Choque de civilizacións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O choque de civilizacións é o nome que recibe unha hipótese acerca das relacións internacionais. Tal como se coñece hoxe en día, foi formulada nun artigo de Samuel Huntington publicado na revista estadounidense Foreign Affairs en 1993,[1] e transformado posteriormente nun libro en 1996.[2]

Huntington inspirouse nas teses de diversos historiadores, sociólogos e antropólogos, sobre todo dos textos de Arnold J. Toynbee e Carroll Quigley. Para Huntington, de todos os elementos obxectivos que definen as civilizacións o máis importante adoitan ser as relixións.[2] Así pois, con base na descrición deses autores e con fundamento na distribución das grandes relixións describe a existencia actual de nove civilizacións: subsahariana, latinoamericana, sínica, hindú, budista, nipoa, occidental, ortodoxa e islámica.

Segundo este autor, durante a guerra fría os países relacionábanse coas dúas superpotencias como aliados, satélites, clientes, neutrais ou non aliñados; porén, ao acabar a guerra os países relacionaríanse como Estados membro de cada civilización, como estados centrais, países illados, países escindidos ou países desgarrados. Para Huntington, as relacións entre estas variarán normalmente do distante ao violento, situándose a maioría das veces entre ambos os extremos, sendo a confianza e a amizade raras.

Desde a publicación do libro, o debate sobre as hipóteses de Huntington viraran ao redor da discusión e o debate político máis que ás evidencias empíricas, mais nun estudo da Universidade Stanford observouse que comportamentos de Internet no intercambio de correos electrónicos mostran tendencias a conformar as grandes agrupacións correspondentes ás civilizacións descritas por Huntington.[3]

Diversos autores criticaron as teses de Huntington, na súa base ou tamén por detalles concretos. Salientan aquelas críticas que formularon o diálogo entre civilizacións e a alianza de civilizacións, pois pensan que a maior parte da humanidade prefire coexistir amigablemente.

O choque de cvilizacións segundo Huntington (1996).[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Huntington, Samuel Phillips (summer 1993). "The Clash of Civilizations?" (PDF). Foreign Affairs,vol. 72, no. 3 (en inglés). Archived from the original on 10 de febreiro de 2015. Consultado o 16 de maio de 2020. 
  2. 2,0 2,1 The Clash of Civilizations and the Remaking of World Order, New York: Simon & Schuster, 1996
  3. Bogdan State et. al. (2015) The Mesh of Civilizations and International Email Flows DOI: 10.1371/journal.pone.0122543 Consultado o 19 de novembro de 2015
  4. THE WORLD OF CIVILIZATIONS: POST-1990scanned image Arquivado 12 de marzo de 2007 en Wayback Machine.