece a predación dos áfidos por parte desta maruxiña, xa que é atraída polas flores ricas en pole de mexacán.[5]

C. maculata con frecuencia pon ovos na planta silvestre nativa Acalypha ostryaefolia, cando crece preto do millo doce en Kentucky. Un estudo mostrou que o insecto prefería esta planta para ovopositar en vez do millo doce aínda que non atopase insectos presa. As larvas do primeiro estadio caen destas plantas e arrástranse polo chan a distancias de ata oito metros ao día antes de subiren á planta de millo doce ou outra planta silvestre. A presenza desta planta nas proximidades do cultivo de millo, tiña como resultado que ao final había máis larvas da maruxiña no millo do que era normal cando esta planta estaba ausente.[6]

As investigacións mostraron que as larvas de C. maculata eran unha causa importante de mortalidade para os ovos da avelaíña Helicoverpa zea postos en millo doce.[7]

Un estudo identificou esta maruxiña como un importante predador de ovos do lepidóptero Pyrausta nubilalis, con consumos medios de sesenta ovos ao día.[8]

Outro estudo mostrou que C. maculata reducía as poboacións de ovos e de pequenas larvas do escaravello da pataca, Leptinotarsa decemlineata, en plantas de pataca e que a taxa de consumo estaba moi correlacionada coa tempertura do aire.[9]

Control biolóxico[editar | editar a fonte]

O control biolóxico manipulativo pretende usar estas maruxiñas xa presentes no ambiente para establecer as condicións máis favorables posibles para evitar ter que botar pesticidas químicos, os cales interferirían coa súa predación.[2]

O control biolóxico aumentativo recoñece que estas maruxiñas poden estar presentes no ambiente pero aínda así estar nun número insuficiente para controlar a especie praga e trata de suplir este déficit.[2]

O control biolóxico clásico trata de introducir esta especie que xa non está presente no ambiente coa esperanza de que conseguirá establecerse e finalmente controlará a praga.[2] Disponse comercialmente de subministracións desta maruxiña para este propósito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Adalia, Field Guide to Ladybugs of the US and Canada
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 J. Howard Frank and Russell F. Mizell, III (agosto de 2009). "Ladybirds". University of Florida Institute of Entomology and Nematology, publication # EENY-170, Featured Creatures. Consultado o 2010-12-23. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Cornell University
  4. Warren, L. O.; Tadić, Milorad (1967). "The Fall Webworm, Hyphantria cunea, Its Distribution and Natural Enemies: A World List (Lepidoptera: Arctiidae)". Journal of the Kansas Entomological Society 40 (2): 194–202. JSTOR 25083620. 
  5. Coleomegilla maculata (Coleoptera: Coccinellidae) predation on pea aphids promoted by proximity to dandelions
  6. Factors influencing dispersal of larval Coleomegilla maculata from the weed Acalypha ostryaefolia to sweet corn
  7. "Importance of predation by Coleomegilla maculata larvae in the natural control of the corn earworm in sweet corn". 
  8. The Spotted Lady Beetle, Coleomegilla maculata (De Geer), as a Predator of European Corn Borer Eggs
  9. Coleomegilla maculata (Coleoptera: Coccinellidae): Its Predation upon the Colorado Potato Beetle (Coleoptera: Chrysomelidae) and Its Incidence in Potatoes and Surrounding Crops

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]