Certificado de estudos de lingua galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
CELGA
Celga web.png
Logotipo do CELGA.
Tipo Exame estandarizado.
Creador(es) Secretaría Xeral de Política Lingüística
Sede R/ Pastoriza, n.º 8, 15871
Santiago de Compostela
Web lingua.gal/o-galego/aprendelo/celga

O Certificado de estudos de lingua galega (CELGA) é unha proba de avaliación de nivel do idioma galego. Constitúe a proba de certificación adaptada ao Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).[1]

Os exames CELGA están organizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, entidade dependente da Xunta de Galicia. Dita entidade, ademais de organizar periodicamente convocatorias de exame para a certificación do idioma galego, ofrece cursos formativos de preparación que, porén, non posúen validez oficial.

No ano 2012 presentáronse ao exame CELGA 3.863 persoas.[2]

O sistema de exame CELGA vénse realizando desde 2007[3], de acordo cos criterios da Association of Language Testers in Europe (ALTE), organización avaliadora dos niveis de coñecemento lingüístico.

Niveis[editar | editar a fonte]

Certificado de nivel CELGA 3 asinado en 2012 por Valentín García.

Existen 5 niveis no sistema de certificación de estudos en lingua galega:

  • CELGA 1: nivel inicial, o cal permite satisfacer as necesidades de comunicación máis básicas.
  • CELGA 2: nivel suficiente para intervir nun conxunto variado de situacións de comunicación con relativa seguridade e eficacia.
  • CELGA 3: nivel intermedio, o cal permite empregar a lingua galega cun grao importante de corrección normativa sobre temas diversos.
  • CELGA 4: nivel suficiente para expresarse con fluidez e espontaneidade na maior parte das situacións comunicativas.
  • CELGA 5: nivel avanzado, o cal permite expresarse sen dificultades e con corrección en calquera tipo de situación de comunicación, tanto formal coma informal.

Homologacións[editar | editar a fonte]

Todos aqueles que estean en posesión do título de ESO e este for cursado nalgún centro de Galicia, tería homologado o nivel CELGA 3. Así pois, o CELGA 4 estaría suxeita á homologación para todos aqueles que estivesen en posesión do título de bacharelato, tamén cursado nalgún centro do país.[4]

Competencias[editar | editar a fonte]

O exame CELGA correspóndese no MCER con cinco niveis de coñecemento:

Niveis Comprender Falar Escribir
Comprensión oral Comprensión lectora Interacción oral Expresión oral Expresión escrita
CELGA 1 Comprendo frases e o vocabulario máis habitual sobre temas de interese persoal (información persoal e familiar moi básica, compras, lugar de residencia, emprego). Son capaz de captar a idea principal de avisos e mensaxes breves, claros e sinxelos. Son capaz de ler textos moi breves e sinxelos. Sei atopar información específica e predicible en escritos sinxelos e cotiáns como anuncios publicitarios, prospectos, menús ou horarios, e comprendo cartas persoais breves e sinxelas. Podo comunicarme en tarefas sinxelas e habituais que requiren un intercambio simple e directo de información sobre actividades e asuntos cotiáns. Son capaz de realizar intercambios sociais moi breves, aínda que, polo xeral, non podo comprender o suficiente como para manter a conversación por min mesma. Utilizo unha serie de expresións e frases para describir con termos sinxelos a miña familia e outras persoas, as miñas condicións de vida, a miña orixe educativa e o meu traballo actual ou o último que tiven. Son capaz de escribir notas e mensaxes breves e sinxelas relativas ás miñas necesidades inmediatas. Podo escribir cartas persoais moi sinxelas, por exemplo agradecendo algo a alguén.
CELGA 2 Comprendo as ideas principais cando o discurso é claro e normal e se tratan asuntos cotiáns que teñen lugar no traballo, a escola, durante o tempo de lecer etc.

Comprendo a idea principal de moitos programas de radio ou televisión que tratan temas actuais ou asuntos de interese persoal ou profesional, cando a articulación é relativamente lenta e clara.

