Coccinella septempunctata

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Maruxiña, xoaniña, reirrei
7-Spotted-Ladybug-Coccinella-septempunctata-sq1.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Familia: Coccinellidae
Xénero: Coccinella
Especie: Coccinella septempunctata
(Linnaeus, 1758)

Coccinella septempunctata é a maruxiña de sete puntos, que é a maruxiña máis común en Europa e Galicia.[1] En Galicia é un insecto moi coñecido e popular, o que explica que teña tantos nomes comúns, como principalmente maruxiña, reirrei, xoaniña, barrosiña, coccinela, papasol, papoia, voaniña, voíña ou xoana.[2] Outros nomes que se lle dan son: adiviñón, bichiño de Deus, bixaniño, carrabouxiño, cascarrubia, coco de Deus, costureiriña, mexaniña, paxariña, pepiñarrubia, pita de Deus, pitasol, roiceña, sabiñón, teresiña, vacarrubia ou velairiña.[3]

Os seus élitros son de cor vermella escura e con tres puntos negros en cada un e outro punto máis dividido pola unión entre os dous élitros, o que fai un total de sete puntos, de onde deriva o seu nome científico (septempunctata, do latín septem, 'sete' e punctus 'punto').

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Unha larva de C. septempunctata
Ademais de ser un insecto depredador, a maruxiña de sete puntos consome tamén pole e néctar
Apareamento de C. septempunctata

C. septempunctata ten unha ampla distribución ecolóxica; xeralmente vive de comer áfidos.[4] Entre outros biótopos atópase en prados, campos, estepas da zona ponto-caucásica, parques, xardíns, bosques de folla ancha do occidente eutropeo e bosques mixtos. Tanto os adultos como as larvas son predadores voraces de áfidos e, debido a isto, C. septempunctata foi repetidametne introducida noutras zonas, como en América do Norte, como axente para o control biolóxico de pragas para reducir o número de áfidos, e agora xa está establecida en América do Norte, ata o punto que foi designada insecto oficial de sete estados (Delaware, Massachusetts, Nova Hampshire, Ohio e Tennessee). En América está superando na competencia a especies nativas doutras Coccinella.

Aínda que C. septempunctata é principalmente afidófaga tamén come Thysanoptera, Aleyrodidae, larvas de Psyllidae e Cicadellidae, e come ovos dalgúns escaravellos e bolboretas.[5] Prodúcense unha ou dúas xeracións por ano. Os adultos pasan o inverno en beiras de bosques, parques con follas caídas, xardíns e baixo codias de árbores e rochas.

Anatomía e fisioloxía[editar | editar a fonte]

Os adultos poden ter unha lonxitude corporal de 7,6 a 10,0 mm. Os seus puntos distintivos e atractivas cores parece que a fan pouco atractiva para os seus predadores. A especie pode segregar un fluído polas articulacións das patas que lle dá mal sabor. Unha maruxiña que se sente ameazada pode facerse a morta e segregar a substancia dedsagradable para protexerse.[6] Sintetiza o alcaloide tóxico N-oxido coccinelina e a súa base libre precoccinelina. Parece ser que dependendo do sexo e a dieta, o tamaño dos seus puntos e coloración poden proporcionar aos seus potenciais depredadores certa indicación do nivel de toxicidade á que chega o individuo.[7]

Distribución[editar | editar a fonte]

Pode encontrarse en Europa, Norte de África, Australia, Chipre, Rusia europea, o Cáucaso, Siberia, o oriente distante ruso, Belorrusia, Ucraína, Moldavia, Transcaucasia, Casaquistán, centro de Asia, Asia occidental, Oriente Próximo, Afganistán, Mongolia, China, as Coreas, Paquistán, Nepal, norte da India, Xapón e sueste de Asia. Actualmente pode encontrarse tamén en Norteamérica (como especie introducida, con poboacións establecidas desde 1973) e en África tropical.[8]

Predadores[editar | editar a fonte]

Os seus principais depredadores son pequenos roedores, paxaros e certas arañas. Ademais, certos insectos como a barbantesa ou certos chinches como Rhynocoris iracundus, devoran as maruxiñas en todas as etapas da súa vida.

A coccinela asiática Harmonia axyridis é unha especie invasora en países como Inglatera e Francia,[9] que compite coa maruxiña de sete puntos e pode tamén depredala.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Recoñécense como válidas as seguintes subespecies:[10]

  • Coccinella septempunctata brucki Mulsant, 1866
  • Coccinella septempunctata septempunctata Linnaeus, 1758

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Coccinella septempunctata (Linnaeus,1758:365). Seven-spotted lady beetle; Seven-spotted ladybug". Discover Life. Consultado o November 29, 2010. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para reirrei.
  3. Diccionario de sinónimos da lingua galega. Galaxia, Vigo 1997.
  4. Schembri, Patrick J.; Baldacchino, Alfred E. (2011). Ilma, Blat u Hajja: Is-Sisien tal-Ambjent Naturali Malti (en Maltese). pp. 81–82. ISBN 978-99909-44-48-8. 
  5. Savoiskaya, G.I., Coccinellid Larvae (Coleoptera, Coccinellidae) of the Fauna of the USSR (Nauka, Leningrad Branch, Leningrad, 1983) (Keys to the Fauna of the USSR, Published by the Zoological Institute of the Academy of Sciences of the USSR, No. 137) [in Russian].
  6. "Ladybugs". National Geographic. National Geographic Society. Consultado o August 10, 2019. 
  7. J. Blount; H. Rowland; F. Drijfhout; J. Endler; R. Inger; J. Sloggett; G. Hurst; D. Hodgson; M. Speed (2012). "How the ladybird got its spots: effects of resource limitation on the honesty of aposematic signals". Functional Ecology 26 (2): 1–9. doi:10.1111/j.1365-2435.2012.01961.x. 
  8. N. B. Nikitsky and А. S. Ukrainsky, 2016 The Ladybird Beetles (Coleoptera, Coccinellidae) of Moscow Province ISSN 0013-8738. Entomological Review, 2016, Vol. 96, No. 6, pp. 710–735 ISSN 0013-8738 online pdf
  9. Ben Quinn (November 7, 2006). "Home-grown ladybirds put to flight by alien invasion". The Daily Telegraph. 
  10. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Coccinella septempunctata (TSN 114347)" (en inglés). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]