Saltar ao contido

Coñecemento situado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coñecemento situado
Instancia deconcepto Editar o valor en Wikidata
Estudado porepistemoloxía, teoría queer e estudos de xénero Editar o valor en Wikidata
Wikidata ]

Coñecemento situado é un concepto que fai referencia a unha postura epistemolóxica crítica desenvolvida por Donna Haraway en Simians, Cyborgs and Women: The Reinvention of Nature (1991). Esta nace dunha crítica á epistemoloxía feminista. O coñecemento situado propón falar dos obxectos de estudo poñendo en evidencia o lugar desde o cal se parte, xa que, independentemente do tipo de método empregado, ningún coñecemento está desligado do seu contexto nin da subxectividade de quen o emite.[1]

Haraway propón especificar desde que punto de vista se parte e por que ese e non outro. Desta maneira faise explícita a postura política –xa que os puntos de vista non son nunca neutros– dunha maneira ética (explicando cal é o enfoque sen dar lugar a ambigüidades).

Precedentes

[editar | editar a fonte]

Teoría do punto de vista feminista

[editar | editar a fonte]

Sandra Harding, en The Science Question in Feminism (1986), fai unha crítica ao coñecemento científico empirista e positivista (é dicir, con pretensións esencialistas e de atopar verdades absolutas), e partindo do materialismo histórico, expón que existen diversidade de puntos de vista segundo o seu estratificación social e a súa pertenza a grupos.

Tamén nos di que as mulleres, por ocupar unha posición de subordinación (ao longo da historia occidental) terán un punto de vista diferente á hora de xerar coñecemento, o cal será menos interesado, e por tanto, máis explicativo. Así, fala dun suxeito epistémico privilexiado, que é aquel que, pola súa condición de suxeito oprimido, poderá coñecer desde un punto de vista menos interesado que o dos suxeitos opresores (aplíquese neste caso de mulleres creadoras de coñecemento fronte a un mundo científico de homes con pretensións de verdade, así como tamén ese suxeito epistémico privilexiado pode pensarse desde a obreira fronte o seu patrón, a xudía fronte ao nazi, ou a pacientes fronte os seus psiquiatras). As epistemoloxías feministas do punto de vista, "herdeiras de Hegel, Marx, Engels e Lukács, defenden a superioridade do coñecemento dos subxugados sobre o coñecemento do «amo», sempre parcial e perverso".[2]

Con anterioridade a Harding, Nancy Harstock en 1983 explicita que a mirada das mulleres sempre queda fóra da perspectiva dominante

O que critica Haraway á teoría do punto de vista feminista é certo esencialismo, xa que falan das "experiencias de mulleres" coma se fose algo unívoco e o dualismo que provoca contrapoñendo as "experiencias de mulleres" ás "experiencias de homes". Existen uns eixos de desigualdade, así como moitos tipos de mulleres. Entón, a investigadora ou investigador terá que ter en conta esa fragmentación das subxectividades que xera un coñecemento distinto acerca da desigualdade e que fará, por tanto, que o coñecemento sempre teña que ser parcial e situado.

  1. Haraway, Donna Jeanne (1995). Ciencia, cyborgs y mujeres: la reinvención de la naturaleza (en castelán). Universitat de València. ISBN 978-84-376-1392-5. Consultado o 2021-02-26. 
  2. Casado, E., "Ciencia y Feminismo" en revista Política y Sociedad de la UCM en formato pdf en: http://revistas.ucm.es/cps/11308001/articulos/POSO9797330179A.PDF Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]