Cerro de Montevideo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dende o Río da Prata.

O cerro de Montevideo é un cerro situado adxacente á baía de Montevideo, no Uruguai. Con 132 metros de altura, foi un punto estratéxico para protexer o porto durante a colonización de América, e en 1717 o militar español Bruno Mauricio de Zabala fixo construír no cumio un forte que denominou Forte de San Miguel, actualmente denominado Fortaleza Xeral Artigas, que é utilizado como museo. Na Fortaleza Xeral Artigas atópase o Faro Cerro de Montevideo, situado a unha altura de 148 metros, o que permite que a entrada ao porto de Montevideo sexa máis segura.

Sobre a saia do Cerro de Montevideo construíronse dende comezos do século XX diversos barrios. Salienta Vila do Cerro (antigamente "Cosmópolis"), habitada maioritariamente por descendentes de inmigrantes de toda Europa por orde de chegada: España, Italia, Lituania, Polonia, Rusia, Armenia, etcétera, e as rúas foron denominadas cos nomes deses países. É característico da zona o Cemiterio do Cerro.