Charles William Fremantle
![]() Charles William Fremantle ca. 1894 [1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de agosto de 1834. Swanbourne, Buckinghamshire, Inglaterra. |
Morte | 8 de outubro de 1914 (80 anos) Londres, Inglaterra. |
Lugar de sepultura | Swanbourne, Buckinghamshire. |
Cargos | |
Director da Royal Mint | |
Período | 1868-1894 |
Antecesor | Thomas Graham |
Sucesor | Horace Seymour |
Secretario privado do Primeiro ministro do Reino Unido | |
Período | Febreiro a decembro de 1868 |
Antecesor | Herbert Murray |
Sucesor | Algernon West |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | ![]() |
Actividade | |
Ocupación | Alto funcionario, directivo. |
Empregador | Royal Mint. |
Familia | |
Cónxuxe | Sophia Smith (1865). ![]() |
Fillos | 5 ![]() |
Pais | Thomas Fremantle ![]() ![]() |
Premios | |
1880: Compañeiro da Orde do Baño. 1890: Comendador da Orde do Baño. | |
![]() |
Charles William Fremantle, nado en Swanbourne, Buckinghamshire, o 12 de agosto de 1834 e finado en Londres o 8 de outubro de 1914, foi un funcionario do Goberno británico que exerceu durante 26 anos como Deputy Master of the Mint, un posto equivalente ao de director executivo da Real Casa da Moeda do Reino Unido.
Educado no Eton College, en Eton, Berkshire, Fremantle ingresou no Tesouro en 1853 como empregado. Traballou como secretario privado de varios altos funcionarios e políticos, o derradeiro deles Benjamin Disraeli, tanto no seu período como ministro de Facenda, como en 1868 sendo xa primeiro ministro. O nomeamento de Fremantle como Deputy Master of the Mint por Disraeli suscitou certa controversia, aínda que contou co apoio do seu rival político William Gladstone.
Fremantle comezou como director adxunto —Deputy Master— da Casa da Moeda como axudante de Thomas Graham cando este era o seu director —Master of the Mint—. Cando Graham morreu, en setembro de 1869, o Tesouro decidiu vincular ex officio o título de Master of the Mint co de ministro de Facenda dun xeito simplemente cerimonial, o que levaba consigo que a partir de entón o Deputy Master pasase a ser o verdadeiro xefre executivo da Casa da Moeda. Nesta nova condición, Fremantle comezou a traballar para modernizar a anticuada Royal Mint, aínda que gran parte do seu traballo tivo que esperar ata que a ceca fose reconstruída nas súas instalacións de Tower Hill, en Londres, en 1882. Fremantle tratou de embelecer a cuñaxe e, considerando que o gravador xefe da Casa da Moeda, Leonard Charles Wyon, non estaba á altura da tarefa, tratou de facelo resucitando deseños clásicos de moedas británicas, como a representación de San Xurxo e o dragón que Benedetto Pistruci creara para o soberano.
En 1894, á idade de sesenta anos, Fremantle xubilouse da Real Casa da Moeda e, a partir dese momento, pasou un tempo como directivo de varias compañías e como maxistrado. Finou en 1914, pouco menos de dous meses despois de facer os oitenta anos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Charles William Fremantle, nado en Buckinghamshire en 1834, era o terceiro fillo de Louisa Nugent (1803-1875) e de Thomas Fremantle (1798-1890), que logo sería barón de Cottesloe.[2] Recibiu a súa educación en Eton e logo ingresou no Tesouro como empregado en abril de 1853. Alí traballou como secretario privado de varios altos funcionarios, entre eles Henry Brand, que máis tarde chegaría a presidir a Cámara dos Comúns.[3][4]
