Chasco siberiano
| Chasco siberiano | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Saxicola maurus Peter Simon Pallas 1773 | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||
O chasco siberiano[1] (Saxicola maurus) é unha especie recentemente validada de muscicápidos. Antes estaba situado na familia dos túrdidos. Reprodúcese no Paleártico oriental incluíndo a parte máis oriental de Europa e inverna nos trópicos do Vello Mundo.
Descrición
[editar | editar a fonte]Lembra moito ao seu parente estreito o chasco europeo (S. rubicola), pero é máis escuro pola parte superior e máis claro pola inferior, cun sobrecú branco e partes inferiores máis brancas con menos laranxa no peito. O macho en plumaxe reprodutora ten partes inferiores e cabeza negras (carecendo dos tons amarronados do chasco europeo), un colar branco moi visible, e mancha escapular e sobrecú tamén brancos, e unha área restrinxida laranxa na gorxa.[2]
A femia ten pares superiores e cabeza marróns claras, áreas brancas no pescozo (non un colar completo), e un sobrecú amarelo rosado claro sen manchas. Os machos en plumaxe de inverno son intermedios entre os machos en verán e as femias, cunha sobrecella que lembra a do chasco do norte (S. rubetra); poden distinguirse desa especie e da femia polo colar branco completo.[2]
Se se ve a curta distancia, pode recoñecerse que as súas rémixes primarias son claramente máis longas que en S. rubicola. Neste aspecto, seméllase moito ao chasco do norte, que igual que S. maurus está adaptado a migracións a grandes distancias.[2]
O macho ten unha chamada chascante, como dúas pedras chocando. A canción é un trilo agudo como a da azulenta común (Prunella modularis), un pasérido canoro non relacionado pertencente aos Passeroidea.[3]
Taxonomía e sistemática
[editar | editar a fonte]Hai cinco ou seis subespecies, das cales S. m. maurus (descrita ariba) e a similar S. m. stejnegeri se atopan polo norte e centro de Asia. A subespecie do sur S. m. variegatus (oeste do mar Caspio), S. m. armenicus (leste de Turquía ata Irán), S. m. indicus (Himalaia) e S. m. przewalskii (suroeste da China) distínguense polas áreas brancas de maior extensión na plumaxe.[4]
No pasado S. maurus estaba normalmente incluída en S. torquatus como parte do que se chamou "chasco común", pero ese nome científico está hoxe restrinxido aos chascos africanos. A análise da secuencia do ADNmt do citocromo b e datos de perfil de ADN microsatélite do ADN nuclear, aínda que non foi inequívoca, xunto con evidencias de morfoloxía, comportamento e bioxeografía parece indicar que o actual paxaro pode considerarse unha especie distinta. O chasco europeo é a súa especie irmá occidental na liñaxe de Eurasia de chascos; os seus devanceiros separáronse durante o Plioceno tardío ou temperán, aproximadamente hai 1,5-2,5 millóns de anos ao comezo da glaciación cuaternaria.[5]
O seu nome científico significa "morador das rochas escuro". Saxicola deriva do latín saxum, 'rocha' + incola 'habitante'; maurus é a forma latinizada do grego maúros (μαύρος), 'negro',[6] facendo referencia á cor da súa parte superior comparada con S. rubicola.
Distribución e ecoloxía
[editar | editar a fonte]A área de reprodución abrangue a maior parte da Asia temperada, desde aproximadamente a latitude 71°N en Siberia ao sur ata o Himalaia e o suroeste da China, e ao oeste ata o leste de Turquía e a zona do mar Caspio. Tamén se reproduce no noroeste de Europa, principalmente en Rusia, pero ás veces máis ao oeste chegando mesmo a Finlandia.[7]
A área de invernada desta ave migratoria é desde o sur do Xapón ao sur de Tailandia e a India, e ao oeste ata ao noroeste de África. En migración, pequenas cantidades deles chegan tan ao oeste como Europa occidental, e excepcionalmente tan ao leste como Alasca en América do Norte.[2]
É insectívoro. Reprodúcese en zonas arbustivas abertas ou pradeiras con arbustos espallados, desde o nivel do mar ata os 4.000 m de altura ou máis. Parecen evitar as temperaturas frías e permanecen no norte só durante o cálido verán continental. Nas rexións montañosas das ladeiras do Himalaia de Bután, os migrantes poden en ocasións verse buscando comida en campos e pasteiros a máis de 2.000 m sobre o nivel do mar, pero a maioría trasládase máis ao sur para invernar en rexións tropicais.[8]
Aínda que a IUCN non a considera unha especie separada e non está avaliada como tal, está moi estendida e non debería considerarse ameazada.[9]
Galería
[editar | editar a fonte]- Macho non reprodutor, Uttar Pradesh, India
- Macho de S. m. indicus, Parque Nacional Bardiya, Nepal
- Chasco siberiano
- Chasco siberiano invernando en Dipor Bil, Assam, India
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- 1 2 3 4 Robertson (1977), Stoddart (1992), Urquhart & Bowley (2002)
- ↑ Urquhart & Bowley (2002)
- ↑ Bangs (1932), Urquhart & Bowley (2002)
- ↑ Wittmann et al. (1995), Urquhart & Bowley (2002), Wink et al. (2002)
- ↑ Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres, Reino Unido: Christopher Helm. pp. 243, 349. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ Robertson (1977), Urquhart & Bowley (2002)
- ↑ Bangs (1932), Inskipp et al. (2000), Urquhart & Bowley (2002)
- ↑ BLI (2009)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Chasco siberiano |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bangs, Outram (1932): Birds of western China obtained by the Kelley-Roosevelts expedition. Field Mus. Nat. Hist. Zool. Ser. 18(11): 343–379. Fulltext at the Internet Archive
- BirdLife International. "Saxicola torquatus". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
- Inskipp, Carol; Inskipp, Tim & Sherub (2000):"The ornithological importance of Thrumshingla National Park, Bhutan". Forktail 14: 147–162.
- Robertson, Iain (1977): Identification and European status of eastern Stonechats Brit. Birds 70: 237–245.
- Stoddart, Andy (1992): Identification of Siberian Stonechat Birding World 5(9): 348–356.
- Urquhart, Ewan & Bowley, Adam (2002): Stonechats. A Guide to the Genus Saxicola. Christopher Helm, Londres. ISBN 0-7136-6024-4
- Wink, M.; Sauer-Gürth, H. & Gwinner, E. (2002): Evolutionary relationships of stonechats and related species inferred from mitochondrial-DNA sequences and genomic fingerprinting. British Birds 95: 349–355. PDF fulltext
- Wittmann, U.; Heidrich, P.; Wink, M. & Gwinner, E. (1995): Speciation in the Stonechat (Saxicola torquata) inferred from nucleotide sequences of the cytochrome b-gene. Journal of Zoological Systematics and Evolutionary Research 33(2): 116–122. doi 10.1111/j.1439-0469.1995.tb00218.x HTML abstract