Saltar ao contido

Centro histórico de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCentro histórico de Vigo
Imaxe

Localización
Mapa
 42°14′17″N 8°43′35″O / 42.2381, -8.7265
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
Provinciaprovincia de Pontevedra
ConcelloVigo Editar o valor en Wikidata
Ben de Interese Cultural
Data27 de xullo de 2006
IdentificadorRI-51-0000624

O centro histórico de Vigo, tamén denominado Casco Vello[1][2][3] en documentos oficiais, é a parte máis antiga da cidade correspondente ao primitivo asentamento urbano. Está constituído, a grandes trazos, pola parte da cidade localizada no interior da antiga muralla medieval, constuída no ano 1656 como medida de protección fronte as invasións, sobre todo marítimas por parte de corsarios e terrestres desde Portugal[4]. Malia que a meirande parte da estrutura foi derruída en 1858, aínda se conservan algúns fragmentos, así como dúas construcións que formaban parte dela: o castelo de San Sebastián e a fortificación do Castro.

Entre os monumentos e lugares senlleiros, destacan a Concatedral de Santa María de Vigo, as prazas da Constitución, A Pedra ou a porta do Sol, así como multitude de edificios civís de estilo modernista eclecticista.[5]

O centro histórico da cidade posúe unha gran riqueza arquitectónica e conserva numerosos restos das épocas medieval, moderna e contemporánea.

Plano de Vigo realizado por Francisco Coello e Pascual Madoz en 1856.

Vigo e a súa comarca estiveron poboados desde tempos antigos. A cultura castrexa, que abrangue toda a Idade de Ferro, desenvolveuse en Galicia dende o século VIII a.C. ata a fin do I d.C., xa en plena época romana. Esta cultura deixou en Vigo importantes pegadas, como amosa a existencia de 26 castros catalogados. Este dato leva a pensar que nesta época Vigo tivo unha das maiores densidades de poboación de toda Galicia. O maior destes poboados era o situado no lombeiro do monte do Castro. Os seus habitantes vivían da agricultura, actividade que complementaban coa caza e a pesca. Eran unha poboación hábil na forxa do ferro e o tallado da pedra.

O proceso de romanización durou preto de seiscentos anos dos que quedaron relevantes vestixios investigados en numerosas escavacións arqueolóxicas: vilas (villae), espalladas por todo o litoral (Alcabre, Toralla…), restos de instalacións portuarias, rúas, instalacións industriais (salinas e factorías de salgado), necrópoles, restos afundidos, ademais dunha intensa romanización dos poboados castrexos do concello. Recentes intervencións arqueolóxicas na zona do Areal e na zona antiga puxeron de manifesto a posible existencia, polo menos entre os séculos III e VI d.C., dun importante asentamento, o vicus romano.

A información dispoñible sobre da Idade Media é moi escasa, especialmente durante a Alta Idade Media. Foi un período no que as incursións xermánicas e os ataques piratas procedentes do norte de Europa fixeron que a poboación se desprazase cara ao interior buscando maior seguridade.

En 1587 a vila contaba con 868 veciños, pero as epidemias da peste e os ataques piratas limitaron o seu crecemento demográfico. Os armadores vigueses organizaron a defensa da ría, rexeitando en 1589 o ataque dunha armada inglesa dirixida por Francis Drake (que xa atacara a cidade en 1585) e conseguiron da coroa española a patente de corso para saquea-los barcos comerciais inimigos. Ante as sucesivas acometidas (como a dos piratas alxerianos en 1617), e en tempos de guerra con Portugal, acométese a construción da muralla en 1665. É así como comeza a se configurar a morfoloxía da cidade. A muralla contaba con seis portas de acceso: Porta do Pracer, Porta do Sol, Porta da Gamboa, Porta da Laxe, Porta da Ribeira e a Porta da Falperra. A muralla estaba protexida por once baluartes e baterías artilleiras[6].

