Clactoniense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Clactoniense é unha facies industrial do Paleolítico inferior descrita por Henri Breuil en 1932 a partir de materiais do lugar epónimo de Clacton-on-Sea (Essex, Inglaterra).[1]

Aínda que é contemporáneo do Acheuliano e comparte os seus mesmos trazos tecnolóxicos, carece de bifaces. Caracterízase, máis ben, por un procedemento de extracción de lascas que a miúdo recibe ese mesmo apelativo (técnica clactoniense) e que consiste en obter pezas de gran tamaño golpeando con grandes percusores, en xeral pasivos (percusor dormente).

Lasca clactoniense.

As lascas así obtidas distínguense polo talón groso, case sempre liso ou cortical, e cun contraconcoide moi prominente. Esta facies parecía estenderse por toda a Europa atlántica.

Samuel H. Warren, revisando as ideas de Breuil, matiza que non se trata propiamente dunha industria só con lascas, senón que posúe varios tipos de útiles nucleares, fundamentalmente, cantos tallados, elaborados sobre bloques angulosos de sílex. Ademais, máis da metade das lascas que puido estudar do sitio arqueolóxico de Clacton non extraeran seguindo o proceso descrito por Breuil.[2] Técnica que, por outra parte se dá noutras culturas da Idade da Pedra.

No sitio arqueolóxico de Swanscombe (tamén en Inglaterra) atopáronse lascas de tipo clactoniense en sedimentos moi antigos, datados na glaciación Mindel ou, incluso no interglaciar anterior (quizais hai uns 600 000 anos). Nos socalcos do río Somme (arredores de París, Francia) industrias deste tipo asociáronse a restos de fauna (Elephas antiquus e Elephas meridionalis), ás mesmas cotas que o Abbevillense (é dicir, comezos do Acheuliano). Ó evolucionar, no interglaciar Mindel-Riss, o Clactoniense diversifica os seus útiles, polo que comeza a falarse dunha etapa diferente, o Evenosiense; o cal, á súa vez, dará lugar ás chamadas Industrias tipo Curson. O Evenosiense, que tamén carece de bifaces, xa posúe útiles como os raspadores e truncaduras —virtualmente idénticos ós do Paleolítico superior—, ademais de cantos tallados, poliedros, marcas e denticulados.

Porén, Clactoniense, máis que unha cultura ou unha facies, podería tratarse dunha técnica de talla que é usada indistintamente para a extracción de lascas ou para o retoque das mesmas con percusor duro. Este retoque adoita ter como obxecto obter unha profunda escotadura ou fenda no fío, por medio dun único lascado moi penetrante e marcado: Muesca clactoniense. Entendéndoo así, o clactoniense existe dentro do Acheuliano[3] (quizais como variante, ó longo de todo o seu desenvolvemento[4]) e, incluso, durante etapas posteriores.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Breuil, Henri (1932). "Le Clactonien". Préhistoire. Vol. 1  (No. 2). Páginas 125-190. 
  2. Warren, Samuel Hazzledean (1951). "The Clacton flint industry; a new interpretation". Proceedins of the Geologist's Association. No. 62  (páginas 107-135). Wenban-Smith, F. F. 
  3. Ohel, Milla Y. (1979). "The Clactonian: an independant complex or an integral part of Acheulean". Current Anthropology. Vol. 20  (No. 4). ISSN 0011-3204. 
  4. De feito, nos estudos máis recentes doutros sitios arqueolóxicos achegados xeográfica e cronoloxicamente a Clacton-on-Sea (Hoxne e Boxgrove) localizáronse numerosos bifaces: Singer, Ronald; Wymer, John et alter (1973). "Excavation of the clactonian industry, at the golf course, Clacton-on-Sea, Essex". Proceedings of the Prehistoric Society. Vol. 39  (página 6-74). PIP 92566.