Coche fúnebre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Coche fúnebre.

Un coche fúnebre ou carroza fúnebre é un vehículo que se utiliza para transportar o cadaleito que contén os restos mortais dunha persoa. No ritual funerario de moitas culturas os corpos deposítanse nun féretro que é transportado nun coche fúnebre polo traxecto dende o sitio do velorio á igrexa, e despois ao punto final de enterro ou incineración do corpo. Nalgúns casos, o vehículo é acompañado por escolta policial ou militar, como ocorre nos funerais de Estado, que en ocasións substitúen o coche fúnebre por helicópteros para o traslado do cadaleito ao lugar de enterro, cremación etc.

Historia[editar | editar a fonte]

Coche fúnebre branco usado no enterro de nenos.
Parte traseira dun coche fúnebre.

Os primeiros coches fúnebres tirados por cabalos eran usados nos ritos fúnebres de Inglaterra dende o século XVI existindo rexistros de uso en América cara a finais do século XVII. Os primeiros coches motorizados datan de maio do ano 1907 segundo a revista Scientific American sendo os vehículos baseados en combustíbel fósil construídos dende 1909 nos Estados Unidos. Porén, non foi senón ata os anos 1920 en que o seu uso empezou a estenderse.

Dende os primeiros anos do século XX e até ben entrada a década de 1930 dese mesmo século, os coches fúnebres motorizados eran fabricados emulando ás carrozas fúnebres vitorianas con gran cantidade de ornamentos exteriores (nalgúns modelos, como o de Leo Gillig de 1913 incluían farois e campaíñas mudas) e tocados interiores na zona do cadaleito.[1]

Despois da Segunda Guerra Mundial empezouse a usar un estilo máis sobrio que substituiría paulatinamente o uso de coches tallados e o chasis metalizado liso empezou a ser o predominante. A elegancia foi o punto para seguir impoñéndose o estilo tipo limusina.

Estrutura dun coche fúnebre[editar | editar a fonte]

O coche fúnebre tradicional consta dun chasis alongado tipo vagón con espazo abondo para albergar un cadaleito e os arranxos florais que lle acompañan. A parte frontal, incluíndo a cabina, son moi parecidos a unha limusina con capacidade para o condutor e un ou dous acompañantes do féretro.

A parte traseira do coche fúnebre está especialmente deseñada para aloxar o cadaleito equipando o piso con senllas armazóns metálicas provistas de seguros que serven tanto para estabilizar o caixón (se están activados) como para permitir o seu esvaramento. O vagón traseiro pode estar recuberto totalmente en vidro transparente - co que se permite unha vista total do cadaleito - ou recuberto por unha carrozaría metálica con vidros polarizados ou semipolarizados.

Os coches fúnebres equipados con bucinas, campás ou sirenas son aínda comúns en certas rexións do mundo. Devanditos artefactos son utilizados para dar unha maior solemnidade ao ritual e eran un aditamento case obrigado nos coches de principio e metade do século XX.

Motocarrozas fúnebres[editar | editar a fonte]

Motocarroza fúnebre.

Un moderno estilo de carrozas fúnebres baséase no uso de motocicletas ás cales se lles adapta un sidecar que serve de vagón para o transporte do cadaleito. Aínda que isto non pasa de ser unha excentricidade, é usada en funerais de persoas adictas ao mundo da motocicleta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Classic American Funeral Vehicles: 1900 Through 1980 Photo Archive (Photo Archives).