Cando Benjamin Disraeli foi nomeado Chanceler do Tesouro (ministro de Facenda) en 1866, Fremantle pasou a ser o seu secretario privado,[3] logo de ser recomendado para ese posto recomendado a Disraeli por Brand, que fora anteriormente secretario parlamentario do Tesouro.[5] En 1867, Fremantle foi nomeado secretario da comisión de límites dos distritos electorais en virtude da Lei de Reforma de 1867.[3] Cando Disraeli se converteu en primeiro ministro a principios de 1868, Fremantle foi un dos seus secretarios privados, xunto con Montague Corry,[6] e mantivo ese cargo ata que foi nomeado Deputy Master da Real Casa da Moeda do Reino Unido en decembro dese mesmo ano.[7]
Dirección da Casa da Moeda de Londres
[editar | editar a fonte]Nomeamento como Deputy Master
[editar | editar a fonte]
En 1868, o posto de Deputy Master —daquela equivalente a subdirector— da Real Casa da Moeda ficara vacante coa morte de William Barton, e o nomeamento do seu sucesor era competencia do primeiro ministro, Disraeli, quen decidiu designar a Fremantle. Disraeli consideraba que a Royal Mint fora dirixida ata entón polo Master of the Mint, o químico Thomas Graham, con pouca enerxía ou habilidade administrativa, e que se beneficiaría dunha infusión de sangue novo. Robert Mushet, secretario da ceca londiniense desde había moito tempo, desexaba o posto, co apoio de Graham e do antigo Master, John Herschel, e o nomeamento de Fremantle foi cuestionado no Parlamento. Disraeli defendeu o nomeamento, negando que Fremantle fóra o seu protexido político e afirmando que este fora elixido pola súa xuventude e pola súa experiencia no Tesouro. O rival político de Disraeli, William Gladstone, que no seu día fora tamén Master of the Mint, coincidiu co seu rival Disraeli en que a Real Casa da Moeda necesitaba alguén de fóra que traballara previamente nun dos grandes departamentos do Estado. Segundo os historiadores numismáticos G. P. Dyer e P. P. Gaspar, en The New History of the Royal Mint, «cos grandes homes así de acordo, a Cámara contentouse con deixar pasar o asunto».[9][10]
Disraeli tamén declarou que Graham apoiou o nomeamento, aínda que Dyer e Gaspar consideraron significativo que non se lle avisase con antelación.[9] Segundo o autor John Craig, na súa historia da Real Casa da Moeda, «a Administración xeral de Graham causou certo malestar» e Fremantle foi nomeado «para recompor o lugar».[11]
Reformas de 1870
[editar | editar a fonte]Logo dunha comisión real en 1848, a Real Casa da Moeda reorganizárase en 1851, e déuselle á Company of Moneyers, o gremio co que o Goberno fixera as súas contratacións durante moito tempo para a produción de moeda, un aviso con tres meses de antelación, segundo o previsto no contrato.[12] No momento do nomeamento de Fremantle, o seu superior Thomas Graham —que fora nomeado en 1855— pasara de intentar reformas a ser o branco de acusacións de corrupción e nepotismo.[13]
Graham faleceu o 16 de setembro de 1869.[11] Así as cousas, coa vacante no posto de Master of the Mint púidose tomar en consideración a reforma máis doadamente, e Fremantle traballou con Charles Rivers Wilson, un antigo colega no Tesouro, nun informe, presentado o 6 de novembro, no que recomendaban que a Real Casa da Moeda se trasladase a un lugar máis pequeno, xa fóra nas súas actuais instalacións de Tower Hill, ou nalgún lugar máis próximo á City de Londres.[14] Herschel e Graham eran científicos sobranceiros, mais no informe Fremantle-Wilson considerábase que ese factor non era relevante para dirixir a Casa da Moeda, senón que o que cumpría era «un control activo e intelixente, e a aplicación dunha experiencia ben formada en asuntos de negocios».[15]