Comprendo textos redactados nunha lingua de uso habitual e cotián ou relacionada co traballo. Comprendo a descrición de acontecementos, sentimentos e desexos en cartas persoais. Sei desenvolverme en case todas as situacións que se me presentan cando viaxo onde se fala esa lingua. Podo participar de forma espontánea nunha conversa que trate temas cotiáns de interese persoal ou que sexan pertinentes para a vida diaria (por exemplo, familia, afeccións, traballo, viaxes e acontecementos actuais). Sei enlazar frases de forma sinxela co fin de describir experiencias e feitos, os meus soños, esperanzas e ambicións. Podo explicar e xustificar brevemente as miñas opinións e proxectos. Sei narrar unha historia ou relato, a trama dun libro ou película e podo describir as miñas reaccións. Son capaz de escribir textos sinxelos e ben enlazados sobre temas que me son coñecidos ou de interese persoal. Podo escribir cartas persoais que describen experiencias e impresións.
CELGA 3 Comprendo discursos e conferencias extensas e incluso sigo liñas argumentais complexas sempre que o tema sexa relativamente coñecido. Comprendo case todas as noticias da televisión e os programas sobre temas actuais. Comprendo a maioría das películas nas que se fala nun nivel de lingua estándar. Son capaz de ler artigos e informes relativos a problemas contemporáneos nos que os autores e autoras adoptan posturas ou puntos de vista concretos. Comprendo a prosa literaria contemporánea. Podo participar nunha conversa con certa fluidez e espontaneidade, o que posibilita a comunicación normal con persoas falantes nativas. Podo tomar parte activa en debates desenvolvidos en situacións cotiás explicando e defendendo os meus puntos de vista. Presento descricións claras e detalladas dunha ampla serie de temas relacionados coa miña especialidade. Sei explicar un punto de vista sobre un tema expoñendo as vantaxes e os inconvenientes de varias opcións. Son capaz de escribir textos claros e detallados sobre unha ampla serie de temas relacionados cos meus intereses. Podo escribir redaccións ou informes transmitindo información ou propoñendo motivos que apoien ou refuten un punto de vista concreto. Sei escribir cartas que destacan a importancia que dou a determinados feitos e experiencias.
CELGA 4 Comprendo discursos extensos incluso cando non están estruturados con claridade e cando as relacións están só implícitas e non se sinalan explicitamente. Comprendo sen moito esforzo os programas de televisión e as películas. Comprendo textos longos e complexos de carácter literario ou baseados en feitos, apreciando distincións de estilo.

Comprendo artigos especializados e instrucións técnicas largas, aínda que non se relacionen coa miña especialidade.

Exprésome con fluidez e espontaneidade sen ter que buscar de forma moi evidente as expresións adecuadas. Utilizo a linguaxe con flexibilidade e eficacia para fins sociais e profesionais. Formulo ideas e opinións con precisión e relaciono as miñas intervencións habilmente coas doutras persoas falantes. Presento descricións claras e detalladas sobre temas complexos que inclúen outros temas, desenvolvendo ideas concretas e terminando cunha conclusión apropiada. Son capaz de expresarme en textos claros e ben estruturados expoñendo puntos de vista con certa extensión. Podo escribir sobre temas complexos en cartas, redaccións ou informes resaltando o que considero que son aspectos importantes. Selecciono o estilo apropiado para as persoas lectoras a que van dirixidos os meus escritos.
CELGA 5 Non teño dificultade algunha para comprender calquera tipo de lingua falada, tanto en conversas en vivo como en discursos retransmitidos, aínda que se produzan a unha velocidade de falante nativa, sempre que teña tempo para familiarizarme co acento. Son capaz de ler con facilidade practicamente todas as formas de lingua escrita, incluíndo textos abstractos estrutural ou lingüisticamente complexos como, por exemplo, manuais, artigos especializados ou obras literarias. Tomo parte sen esforzo en calquera conversa ou debate e coñezo ben modismos, frases feitas e expresións coloquiais. Exprésome con fluidez e transmito matices sutís de sentido con precisión. Se teño un problema, sorteo a dificultade con tanta discreción que as demais persoas apenas se decatan. Presento descricións ou argumentos de forma clara e fluída e cun estilo adecuado ao contexto e cunha estrutura lóxica e eficaz que axuda á persoa oínte a fixarse nas ideas importantes e a recordalas. Son capaz de escribir textos claros e fluídos nun estilo apropiado. Podo escribir cartas, informes ou artigos complexos que presentan argumentos cunha estrutura lóxica e eficaz que axuda á persoa oínte a fixarse nas ideas importantes e a recordalas. Escribo resumos e comentarios de obras profesionais o literarias.
Niveis Comprensión oral Comprensión lectora Interacción oral Expresión oral Expresión escrita
Comprender Falar Escribir

Polémica[editar | editar a fonte]

No ano 2014 foron despedidos 500 profesores que impartían clases no programa CELGA. A dita vaga de despedimentos sucederon a unha sanción por parte dos servizos de Inspección do Traballo á Consellería de Educación[5], feito que foi denunciado por varios sindicatos de ensino.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "CELGA?". Consultado o 7 de abril de 2016. 
  2. Xunta de Galicia (ed.). "CELGA 2012". Consultado o 22 de febreiro de 2015. [Ligazón morta]
  3. Universidade de Santiago (ed.). "Os Certificados de Lingua Galega (Celga)". Consultado o 22 de febreiro de 2015. 
  4. Pardo, Guillermo (2/3/2008). "Los nuevos certificados de gallego crean polémica entre los funcionarios". La Voz de Galicia. Consultado o 2/2/2015. 
  5. "Despiden a 500 profesores de galego tras unha sanción a Educación.". Galicia Confidencial. 24/3/2014. Consultado o 22/2/2015. 
  6. "A Xunta quer prescindir do profesorado especializado na formación de galego para o Celga.". Sermos Galiza. 16/3/2014. Consultado o 22/2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]