Cerna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Cerne")
Cerne de piñeiro con nós no canto superior esquerdo.
Anatomía dun toro:
1. arro ou miolo
2. Cerna
3. Sámago
4. Cámbium
5. Floema
6. Casca.

A cerna, (palabra que ten a mesma orixe etimolóxica que núcleo) corazón ou durame (do latín durare, durar) é a designación dada á parte do xilema da madeira que xa non participa activamente na condución de auga ou zume, asumindo unha función esencialmente de soporte mecánico da estrutura da planta. A distinción entre cerne e sámago (a parte vascularmente activa do xilema) é clara na maior parte das especies, xa que no toro (corte transversal do tronco) presenta unha porción máis escura de madeira no centro e unha porción máis clara e alba na parte externa. A primeira corresponde ao cerne e a segunda ao sámago. Con todo, nin sempre esta diferenza é facilmente percibida, pois a mudanza de cor pode ser gradual e pouco marcada.

O cerne está constituído por células mortas, formando unha estrutura máis ou menos rexa de soporte, en torno da cal o sámago se vai progresivamente formando. A medida que as células do sámago decaen e morren, van sendo incorporadas no cerne, o cal vai así crecendo radialmente, acompañado da expansión do xilema.

Aínda que poida funcionar coma unha importante reserva de auga para a planta, o cerne, dadas as súas características higroscópicas, é na súa esencia unha estrutura de soporte, non sendo vital para a supervivencia da árbore. Non son raras as especies nas que é común a podremia e por veces a total destrución do cerne, sen que tal determine a morte, ou mesmo a redución da vitalidade, da planta. Por exemplo en castiñeiros vellos nos soutos galegos.

Algunhas especies comezan a formar cerne moi cedo e só teñen unha fina camada de sámago viva, mentres que noutras a mudanza ocorre lentamente, mantendo un tronco que está esencialmente composto por sámago.

En termos de determinación da calidade da madeira e dos seus usos, a dimensión e características do cerne son determinantes, sendo este en xeral valorado pola súa dureza e resistencia ao ataque por insectos. A madeira de cerne é en xeral preferida para usos nos que se requira dura e resistencia mecanica.

Termos relacionados[1][editar | editar a fonte]

Toro de teixo (Taxus baccata), no que se pode ollar moi ben 27 aneis de crecemento, a cerna (a madeira escura) e mais o sámago (a madeira alba).
  • Cernella: duro, con moita resistencia para o traballo. Persoa de mal xenio.
  • Cernar: facerlle unha incisión a unha árbore de xeito que chegue á cerna. Quitar a casca a unha árbore.
  • Cernada: Lugar onde se corta madeira. Cerna. Tamén lugar que se queimou ou mesmo cinza.
  • Cernil: Duro, forte e consistente como a cerna.
  • Cernizo: espiñazo.
  • Piñeiro cernil, piñeiro manso (Pinus pinea).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]