Nun informe suplementario do 17 de novembro, Fremantle e Wilson recomendaron reducións de persoal e salarios, e propuxeron que o posto de Fremantle de Deputy Master fose eliminado por innecesario;[16] é probable que Fremantle esperase que se lle dese o título vacante tras a morte de Graham.[15] O Tesouro aceptou a maioría das recomendacións propostas no informe cun acordo datado o 7 de xaneiro de 1870, mais no canto da abolición do posto de Deputy Master, optouse por que o Master of the Mint pasase a ser un título honorífico e sen soldo ligado ex officio ao cargo de ministro de Facenda, polo que a Casa da Moeda sería dirixida executivamente polo Deputy Master. Estes cambios formalizáronse na Lei da Moeda de 1870, que consolidou as leis anteriores relativas á Real Casa da Moeda nun único documento.[17] Fremantle non recibiu inicialmente o soldo anteriormente correspondente ao Master of the Mint, de 1.500 libras, e isto non se produciu ata uns anos despois.[15]
Modernización da Royal Mint
[editar | editar a fonte]Asumida, xa que logo, a dirección executiva da Real Casa da Moeda, en 1870 Fremantle emprendeu unha xira polas cecas europeas na compaña de William Chandler Roberts, que acababa de ser nomeado químico da Casa da Moeda, e do enxeñeiro James M. Napier.[15] O Tesouro asignou 1.800 libras para os gastos desta viaxe,[18] que tivo lugar de maio a xullo dese ano. No seu informe posterior, Fremantle afirmaba que a Real Casa da Moeda ficara por detrás do resto das cecas europeas en investigación científica e na aplicación das ciencias ao traballo aos labores de cuñaxe.[15] Máis tarde afirmou tamén que desde a instalación en 1816 do equipamento en uso na Royal Mint, todas as cecas continentais fixeran varias actualizacións, mesmo a de Constantinopla, o que convertía ceca londiniense na menos eficiente de Europa.[19]
Na Lei da Moeda de 1870, o Parlamento esixía que o Deputy Master of the Mint presentase un informe anual que contivese información detallada e estatísticas sobre as actividades da Casa da Moeda. Co primeiro informe, publicado en 1871, Fremantle iniciou unha serie que os investigadores Dyer e Gaspar describiron como «longa e extremadamente útil», e que continuaría durante máis dun século. Publicáronse como documentos parlamentarios e contiñan extensos apéndices de Roberts e outros técnicos.[19]
Aos traballadores da Real Casa da Moeda pagábaselles principalmente a obra feita, por traballos que se puñan en común e se compartían. Isto podía resultar moi duro en épocas de escaseza. En 1870, Fremantle reduciu o pagamento a obra feita e aumentou os salarios semanais, aínda que o pagamento a obra feita na Royal Mint non chegou a suprimirse por completo en favor dos salarios semanais ata 1923, moito despois da marcha de Fremantle.[20] Tamén en 1870, Fremantle contratou unha sección de mecánicos para que se ocupasen da reparación da maquinaria e fabricasen os artigos necesarios na fábrica, xa que ata daquela todas as reparacións mecánicas, bardante as máis pequenas, eran subcontratadas. A partir de 1880, a Real Casa da Moeda construíu básculas automáticas para pesar as moedas acabadas de cuñar, con melloras realizadas polos mecánicos da Casa.[21]
Para frustración de Fremantle, a reconstrución da Real Casa da Moeda con equipamentos actualizados resultou un proceso difícil mesmo de iniciar, coa cuestión de se se debía reconstruír no lugar existente en Tower Hill ou cumprirían unhas novas instalacións noutro lugar de Londres, todo enlentecido polo Tesouro e pola burocracia parlamentaria. Estes atrasos levaron a un pechamento de case cinco meses en 1876, cando rompeu un equipamento anticuado.[22] Mentres o traslado da Real Casa da Moeda seguía a ser unha posibilidade, segundo Craig, Fremantle «rosmou en van durante doce anos de procura dunha nova localización».[23]
