Colecistite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Colecistite
Clasificación e recursos externos
ICD-10K81
ICD-9575.0, 575.1
DiseasesDB2520
MedlinePlus000264
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A colecistite é unha inflamación bacteriana ou química da vesícula biliar. Na súa presentación aguda, constitúe unha emerxencia médica, podendo evolucionar a peritonite e mesmo até á morte. Nun 95% dos casos está asociada a litíases, isto é, a pedras ou cálculos biliares. Os individuos con máis risco de padeceren colecistite son as mulleres en período fértil, persoas obesas e individuos con idades comprendidas entre os corenta e os cincuenta anos. A dieta rica en graxas é un factor de risco, así como tamén o son as perdas ou gaños de peso rápidas e máis a diabetes mellitus.

Introdución[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Vesícula biliar

Anatomía biliar[editar | editar a fonte]

A vesícula biliar ten o aspecto dunha bolsa oca con forma de pera situada baixo o fígado.[1] Mide uns 8 cm de longo nos adultos e ten un diámetro de 3–4 cm.[2] Anatomicamente descríbese como dividida en tres partes: fondo, corpo e colo. Os condutos cístico e colédoco comunícana co duodeno. A vesícula está irrigada polas arterias e veas císticas, e recibe innervación do ganglio celíaco, do nervio vago [3].

Fisioloxía biliar[editar | editar a fonte]

Ao día prodúcense entre 500 e 1000 ml de bile. A bile, producida no fígado, emulsiona as graxas que hai na comida parcialmente dixerida, o cal facilitará a acción dos encimas dixestivos. A produción de bile no fígado é constante, pero o baleirado da vesícula é intermitente e está en relación coa dixestión. O control da contracción da vesícula e a conseguinte expulsión da bile é principalmente endócrino, e está a cargo basicamente da hormona duodenal colecistoquinina, que favorece a descarga de bile cando se están a dixerir graxas. Outras hormonas gastrointestinais poden influír tamén, como a gastrina (induce o baleirado), secretina (amplifica a acción da colecistoquinina) e motilina (contrae a vesícula), o polipéptido pancreático (inhibe a contracción vesicular), e o VIP (relaxa o músculo liso da vesícula).

Durante o almacenamento da bile na vesícula, a bile faise máis concentrada, polo que se intensifica o seu efecto. A concentración faise por absorción de auga e ións na bile almacenada, a cal pode diminuír o seu volume ata a décima parte.

Fisiopatoloxía[editar | editar a fonte]

En máis do 90% dos casos a colecistite vén precedida dun cálculo ou pedra na vesícula biliar, doenza que recibe o nome de litíase biliar. A esta entidade dáselle o nome de litíase biliar. Ao obstruír o cálculo o paso da bile, esta queda retida nas vías biliares, producindo unha distensión da parede biliar e edema. Esta situación clínica favorece a inflamación das vías biliares. En casos leves, a inflamación das vías biliares provoca un aumento de espesor da parede. A serosa pode padecer pequenos sangrados, tornándose dunha cor vermella.

Este cadro non adoita evolucionar nin complicarse, xa que o cálculo pode ser eliminado simplemente cun aumento da hidratación. Porén, en casos complicados onde o cálculo obstrúe durante moito tempo a vía biliar, pódese producir isquemia e necrose da parede biliar, podendo dar lugar a doenzas máis graves como a peritonite, que pode resultar mortal.

Aos episodios de colecistite que non veñen precedidos dunha litíase coñecéselles polo termo colecistite alitiásica. Esta é máis complexa de explicar, comprender, e até diagnosticar. As súas causas son fundamentalmente víricas ou bacterianas, producidas por organismos coma os virus Epstein-Bar, a familia dos herpes, ou bacterias coma Salmonella, entre outras.

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

Existe unha maior incidencia en mulleres que en homes, chegando nalgúns países a proporcións 10:1. Na actualidade, as idades con maior predominio son as etapas de maior auxe reprodutivo, isto é, entre os 20 e os 40 anos. Considéranse factores predispoñentes o feito de ser muller, por mor das hormonas estroxénicas. Estas hormonas aumentan o colesterol, sobre todo as Lipoproteínas de Baixa Densidade (LDL, do inglés Low Density Lipoprotein) e as Lipoproteínas de Moi Baixa Densidade (VLDL, do inglés Very Low Density Lipoprotein), mais tamén mingüan na vesícula biliar os sales biliares e os ácidos biliares. Isto fai que sexa máis doado que se formen pedras na vesícula.

Polo mesmo factor hormonal, as mulleres que tiveron moitos embarazos considérase tamén factor de risco. No embarazo, as hormonas estroxénicas aumentan na muller. O sobrepeso e a obesidade, a diabetes, e outras doenzas que alteran o equilibrio lipídico, son outros factores de risco para padecer litíases e, polo tanto, son susceptíbeis de sufrir colecistite.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 21 de marzo de 2013. 
  2. Jon W. Meilstrup (1994). CRC Press - Boca Raton, ed. Imaging Atlas of the Normal Gallbladder and Its Variants. p. 4. ISBN 0-8493-4788-2. 
  3. Ginsburg, J.N. (2005-08-22). "Control of Gastrointestinal Function". En Thomas M. Nosek,. Gastrointestinal Physiology. Essentials of Human Physiology. Augusta, Georgia, United State: Medical College of Georgia. pp. p. 30. Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2008. Consultado o 2007-06-29. 

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre medicina é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.