Ciclabilidade
A ciclabilidade é o grao de facilidade da circulación de bicicletas.[4] Un maior grao de ciclabilidade nas cidades está relacionado, entre outros, con beneficios para a saúde das persoas, menores niveis de contaminación atmosférica e acústica, mellora da fluidez do tráfico ou unha maior produtividade.[5][6][7]
Factores de ciclabilidade
[editar | editar a fonte]Entre os factores que afectan á ciclabilidade atópanse:[8][9][10][11][12][13][14]
Seguridade
[editar | editar a fonte]A seguridade das vías ciclistas é un requisito para unha alta ciclabilidade:
- As vías máis seguras son aquelas que están segregadas do tráfico motorizado (carrís bici segregados), seguidas das ciclorrúas nas que as persoas ciclistas teñen prioridade e, por último, os carrís compartidos, nos que as bicicletas circulan xunto a vehículos motorizados en vías de varios carrís por sentido.
- A anchura das vías ciclistas debe ser suficiente para que dúas bicicletas poidan cruzarse ou adiantarse con seguridade.
- A visibilidade da vía debe posibilitar a previsión de posibles freadas e interseccións, evitando curvas en ángulo recto.
- As interseccións deben, pola súa banda, estar ben sinalizadas tanto para as persoas ciclistas como para o tráfico motorizado.
- As vías deben evitar ter obstáculos, como farois ou bancos. Tamén deben evitar que sexa necesario portar a bicicleta, como nas escaleiras; nese caso poden incorporarse ramplas para bicicletas.
- O firme debe ser liso, con obstáculos rebaixados como nos bordos, con materiais que non ofrezan demasiada resistencia, que drenen e que, ao mesmo tempo, non sexan esvaradíos cando chove.
Coherencia
[editar | editar a fonte]Unha rede ciclista coherente implica:
- As vías ciclistas deben cubrir toda a extensión da cidade, de maneira que a bicicleta poida utilizarse para acudir ao máximo de destinos posibles. Idealmente, debería haber unha vía ciclista a menos de 250 metros de calquera punto da cidade.
- Teñen que estar conectadas entre si de maneira continua.
- Deben existir aparcadoiros seguros tanto na orixe como no destino dos percorridos.
- O deseño das vías ciclistas debe ser uniforme, de maneira que toda a cidadanía poida percibir con rapidez o uso desa vía, evitando conflitos.
- As vías deben estar correctamente sinalizadas, incluídos os destinos que ofrece cada unha delas.
Rectitude
[editar | editar a fonte]As bicicletas están impulsadas polo exercicio físico das persoas; polo tanto, unha rede ciclista altamente ciclable debe permitir desprazamentos directos sen grandes esforzos:
- Os traxectos entre orixes e destinos poden realizarse da maneira máis lineal posible, sen necesidade de facer grandes desviacións.
- As vías ciclistas deben percorrer as rúas principais, pois adoitan ser as que acollen a maioría de tendas e servizos.
- Deben evitar ou minimizar as pendentes.
- Reducir o número de detencións, como semáforos ou interseccións, que requiren un maior esforzo físico.
Indicadores de ciclabilidade
[editar | editar a fonte]Un dos mellores indicadores do grao de ciclabilidade é a proporción equilibrada de xéneros e idades que fan uso cotián da bicicleta. As mulleres, a infancia e as persoas maiores son quen teñen unha maior percepción de inseguridade; polo tanto, se unha cidade ten unha ciclabilidade baixa, non considerarán a bicicleta como un medio de transporte habitual. Pola contra, unha composición de persoas usuarias da bicicleta similar á estrutura demográfica indicará un espazo altamente ciclable.[6][15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Los usuarios de los carriles bici crecen en Valencia un 214% en cinco años". El País. 19/9/2021.
- ↑ "Las mujeres usan más las bici en Valencia en cuanto aumenta la seguridad". El País. 3/2/2020.
- ↑ "Se incrementa el uso de la bicicleta en València en las mujeres de entre 25 a 55 años". La Vanguardia. 8/4/2021.
- ↑ "Ensayo metodológico para evaluar la ciclabilidad de los carriles bici de la ciudad de Málaga. Caso del carril bici Universidad – Rectorado" (PDF). 2014.
- ↑ "The Weight of Place: Built Environment Correlates of Obesity and Diabetes". Endocrine Reviews. 24/02/2022.
- 1 2 "Estrategia estatal por la bicicleta" (PDF). Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana. Xuño, 2021.
- ↑ "Ir al trabajo en bicicleta mejora la productividad". Cinco Días. 2/12/2015.
- ↑ "Guía de recomendaciones para el diseño de infraestructura ciclista. Estrategia de Movilidad Segura, Sostenible y Conectada 2030". esmovilidad.mitma.es.
- ↑ "Manual de Diseño para el Tráfico de Bicicletas". CROW. Marzo, 2011.
- ↑ "Postura de ConBici ante las vías ciclistas". ConBici. Noviembre, 2017.
- ↑ "Manual de parámetros para definir una clasificación según el grado de ciclabilidad" (PDF). Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación de España. Mayo, 2020. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de marzo de 2023. Consultado o 26 de febreiro de 2026.
- ↑ "Plan de ciclabilidad para Burgos 2020". Burgos con Bici. 14/9/2020.
- ↑ "Claves para la integración de la bici en la movilidad urbana". ConBici. 13/10/2020.
- ↑ "Quality criteria for long-distance cycle routes. European Certification Standard" (PDF). European Cyclists’ Federation. Diciembre, 2021.
- ↑ "2ª Fase del Plan de Ciclabilidad. 2017-2022. Pamplona-Iruña" (PDF). Ayuntamiento de Pamplona. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de febreiro de 2023. Consultado o 26 de febreiro de 2026.