As negociacións para que o Goberno adquirise terreos municipais na zona de Whitefriars, na City londiniense, comezaron en 1878, pero tres anos de discusións non deron resultado e unha comisión da Cámara dos Comúns decidiuse por unha reconstrución en Tower Hill. Fremantle opúxose porque isto requiriría un pechamento completo da cuñaxe, aínda que pasou a estar de acordo cando se coñeceu que o Banco de Inglaterra posuía unha reserva anormalmente grande de moedas de ouro, que a cuñaxe de bronce podería ser contratada á ceca privada Ralph Heaton & Sons de Birmingham, e que se podería acumular unha reserva de moedas de prata antes do comezo dos traballos o 1 de febreiro de 1882.[24]
As obras iniciáronse e duraron dez meses, durante os cales, entre outras realizacións, se substituíron os vellos motores de vapor por engrenaxes modernas, se instalou a primeira estación de xeración eléctrica da Casa da Moeda e se venderon e substituíron por outras novas a maioría das antigas prensas de cuñar moedas, agás algunhas que se conservaron para a produción de medallas.[25] Non houbo ningún cambio na superficie que ocupaba a Real Casa da Moeda.[26] Cando concluíron as obras, Fremantle declarou que as instalacións se podían comparar favorablemente coas de calquera casa da moeda do continente.[27]
Redeseño da moeda e outros labores
[editar | editar a fonte]Fremantle, descrito por Dyer e Gaspar como un «cabaleiro de gusto cultivado»,[29] tratou de mellorar o aspecto da moeda británica, xeralmente mediante a reedición de deseños clásicos. En 1871, devolveulle ao soberano, por primeira vez en case medio século, o deseño creado por Benedetto Pistruci que representaba a coñecida escena de San Xurxo e o Dragón.[30] Fremantle afirmou que «dificilmente se poden sobrevalorar as vantaxes que un deseño artístico e ben executado lle achega a unha moeda».[31] Así e todo, consideraba que o gravador xefe da Real Casa da Moeda durante a maior parte do tempo que el levaba alí, Leonard Charles Wyon, era competente, aínda que non sobresaliente, nun campo que podía non producir un xenio en cada xeración, e escribiu en 1880: «Lamento dicir que, na miña opinión, non hai ningún gravador inglés realmente bo que viva agora. O noso 'modelador e gravador' da Casa da Moeda, o Sr. Leonard C. Wyon ... é sen dúbida o mellor". Segundo Dyer e Gaspar, Fremantle referíase a que era “o mellor nun campo pobre”.[32]
Outro gravador que Fremantle puido recomendar, en 1876, foi George T. Morgan, de Birmingham. Isto foi en resposta a unha petición do director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Henry R. Linderman, que andaba á procura dun bo gravador británico. Linderman contratou a Morgan, que emigrou aos Estados Unidos, como axudante especial,[33] e alí pasou a deseñar o celebrado “dólar Morgan”, cuñado a partir de 1878.[34][35]
A seguinte oportunidade de Fremantle para redeseñar moedas na Real Casa da Moeda chegou coa emisión das moedas conmemorativas do Xubileu da raíña Vitoria en 1887, para a que se realizaron novos deseños. O 15 de xaneiro de 1886, Fremantle escribiulle a un funcionario do Tesouro para asegurar o pagamento de 200 libras a Joseph Edgar Boehm para se encargar do deseño dos anversoss desta serie, unha cantidade que Fremantle describiu como moderada por un traballo coma aquel.[36] Cando se emitiron as novas moedas, Fremantle escribiu un artigo para o número de xuño de Murray's Magazine, titulado «As nosas novas moedas e o seu pedigree», no que criticaba as moedas da primeira parte da época vitoriana, que clasificaba como «vulgares». Fremantle, no entanto, gababa o «fermoso deseño de San Xurxo» de Pistruci, que se estendeu á moeda dunha coroa, ao dobre soberano e á moeda de cinco libras,[37] en tanto que do resto dos reversos se tomaron deseños de William Wyon, de Leonard Charles Wyon e de Jean Baptiste Merlen.
