Cohesión social
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2017.) |
A cohesión social designa, en socioloxía, o grao de consenso dos membros dun grupo social ou a percepción de pertenza a un proxecto ou situación común. É unha medida da intensidade da interacción social dentro do grupo; pode ser medido cun test de índices ou simplemente descrito ou definido para cada caso. Atenta contra a cohesión a anomia, é dicir, o comportamento non baseado en normas.
Isto quere dicir que esas relacións son consensuais, percibidas como xustas entre os grupos que gobernan e os que son gobernados. Demandan ou implican tanto a percepción do bo desempeño das autoridades e que esas sexan respectadas como que exista unha acción percibida como de interese común.
A cohesión dun grupo pode medirse mediante un test estatístico non paramétrico ou libre de distribución, como o coeficiente de correlación de rangos de Pearson (r) ou o coeficiente de correlación de rangos de Kendall (τ), que comparan os resultados escalares de varios cuestionarios sobre unha mesma variable en dous momentos diferentes da mostraxe ou entre dúas variables diferentes pero relacionadas.
Ó discutir sobre os diferentes grupos sociais, dise que un grupo é un estado de cohesión (cando os membros posúen lazos que os unen uns con outros e co grupo como un só). Aínda que o termo cohesión é un proceso que consta de moitos factores, pódense distinguir catro compoñentes esenciais: as relacións sociais, as relacións de traballo, a unidade (que se percibe entre os membros do grupo) e as emocións dos integrantes.
O campo da discriminación social pode estudarse, dende as perspectivas sociolóxicas do interaccionismo simbólico, o funcionalismo ou a teoría do conflito, como un problema de cohesión social.
A noción de integración social utilízase habitualmente como sinónimo da cohesión. Desde a perspectiva funcionalista ou a teoría de sistemas enténdese a integración nun sistema de estratificación social como fundamento harmónico das relacións entre as clases; as institucións e, a fortiori, o sistema social no seu conxunto considéranse como un todo funcional.