Lugares e monumentos de interese

[editar | editar a fonte]

Edificios relixosos

[editar | editar a fonte]

Entre os edificios relixosos do centro histórico destaca a Concatedral de Santa María de Vigo, situada na praza da Igrexa. Tamén destaca a Igrexa de Santiago de Vigo.

Edificios civís

[editar | editar a fonte]

Os edificios civís máis importantes da zona antiga viguesa son Castelo de San Sebastián e a foriticación do Castro.

Entre as prazas, destacan a praza da Constitución, porticada á entrada da zona antiga e considerada como a "praza maior" de Vigo. Nela atópase o antigo concello de Vigo, construído en 1859 por José María Ortiz y Sánchez; e a Porta do Sol, lugar onde se atopa o monumento coñecido popularmente como O Sereo, do que é autor o escultor Francisco Leiro. É o centro neurálxico da cidade. Outras prazas son a praza da Pedra, a praza da Igrexa, do Berbés, as rúas Príncipe, Urzáiz e Gran Vía.

Na praza de Compostela, anexa á zona antiga da cidade e ao porto, atópase unha alameda. Creada no final do século XIX nunha zona gañada ao mar, constitúe o primeiro parque urbano creado en Vigo. A maioría das súas árbores son centenarias, destacando as magnolias e as camelias, xunta outras especies exóticas. O parque, de forma rectangular, caracterízase pola súa gran fonte no seu centro, conta tamén con diversas esculturas de motivos animais (José Luís Medina) e antropomórficas (Camilo Nogueira Martínez). Destaca a escultura de bronce de Méndez Núñez, obra de Agustín Querol.

  • A Casa Galega da Cultura é un centro multidisciplinar, no que se concilia a programación de actividades artísticas e literarias coa existencia dun fondo bibliográfico e museográfico altamente cualificado no que se refire ó estudo da realidade histórica e actual de Galicia. O centro dispón de sala de exposicións temporais, salón de actos, sala de exposición permanente, sala de lectura e sala de lectura para investigadores, amais de dependencias de uso interno. Entre os elementos máis salientables da Casa Galega da Cultura cómpre referirse á Biblioteca Penzol, a Biblioteca Fernández del Riego e o Museo Francisco Fernández del Riego

Eventos culturais e festividades

[editar | editar a fonte]
Celebración da Reconquista en Vigo.
Artigo principal: Reconquista de Vigo.

A Festa da Reconquista de Vigo é unha festa histórica que se celebra na zona vella da cidade, entre finais de marzo e principios de abril. A data oficial é o 28 de marzo, festivo local en Vigo. A festa representa a toma da cidade polos franceses a principios do século XIX e a reconquista polos habitantes de Vigo.​

Ademais das actuacións, hai outras actividades nas distintas rúas da zona vella da cidade, música popular, postos de gastronomía e artesanía estilo feira. Hoxe é a celebración máis emblemática da cidade, sendo declarada festa de interese turístico nacional en 2019.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. O termo "Casco Vello" para se referir ao centro histórico das cidades é unha denominación desaconsellada por moitos autores por ser incorrecta en lingua galega. Porén, na cidade de Vigo esta denominación é a máis empregada, tanto en documentos oficiais coma de xeito coloquial, como exemplifican cartaces e sinais ou a propia Asociación Casco Vello Vigo.
  2. Martínez García, Alejandro (2007). Vigo. Da antiga cidade amurallada ata o Casco Vello actual. Deputación de Pontevedra. ISBN 9788484573074. 
  3. Fernández Coto, Carlos H. "Casco vello.". La Voz de Galicia. Consultado o 23 de marzo de 2025. 
  4. "Unha muralla de alma medieval e corpo moderno.". Concello de Vigo. Consultado o 14 de xullo de 2024. 
  5. The city trip guide for Vigo (Spain). YouGuide LTD. ISBN 9781837067985. 
  6. Basilio Cegarra: Vigo. Centro Histórico. A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas S.A. ISBN 84-95350-72-6.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]