Cidade dormitorio

Unha cidade dormitorio é unha zona poboada de uso principalmente residencial e non comercial ou industrial. As cidades dormitorio poden ser cidades, vilas ou distritos, que se atopan a certa distancia dunha cidade principal ou imán, que si posúe servizos e onde habitualmente se atopa o lugar de traballo ou ocio dos habitantes da cidade dormitorio. As viaxes realizadas entre os domicilios situados na cidade dormitorio e os demais espazos denomínanse desprazamentos.
As cidades dormitorio son xeralmente parte da área metropolitana dunha cidade. A diferenza entre unha cidade dormitorio e un suburbio non sempre está clara. En xeral, considérase que un suburbio se desenvolve en áreas adxacentes aos principais centros de emprego, mentres que unha cidade dormitorio crece orixinalmente nunha zona rural ou semi-rural. Esta distinción pérdese cando o crecemento urbano une as dúas comunidades.
Cidades dormitorio en Galicia
[editar | editar a fonte]O concepto de cidade dormitorio en Galicia é difuso e pouco claro, e aplica máis ben a barrios ou urbanizacións dentro dun concello que aos propios concellos en si. Ademais, Galicia non conta con metrópoles o suficientemente grandes para precisar de cidades dormitorio. Tamén infúe a distribución morfolóxica da poboación galega, mais estendida en distribucións rururbanas, máis que establecida en cidades dormitorio como tal. De feito, a distribución de moitos concellos segue o mesmo patrón da cidade dormitorio, de xeito que existe un centro histórico con grande actividade comercial e de servizos, onde se atopan colexios, bibliotecas, centros de saúde e lugares de lecer, e unha periferia rural consistente en casas e hortas distribuída nas parroquias circundantes.
Ademais, o proceso de expansión das cidades galegas non seguiu un proceso de crecemento e proliferación planificado, senón que co medre das cidades comezaron a proliferar urbanizacións e construcións residenciais de carácter ilegal ou non planificado en áreas de influencia das cidades.[1]
Algúns exemplos de cidades dormitorio serían:
- Na área metropolitana de Pontevedra, algúns núcleos dos concellos de Poio ou Marín.
- Na área metropolitana de Vigo, algúns núcleos dos concellos de Salceda de Caselas ou Mos.
- Na área metropolitana da Coruña, algúns núcleos de Culleredo, como O Burgo; Oleiros ou Cambre.
- Na área metropolitana de Santiago, os núcleos de Bertamiráns[2] e O Milladoiro, en Ames.
- Na área metropolitana de Ourense, varios núcelos de Barbadás e San Cibrao das Viñas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Herce, José H. (2007). La economía de Galicia: diagnóstico estratégico. La Caixa. p. 3.
- ↑ Méndez, Víctor (2018). Narcogallegos.Tras los pasos de Sito Miñanco. Los libros de la catarata. p. 128. ISBN 9788490975152.