As novas moedas do Xubileu, co retrato de Vitoria no anverso deseñado por Boehm e gravadas por Wyon, puxéronse en circulación en xuño de 1887 e de camiño foron obxecto de numerosas burlas pola pequena coroa representada na cabeza da raíña, que parecía que ía caer. Nunha carta a Robert Hunt, subdirector da Casa da Moeda de Sidney, Fremantle afirmaba: «sen un gravador excelente e experto, nunca teremos unha cabeza realmente boa nas nosas moedas».[39] Fremantle consolábase dicindo que, «en calquera caso, son mellores que as antigas».[40] Mesmo así, en 1891, o ano da morte de Wyon, Fremantle formou parte dunha comisión para asesorar sobre os novos deseños das moedas, cuxo resultado foi a serie de moedas Old Head (1893-1901), na que se prestou especial atención á coroa, que, segundo Fremantle, «deixaba pouco que desexar como obra de arte».[41]
George William de Saulles encargouse do gravado das moedas da serie Old Head, pero só se lle concedeu un contrato de proba. O 1 de xaneiro de 1894, Fremantle escribiu ao Tesouro para solicitar que de Saulles dispuxese dun contrato permanente, baseándose en que o seu traballo nas moedas Old Head fora gabado tanto polos expertos como pola poboación en xeral.[42] De Saulles pasaría a deseñar a moeda do rei Eduardo VII, pouco antes de morrer en 1903.[43]
Fremantle era coleccionista de moedas e, desde 1879, membro da Sociedade Numismática de Londres. Chegou a expor a súa colección numismática persoal na Exposición do Xubileu Real de Yorkshire, preto de Bradford, en 1887.[3] Tamén fixo catalogar a colección do Museo da Real Casa da Moeda e publicou o seu catálogo correspondente. Ao achar lagos na colección, acadou o permiso do Tesouro para volver a cuñar moedas dos séculos XVIII e XIX cos cuños orixinais que se conservaban. Por outra parte, cando se cuñaron os novos deseños de 1887 e 1893, puxo ao dispor do público e dos coleccionistas xogos de moedas cuñadas en condición especial proof —fondo espello e relevo mate—, aínda que a prezos elevados.[44]
Fremantle visitou as cecas da Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1884,[45] viaxando co químico Roberts, e tamén planeou inspeccionar as oficinas de ensaio.[46] Tamén visitou o Canadá nunha xira que levou a membros da Asociación Británica para o Avance da Ciencia ao outro lado do Atlántico. En Montreal, o correspondente de New-York Tribune describiu a Fremantle como «un home de presenza impoñente, alto e ergueito, con trazos fortes. É unha autoridade en todo o relacionado cos metais".[47]
Fremantle serviu como delegado británico na Conferencia Bimetálica Internacional de 1881, e estivo no Congreso Monetario de 1889, ambos en París. Tamén serviu como delegado británico na Conferencia Monetaria Internacional de 1892 en Bruxelas, formou parte da Comisión Real sobre o Ouro e a Prata en 1886,[3][45] e foi membro de varias comisións interdepartamentais relacionadas coa Administración pública.[48]
Retiro e derradeiros anos
[editar | editar a fonte]
Fremantle xubilouse en setembro de 1894 e foi sucedido no seu posto á fronte da Royal Mint por Horace Seymour.[48] Os case 26 anos de servizo de Fremantle son os máis logos no posto nos tempos modernos.[10] O correspondente londiniense de The Yorkshire Herald amosou a súa estrañeza pola xubilación, xa que tiña sesenta anos e gozaba de boa saúde, e era o xefe nun posto descrito como «non demasiado arduo».[50]
En 1895, Fremantle viaxou ao Xapón, onde o director da Casa da Moeda de Osaca, Tameharu Hasegawa, a quen coñecera mentres o xaponés estaba de xira por Europa, lle ofreceu unha visita guiada.[51] En 1897, contribuíu cun artigo titulado «As moedas da Raíña» ao número dedicado ao Xubileu de Diamante polo xornal The Financial News.[48]
De 1896 a 1903, Fremantle foi un dos directores británicos do consello da Compañía da Canle de Suez. Foi vicepresidente da Corporación de Posuidores de Bonos Estranxeiros e tamén membro do consello de administración de varias compañías e bancos, entre eles o Parr's Bank, o Standard Bank of South Africa, o Bank of Australasia, a Eagle Insurance Company e Egyptian Delta Light Railways.[48] En 1895 ingresou na Royal Society of Arts e foi elixido un dos seus vicepresidentes ese mesmo ano, cargo que ocupaba no momento da súa morte.[52] Tamén foi maxistrado de Middlesex, Londres e Westminster.[53]
