Central nuclear de Lemoiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°26′00″N 2°52′21″O / 43.43333, -2.8725

Central nuclear de Lemoiz

A central nuclear de Lemoiz é unha central nuclear que non chegou a ser posta en funcionamento, situada na localidade biscaíña de Lemoiz, no País Vasco (España). Comezou a construírse en 1972 da man da compañía eléctrica Iberduero, e aínda que o grupo I (dos dous de que constaba o proxecto) estaba rematado e unicamente estaba a falta de ser cargado co combustible, foi paralizado polo Goberno español de Felipe González en 1984. Na construción da central, empregáronse máis de 1000 toneladas de ferro e 200 000 m³ de formigón armado. A construción e posterior desmantelación da central, ascendeu a 6 000 millóns de euros.

Proxecto[editar | editar a fonte]

O proxecto de construción da central nuclear de Lemoiz xurdiu a principios da década de 1970, como parte dun ambicioso plan da empresa eléctrica vasca Iberduero (actualmente Iberdrola), que proxectaba varias centrais nucleares na costa vasca (en Lemoiz, Ea-Ispaster e Deba) e na ribeira do río Ebro, preto da localidade navarra de Tudela. As centrais de Deba e Tudela contarían con dous grupos de 1000 MW cada un, mentres que a de Ea–Ispaster contaría con seis unidades de 1000 MW cada un.

Nos primeiros anos da década dos setenta comezan as obras co recheo da cala de Basordas, para a instalación de dous reactores nucleares. Os traballos inícianse a falta dalgúns dos permisos de obras. Westinghouse proporcionaría os equipos para os sistemas de vapor, a turbina e a primeira carga de combustible nuclear. Lemoiz I entraría en servizo en novembro de 1976 e Lemoiz II en xuño de 1978. Cunha licenza provisional, que só permite a realización de obras provisionais, lévaronse a cabo a maior parte das obras.

En 1979, nunha protesta en Tudela que incluía o rexeitamento a esta central, morría por un disparo Gladys del Estal.