Club de Remo Puebla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Club de Remo Puebla é un club de remo do concello coruñés da Pobra do Caramiñal. Actualmente compite na segunda categoría da Liga Galega de Traiñeiras, denominada LGT-A.

Historia[editar | editar a fonte]

O Club de Remo Puebla foi fundado no ano 1979 por un grupo de persoas da localidade, que coa colaboración Dona Carmela Arias y Diaz de Rabago, que patrocinou a compra da primeira traiñeira (que foi bautizada co nome de "Carmela"), recuperaron para o concello un dos deportes máis tradicionais das vilas mariñeiras da Ría de Arousa. Ese mesmo ano, o club presidido por Valentín Hermo Rios participou en varias competicións na modilidade de traiñeira.

Porén non foi ata o ano 1981 cando se puxo en funcionamento o remo en categorías inferiores. Foi ese ano cando o club adquiriu o primeiro batel (o "Delfín I"), comezando a participación nas regatas desta modalidade.

Nos seus primeiros anos o club desenvolveu a súa actividade no edificio da antiga lonxa situada ao pé do embarcadoiro, ata que no ano 1983 unha decisión do goberno local desaloxou o club desas instalacións, iniciando un longo peregrinar por múltiples locais. Ese mesmo ano, non obstante, chegou o primeiro gran éxito deportivo da entidade coa clasificación da "Carmela" para os campionatos de España que se celebrarían na localidade cántabra de Castro Urdiales, onde a embarcación patroneada por "Quico Moure" finalizou na sexta posición.

En 1984, con Francisco Moure como novo presidente da sociedade, esta conseguiu o maior logro deportivo na historia da Pobra do Caramiñal ao proclamarse Campión de España de bateis na categoría infantil en augas de Castro Urdiales, conseguindo a tripulación integrada por Silverio como patrón, Callón, Josemari, Noli e Frán, o primeiro titulo estatal de bateis para Galiza. Ese mesmo ano o equipo de cadetes finalizou no quinto posto estatal. Nos seguintes anos o club estivo presente de xeito ininterrompido nos campionatos estatais de bateis cos xuvenís no ano 1985, e os infantís e cadetes no 1986, obtendo a medalla de bronce cos cadetes, e cos cadetes no ano 1987.

No ano 1985 o club mercou a súa primeira traiñeira, e ese mesmo ano acadou a clasificación nas categorías xuvenil e sénior para o Campionato de España, no que acadaron o sexto e sétimo posto respectivamente.

Xa en 1988, baixo a presidencia de Cipriano A. Fuentes (que asumira a dirección do club en decembro de 1986) e tras unha exitosa tempada na modalidade de traiñeira, a "Carmela" clasificouse para os campionatos de España que se celebrarían en Bermeo, onde repetiu a sexta posición. Este mesmo ano gañou a primeira Bandeira Deputación da Coruña.

Ata o ano 1994, logo de múltiples dificultades e de estar preto da desaparición debido principalmente á falla de instalacións, e xa baixo a presidencia de Andrés Fernández, novamente un equipo obtivon o pase ao Campionato de España, acadando a medalla de prata na categoría infantil, e proclamándose campión da Copa de Galiza.

Dende o ano 1995, o club ten unhas novas instalacións situadas no Recheo do Castelo, onde dispón de ximnasio, oficina, vestiarios e almacén de embaracacións.

No ano 1997 produciuse a primeira participación dun equipo femeinino en competición estatal, acadando a oitava posición na categoría infantil-cadete en Castro Urdiales.

Nos anos 2004 e 2005 o club participou no Campionato de España de banco móbil, e acadou o quinto posto en dobre skull xuvenil feminino e o cuarto posto en skiff xuvenil feminino.

Dende o ano 2005 forma parte da Asociación Liga Galega de Traiñeiras, e participou dende aquela en todas as edicións celebradas da Liga Galega de Traiñeiras.

No ano 2006 celebrouse a primeira Bandeira Concello da Pobra de Traiñieras, que continuou en 2007 coa segunda edición.

Na tempada 2008, baixo a dirección técnica de Andrés Domínguez en categorías inferiores e Daniel Vázquez cos xuvenís e sénior, o club acadou a participación en todas as categorías masculinas de banco fixo, con dous equipos de bateis competindo nas categorías infantil e cadete, e un equipo batel nas categorías xuvenil e sénior. Na modalidade de traineriñas participou cun equipo na categoría xuvenil e dous na categoría sénior. Ese ano o club conseguiu dous primeiros postos no Campionato Territorial de Bateis e Traineriñas en categoría xuvenil, un cuarto posto no Campionato Territorial de Traiñeiras en categoría sénior (clasificándose tanto os xuvenís como os sénior para o Campionato Galego, no que finalizaron no cuarto e oitavo posto respectivamente e permitindo aos xuvenís a participación no Campionato de España celebrado en Castro Urdiales, onde conseguiu o oitavo posto), mentres que na modalidade de traiñeiras o club conseguiu o noveno posto na Liga Galega de Traiñerias (mellorando a súa clasificación das edicións precedentes).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]