Tanto antes como despois da súa xubilación, Fremantle colaborou coa Charity Organisation Society, cuxo consello presidiu en 1892 e 1893, e foi presidente do Comité de Organización Benéfica Whitechapel durante máis de vinte anos. A Charity Organisation Review considerou que era un dos «Pais do noso movemento» e que o seu talento e a súa actividade «dan dereito a Sir Charles Fremantle a ocupar un lugar de honra entre os que serviron á boa causa».[54]
Fremantle foi nomeado compañeiro da Orde do Baño en 1880, e cabaleiro comendador desa orde en 1890.[55][56]
Logo dunha curta doenza, Fremantle finou a tarde do 8 de outubro de 1914 no número 4 de Sloane Street,[48] a súa residencia londiniense,[2] e foi soterrado o día 14 de outubro en Swanbourne, Buckinghamshire.[3] O Daily Telegraph publicou que, desde a súa xubilación da Casa da Moeda, «Sir Charles fora durante os últimos vinte anos unha personalidade moi coñecida e popular na City, e identificárase con varias empresas importantes». Celebrara o seu octoxésimo aniversario en agosto e seguira atendendo os seus cargos na City con aparente boa saúde.[57]
A familia Fremantle
[editar | editar a fonte]
O pai de Fremantle, Thomas Fremantle (1798-1890),[59] que fora xefe da Secretaría de Irlanda, accedera á nobreza co título Barón Cottesloe en 1874, o que permitiu aos seus fillos antepor aos seus nomes a fórmula The Honourable (“O honorable”). Charles foi o seu terceiro fillo; o maior, Thomas (1830-1918),[60][61] sucedeu o seu pai nos títulos; o segundo fillo foi o reverendo William Henry Fremantle (1831-1916),[62] decano de Ripon, e o cuarto, o almirante Edmund Fremantle (1836-1929)[63].[2][64]
O avó paterno de Charles Fremantle foi o vicealmirante Thomas Francis Fremantle (1765-1819),[65] cuxo fillo —tío de Charles— foi o almirante Charles Fremantle (1800-1869),[66] que lle dá nome á cidade de Fremantle, en Australia Occidental.[67] Os seus avós maternos foron George Nugent (1757-1849)[68] e a coleccionista de arte de orixe estadounidense Maria Nugent (1770-1834).[69][70]
O 20 de abril de 1865, na igrexa de San Pedro, Eaton Square, Fremantle casou con Sophia Smith (1846-1944);[71] o matrimonio foi celebrado polo seu tío, o reverendo William Fremantle.[72] A parella tivo catro fillos e unha filla.[55]
Valoración da súa figura
[editar | editar a fonte]Os investigadores numismáticos Dyer e Gaspar escribiron que, baixo a dirección de Fremantle, a Real Casa da Moeda que este recibira do seu antecesor «Graham, coa súa administración desordenada e a súa maquinaria anticuada, dera paso a unha casa da moeda moderna que xa non dependía doutros para lle amosar o camiño que debía seguir».[73] Unha das vías para a consecución deste éxito baseouse no estímulo que lle deu ao químico da Real Casa da Moeda, William Chandler Roberts, quen no seu terzo de século ao servizo da institución ata a súa morte en 1902 creu que a investigación en metais podería facer avanzar as capacidades da ceca. «Foi o logro de Fremantle, quen pola súa amplitude de miras promoveu o traballo de Roberts para situar a Casa da Moeda durante un cuarto de século dentro do círculo das grandes institucións científicas do mundo".[74]
O Museo da Royal Mint, na súa páxina dedicada a Fremantle, considérao «sen dúbida unha das figuras clave no desenvolvemento da Real Casa da Moeda».[10] O ministro de Facenda no momento da xubilación de Fremantle, William Harcourt, escribiu sobre el:[75]
“ | Sir Charles Fremantle serviu con eminente distinción primeiro no Tesouro e despois como Deputy Master of the Mint. A súa dilixencia, a súa fidelidade e a súa notable capacidade mereceron, ao longo dun período de máis de corenta anos, a confianza e o respecto de todos os xefes dos Departamentos nos que prestou os seus servizos. | ” |
Thomas Henry Elliott, un dos seus sucesores no cargo (1913-1917), escribiu sobre Fremantle despois da súa morte en 1914 que a experiencia adquirida nas súas visitas ás casas da moeda estranxeiras en 1870 e 1884 «permitiu a Sir Charles levar a cabo varias reformas nos diferentes departamentos da Casa da Moeda que foron de gran valor, e as súas disposicións en todos os seus principios xerais resistiron a proba do tempo e fixeron que a tarefa dos seus sucesores sexa comparativamente doada».[45]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sir Charles Fremantle, K.C.B.". En The Graphic, Londres. 15 de setembro de 1894. Páxina 8.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Hon. Sir Charles William Fremantle". Geni.com
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Forrer, L. (1923). Páxinas 323-325.
- ↑ Moon, G. W. (ed.) (1891).
