Cinema Novo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Cinema Novo foi un movemento cinematográfico brasileiro, influenciado polo neorrealismo italiano e pola "Nouvelle Vague" francesa, con repercusión internacional. Xurdiu en circunstancias análogas ao movemento portugués chamado Novo Cinema.

Orixes[editar | editar a fonte]

Na década de 1950 o cinema brasileiro estaba dominado pola chanchada (filmes musicais, con frecuencia cómicos e baratos), historias épicas de grande orzamento que imitaban o estilo de Hollywood e o cinema denominado "serio" que o cineasta Carlos Diegues describe como "ás veces cerebral e a miúdo ridiculamente pretensioso."

En 1952 tiveron lugar o I Congresso Paulista de Cinema Brasileiro e o I Congresso Nacional do Cinema Brasileiro. Nestes congresos discutíronse novas ideas para a produción de filmes nacionais. Unha nova temática de obras comezou a ser abordada. Así, cineastas do Río de Xaneiro e Bahia resolveron elaborar novos ideais para o cinema brasileiro. Estes ideais eran contrarios aos carísimos filmes producidos por Vera Cruz e opostos ás alienacións culturais que reflectían as chanchadas.

O que os mozos implicados no proceso querían era a produción dun cinema barato, feito con "unha cámara na man e unha idea na cabeza". Os filmes volvían á realidade brasileira e cunha linguaxe adecuada á situación da época. Os temas máis tratados estaban fortemente ligados ao desenvolvemento do país. Esa nova fase está ben representada polo filme Rio, 40 graus (1955), de Nelson Pereira dos Santos. As propostas do neorrealismo italiano foron a inspiración do autor do filme.

Temas e estilo[editar | editar a fonte]

Os historiadores do cinema dividen o movemento en tres fases diferentes:

Os filmes da primeira fase (1960-1964) representan os obxectivos orixinais do Cinema Novo. Eran filmes formais no ton e rurais no escenario, tratando os problemas da clase obreira, como a fame, a violencia, a alienación relixiosa e a explotación relixiosa. Ao contrario que o cinema tradicional, que mostraba belos actores profesionais en paraísos tropicais, nesta fase os cineastas buscaban os recantos máis escuros da vida brasileira, as favelas e o sertão. O director Glauber Rocha foi o máis coñecido dos cineastas do momento, con obras como Deus e o Diabo na Terra do Sol, que foron aclamadas por críticos de todo o mundo.

A segunda fase (1964-1968) comeza co golpe de estado que leva o Brasil á autarquía militar. Os brasileiros perderon fe nos ideais do Cinema Novo, movemento que prometera protexer os dereitos civís pero que fracasara en manter a democracia. Os filmes desta fase trataban de desviar as críticas e facer fronte á angustia e perplexidade que sentía o pobo. Fíxose producindo filmes que analizaban o fracaso de certo populismo.

A terceira fase (1968-1972) consistiu nunha mestura de temas políticos e sociais con personaxes e imaxes non afastados da riqueza e vizosidade da selva brasileira. Foi chamada tamén fase tropicalista. Coa modernización do país, o Cinema Novo tamén se volveu máis profesional. Cineastas e espectadores comezaron a sentir que o movemento estaba a contradicir os ideais da súa primeira fase. Esta percepción deu lugar ao nacemento do Novo Cinema Novo, ou Udigrudi, que empregaba unha estética sucia para volver á idea inicial.

Principais nomes do Cinema novo[editar | editar a fonte]

Xunto con Rocha e Pereira dos Santos destacaron os directores Cacá Diegues, Joaquim Pedro de Andrade, Leon Hirszman, Roberto Santos, Rogério Sganzerla, Ruy Guerra, Olney São Paulo, Paulo César Saraceni e Alex Viany.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]