Este artigo amosa escritos chineses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
China Southern Airlines (chinés simplificado: 中国南方航空公司; chinés tradicional: 中國南方航空公司) é unha aeroliña chinesa baseada en Guangzhou. É a sexta aeroliña máis grande do mundo en número de pasaxeiros transportados, e a máis grande de Asia en pasaxeiros e número de avións. Tamén é a cuarta aeroliña do mundo en tráfico doméstico. Dende os seus dous principais centros de operacións nos aeroportos de Guangzhou Baiyun e Beijing Capital, a aeroliña voa a 121 destinos usando 422 avións.
China Southern Airlines creouse o 1 de xullo de 1988 despois da reestruturación da Administración Chinesa de Aviación Civil. Dende entón, a compañía adquiriu e fusionouse con varias aeroliñas domésticas, converténdose nunha das tres máis grandes do país (xunto con Air China e China Eastern Airlines). China Southern Airlines é membro da alianza SkyTeam.
En 2010 China Southern Airlines transportou a 76,5 millóns de pasaxeiros e tivo uns beneficios de 883 millóns de dólares.
China Southern actualmente oferta 485 diarios dende o seu centro de Guangzhou e 221 dende o de Pequín. A aeroliña proporciona servizos a 65 destinos internacionais. A meirande parte destes unen Guangzhou con cidades de todo o mundo. Tamén ten moitos outros voos internacionais operado a través de Pequín, Urumchi (sobre todo cara Asia Central) e Dalian (cara ao Xapón, Corea do Sur e Rusia). China Southern Airlines desenvolveu unha extensa rede cara ao sueste asiático e tamén se converteu na aeroliña chinesa con maior presenza en Australia. China Southern está tamén considerando expandirse cara ao mercado suramericano, ademais de dirixirse cara ao africano.