- ↑ "Notes from Truth". En Bristol Evening Post. 15 de outubro de 1914. Páxinas 7.
- ↑ "The New Ministry and Official Appointments". En The Ipswich Journal. 7 de marzo de 1868. p. 7.
- ↑ "General News". En Cambria Daily Leader. 4 de decembro de 1868. Páxina 3.
- ↑ "Benjamin Disraeli, Earl of Beaconsfield". National Portrait Gallery (NPG.org.uk).
- ↑ 9,0 9,1 Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 516.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 "Deputy Master of the Royal Mint 1868-1894". The Royal Mint Museum (Royalmintmuseum.org.uk).
- ↑ 11,0 11,1 Craig, John (2010) [1953]. Páxina 326.
- ↑ Craig, John (2010) [1953]. Páxinas 317-319.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxinas 514-516.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxinas 527-528.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 Craig, John (2010) [1953]. Páxina 327.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 518.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxinas 518-520.
- ↑ The Huddersfield Chronicle and West Yorkshire Advertiser. 11 de xuño de 1870. Páxina 8.
- ↑ 19,0 19,1 Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 520.
- ↑ Craig, John (2010) [1953]. Páxinas 330-331.
- ↑ Craig, John (2010) [1953]. Páxina 343.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxinas 521-524.
- ↑ Craig, John (2010) [1953]. Páxina 334.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 525.
- ↑ Craig, John (2010) [1953]. Páxina 335.
- ↑ Craig, John (2010) [1953]. Páxina 329.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 530.
- ↑ "1 Sovereign - Victoria 1st portrait; St George". Numista.com
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 533.
- ↑ Clancy, Kevin (2017) [2015]. Páxinas 67, 73.
- ↑ Clancy, Kevin (2017) [2015]. Páxina 73.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 535.
- ↑ Julian, R. W. (2008). Páxinas 32, 34.
- ↑ Yeoman, R. S. (2020). Páxina 862.
- ↑ "1 Dollar "Morgan Dollar"". Numista.com
- ↑ Lant, J. L. (1973). Páxina 132.
- ↑ Lant, J. L. (1973). Páxina 136.
- ↑ "½ Crown - Victoria 2nd portrait". Numista.com
- ↑ Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 288.
- ↑ Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 282.
- ↑ Lant, J. L. (1973). Páxinas 140-141.
- ↑ Lant, J. L. (1973). Páxina 141.
- ↑ Seaby, P. (1985). Páxinas 161-162.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxinas 537-538.
- ↑ 45,0 45,1 45,2 Elliott, T. H. (1916). Páxina 5.
- ↑ "British Association: Interview with Hon. C. W. Fremantle". En The Montreal Star. 27 de agosto de 1884. Páxina 2.
- ↑ "The British Association for the Advancement of Science". En Boston Evening Transcript. 29 de agosto de 1884. Páxina 2.
- ↑ 48,0 48,1 48,2 48,3 48,4 Garside, H. (1915). Páxina 47.
- ↑ "Mr. Horace Seymour". En The Graphic, Londres. 15 de setembro de 1894. Páxina 8.
- ↑ "London Letter". En The Yorkshire Herald. 6 de xullo de 1894. Páxina 4.
- ↑ The Colonies and India. Londres. 19 de xaneiro de 1895. Páxina 32.
- ↑ "Obituary". En Journal of the Royal Society of Arts. Vol 62. Royal Society of Arts. Páxina 975. 16 de outubro de 1914.
- ↑ Forrer, L. (1923). Páxina 325.
- ↑ "Sir Charles Fremantle". En Charity Organisation Review. Vol. 36. 1914. Páxinas 364-365.
- ↑ 55,0 55,1 Forrer, L. (1923). Páxinas 324-325.
- ↑ "Gazette Announcements". En Liverpool Daily Post. 21 de abril de 1880.
- ↑ "Hon. Sir C.W. Fremantle, ex-Treasury Official". En The Daily Telegraph. Londres. 9 de outubro de 1914. Páxina 6.
- ↑ "Vice Admiral Sir Thomas Fremantle". Royal Museums Greenwich (RMG.co.uk).
- ↑ Seccombe, T. (1901). "Fremantle, Thomas Francis (1798-1890)" . En Dictionary of National Biography (1º suplemento). Vol. 2. Smith, Elder & Co., Londres.
