Río Chao Phraya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Chao Phraya»)
Río Chao Phraya
PaísTailandia
NacementoConfluencia do río Ping e Nan, en Pak Nam Pho
Lonxitude372 km
Conca160.400 km²
Caudal medio718 m3/s
DesembocaduraGolfo de Tailandia
Mapa.
Vista do río Chao Phraya en Bangkok.

O río Chao Phraya ou Me Nam (en tailandés: แม่น้ำเจ้าพระยา) é un río de Tailandia, o principal río do país que aflúe desde a rexión montañosa do norte do país até o golfo de Tailandia, preto de Bangkok. É importante para o transporte das mercancías e tamén parte dun val agrícola altamente produtivo. O nome aplícase estritamente só ao curso baixo do río, que comeza na confluencia dos ríos Nan (740 km) e Ping (658 km).

Ten unha lonxitude de 372 km, aínda que o sistema fluvial Chao Prayer-Nan chega aos 1.112 km e drena unha bacía de 160.400 km², máis dun terzo do país, unha área similar a países como Tunisia, Suriname, o Nepal ou Bangladesh.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O río Chao Phraya nace na confluencia do río Ping e do río Nan, en Nakhon Sawan (tamén chamado Pak Nam Pho) na Provincia Nakhon Sawan. Traza de norte a sur 372 quilómetros desde as chairas centrais até Bangkok e o golfo de Tailandia. En Chainat, o río divídese, e o río Tha Chin flúe en paralelo ao río principal e desauga no golfo de Tailandia a uns 35 quilómetros ao oeste de Bangkok, en Samut Sakhon. Na baixa chaira aluvial, que comeza augas abaixo da presa de Chainat, sepáranse do río principal moitas pequenas canles (khlong), que se utilizan para o rego dos arrozais da rexión.

Asentamentos no río[editar | editar a fonte]

As principais cidades á ribeira do Chao Phraya, ordenadas de norte a sur, son as seguintes: Nakhon Sawan, Uthai Thani, Chainat, Singburi, Ang Thong, Ayutthaya, Pathum Thani, Nonthaburi, Bangkok e Samut Prakan. Estas cidades atópanse entre os lugares de máis importancia histórica e máis densamente poboados da Tailandia, precisamente debido ao seu acceso á vía acuática.

Afluentes[editar | editar a fonte]

Os principais tributarios do río Chao Phraya son os seguintes:

  • O río Pa Sak, cunha lonxitude de 513 km e unha cunca de 16.291 km².
  • O río Sakae Krang, con 225 km e unha cunca de 5.191 km².
  • O río Nan, con 740 km e unha cunca de 57.947 km² (e o seu principal afluente, o río Yom, de 700 km e unha cunca de 23.616 km²).
  • O río Ping, cunha lonxitude de 658 km e unha cunca de 44.688 km² (e o seu principal afluente, o río Wang, de 335 km).
  • O río Tha Chin, con 765 km.[1][2][3]

A cada un destes afluentes, como o Chao Phraya mesmo, ademais chegan outros afluentes menores, a miúdo denominados khwae. Todos os afluentes, incluídos os pequenos khwaea, forman un amplo patrón en forma de árbore, con polas que cobren case todas as provincias do centro e norte de Tailandia.[1] Ningún dos afluentes do Chao Phraya se estenden máis aló das fronteiras de Tailandia. O Nan e o río Yom corren case paralelos desde Phitsanulok a Chumsaeng polo norte da provincia Nakhon Sawan. O río Wang penetra no río Ping, preto do distrito de Sam Ngao na provincia Tak.

Cunca hidrográfica do Chao Phraya[editar | editar a fonte]

Nacemento do Chao Phraya en Nakhon Sawan.
O río onda a ponte Rama VIII.
Restaurante no río en Bangkok.

A extensión do río Chao Phraya e os seus afluentes, é dicir, o sistema fluvial do Chao Phraya, xunto co terreo que recolle as augas, forman a cunca do Chao Phraya. É a cunca hidrográfica máis grande de Tailandia, que comprende aproximadamente o 35% do país, e drena unha área de 157.924 km². A cunca pódese dividir en :

  • A cunca do río Pa Sak.
  • A cunca do Sakae Krang.
  • A gran cunca do Nan, composta pola bacía do propio Nan e a do Yom.
  • A gran cunca do Ping, composta pola bacía do propio Ping e a do Wang.
  • A cunca do Tha, a bacía do afluente máis importante do Chao Phraya.
  • A cunca do Chao Phraya, a terra bañada polo propio río Chao Phraya, e non polos seus principais tributarios ou distributarios. Como tal, a cunca do Chao Phraya drena 20.126 km².

A fronteira natural montañosa da cunca hidrográfica forma unha divisoria, que illou historicamente, até certo punto, Tailandia doutras civilizacións do sueste asiático. De feito, no norte de Tailandia, a divisoria correspóndese aproximadamente cunha sección da fronteira política actual. Os tramos da fronteira meridional da divisoria correspóndense menos coa fronteira política actual, xa que o illamento neste ámbito foi contrarrestado pola proximidade ás terras baixas do golfo de Tailandia, o que favoreceu que a civilización tailandesa se espallase pola conca facilmente.

Delta[editar | editar a fonte]

O río Tha Chin é o distributario principal do río Chao Phraya. A extensión do Chao Phraya e o río Tha Chin e os seus distributarios, comezando no punto no que diverxen os distributarios, xunto coa terra comprendida nun triángulo formado polas rexións ultraperiféricas e distributarios máis internos, forman o delta do Chao Phraya . Os moitos distributarios do delta Chao Phraya están interconectados por canais que serven tanto para regar como para o transporte.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Royal Irrigation Department River Gauges Report". RID Stations. 2002. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2009. Consultado o 9 de setembro de 2011. 
  2. "Chao Phraya River Basin (Thailand)". World Water Assessment Programme. Consultado o 9 de setembro de 2011. 
  3. "Detailed Map of the Chao Phraya River Basin (Thailand)". World Water Assessment Programme. Consultado o 9 de setembro de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]