- ↑ "Thomas Francis Fremantle, 2nd Baron Cottesloe (1830 - 1918)". Geni.com
- ↑ Lee, S. (ed.) (1901). "Fremantle, Thomas Francis (1798-1890)". En Dictionary of National Biography (1º supl.). Vol. 2. Smith, Elder & Co., Londres. Páxinas 251-253.
- ↑ "Death Of Dr. W. H. Fremantle. Dean Of Ripon For 20 Years". Eb The Times. 26 de decembro de 1916. Páxina 4.
- ↑ "Edmund Robert Fremantle (1836 - 1929)". Geni.com
- ↑ Lee, S. (ed.) (1901). Páxina 252.
- ↑ Laughton, J. K. (1889). "Fremantle, Sir Thomas Francis (1765-1819)". En Oxford Dictionary of National Biography. Vol. 20.
- ↑ O'Byrne, W. R. (1849). "Fremantle, Charles Howe". En A Naval Biographical Dictionary. Murray, Londres
- ↑ Stewart, W. (2009). "Fremantle, Sir Charles Howe (1800-1869)". En Admirals of the World: A Biographical Dictionary, 1500 to the Present. McFarland, Jefferson. Páxinas 134-135. ISBN 9780786482887
- ↑ Geoghegan, P. M. (2009). "Nugent, Sir George". En Dictionary of Irish Biography.
- ↑ Raza, R C. "Nugent [née Skinner], Maria, Lady Nugent (1770/71-1834)". En Oxford Dictionary of National Biography.
- ↑ "Fremantle Arts & Artists". A Travel guide to Fremantle Western Australia (Fremantlewesternaustralia.com.au).
- ↑ "Sophia Fremantle (Smith) (1846-1944)". Geni.com
- ↑ "Marriages". En The Times. 22 de abril de 1865. Páxina 17.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 542.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxinas 542-543.
- ↑ Seymour, H. (1895). Páxina 56.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Clancy, Kevin (2017) [2015]. A History of the Sovereign: Chief Coin of the World (2ª ed.). Royal Mint Museum, Llantrisant. ISBN 978-1-869917-00-5
- Craig, John (2010) [1953]. The Mint: a History of the London Mint from A.D. 287 to 1948. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-17077-2
- Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). "Reform, the New Technology and Tower Hill". En Challis, C. E. (ed.). A New History of the Royal Mint. Cambridge University Press. Páxinas 398-606. ISBN 978-0-521-24026-0
- Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). "Edgar Boehm and the Jubilee Coinage". British Numismatic Journal. Vol. 54. British Numismatic Society. Páxinas 274-288.
- Elliott, T. H. (1916). Forty-fifth Annual Report of the Deputy Master of the Mint, 1914. His Majesty's Stationery Office, Londres.
- Forrer, L. (1923). "Fremantle, The Honourable Sir Charles William, K.C.B.". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol. VII. Spink & Son, Londres.
- Garside, H. (1915). "Sir C. W. Fremantle". En The Numismatic Circular. Vol. 23. Páxina 47.
- Julian, R. W. (2008). "The Hayes Presidential Medal". En The Centinel. Vol. 56. Nº1. Páxinas 32-37.
- Lant, J. L. (1973). "The Jubilee Coinage of 1887". British Numismatic Journal. Vol. 43. Páxinas 132-141.
- Moon, G. W. (ed.) (1891). "Fremantle, The Hon. Sir Charles William". En Men and Women of the Time: A Dictionary of Contemporaries. George Routledge & Sons, Londres. Páxinas 343.
- Seaby, P. (1985). The Story of British Coinage. B. A. Seaby, Londres. ISBN 978-0-900652-74-5
- Seymour, H. (1895). Twenty-fifth Annual Report of the Deputy Master of the Mint. Her Majesty's Stationery Office, Londres.
- Yeoman, R. S. (2020). A Guide Book of United States Coins ("Mega Red" 5ª ed.). Whitman Pub., Atlanta. ISBN 978-0-7948-4705-0
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Predecesor: Thomas Graham |
Director da Real Casa da Moeda do Reino Unido 1868-1894 |
Sucesor: Horace Seymour |