Ceca de Barcino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ceca de Barcinona»)
Siliqua a nome do usurpador Máximo (409-411) da ceca de Barcino, coa marca de ceca SMB (Sacra Moneta Barcinonensis) no exergo do reverso.[1]

A ceca di Barcino foi un obradoiro monetario romano situado na cidade romana de Barcino (a actual Barcelona) e activo no século V, herdeiro dun obradoiro anterior que cuñara moeda ibérica co topónimo BARKENO.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

A ceca indíxena laietana, onde se cuñaran dracmas ibéricos de imitación no século III a. de C. coa inscrición BARKENO, situábase na que posteriormente foi a cidade romana de Barcino.[3][4][5] Esta ceca primitiva estaba, pois, relacionada coa poboación ibérica. O asentamento prerromano de Barkeno compartía a súa localización co de Lekaisen aos pés da montaña de Montjuïc. Existe a dúbida de se Laiesken podería ser a denominación do territorio, onde se incluiría Barkeno, ou se esta última sería a poboación máis importante da zona. En calquera caso, logo da reorganización romana das súas cecas, a ceca de Barkeno pechou e foi substituída por outra con marca de ceca LAIESKEN.[6][7]

Non obstante, cara á fin do Imperio Romano a ceca de Barcino volveu ter actividade, aínda que dun xeito efémero, baixo o mandato do emperador Máximo (409-411) un usurpador contra o poder de Honorio que gobernaba toda Hispania. Coñécense siliquas a nome de Máximo con marcas de ceca SMB ou SMBA (Sacra Moneta Barcinonensis). Tamén se coñecen cuñaxes de Máximo en bronce, como o AE 4 aparecido na escavación dun edificio en Barcelona en 1959, outro AE 4 presente no tesouro de Tipasa I (atopado en 1957 e non publicado ata 1961) e un AE 2 achado en Terrasa en 1975.[8][9][10][11] Anna M. Balaguer cataloga 17 exemplares coñecidos de siliquas e cinco de moedas de bronce de diversos módulos.[2][12]

En época posterior, baixo a dominación visigoda, existiu tamén unha ceca na cidade que utilizou a marca de ceca BARCINON(A). Neste obradoiro monetario cuñáronse tremissis de ouro a nome dos reis Leovixildo, Recaredo, Liuva, Viterico, Éxica e Vitiza entre os séculos VI e VIII.[7][13][14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Maximus of Spain. Usurper, AD 409-411. AR Siliqua (1.12 g, 11h). Barcino (Barcelona) mint". Classical Numismatic Group.
  2. 2,0 2,1 Balaguer, A. M. (1980).
  3. "La dracma de Barkeno". En El Punt Avui. 6 de agosto de 2014.
  4. "Barkeno". En Mestre i Campi, J. (1998). Páxina 104.
  5. "Cecas ibéricas en la zona catalana". Tesorillo.com
  6. "Barkeno" e "Laiesken". En Diccionario de Toponimia Histórica de la península ibérica, Baleares y Canarias. Ministerio de Cultura y Deporte.
  7. 7,0 7,1 "ba.ŕ.k.e.n.o Barcino (Barcelona)". En García Bellido, P.; Blázquez, C. (2001). Páxina 55.
  8. (RIC X). "Maximus". Páxina 351.
  9. AA. VV. (2006). Enciclopèdia de Barcelona 3. Gràcia / Petritxol. Barcelona: Gran Enciclopèdia Catalana. Páxina 196. ISBN 84-412-1397-6
  10. "Barcino". En Diccionario de Toponimia Histórica de la península ibérica, Baleares y Canarias. Ministerio de Cultura y Deporte.
  11. Ceceda Ocampo, J. J. (2000).
  12. Grierson, P.; Mays, M. (1992). Páxinas 23, 60, 219.
  13. "Tremissis de Barcinona". Museu Nacional d'Art de Catalunya.
  14. "Período visigodo en Hispania: cecas en Tarraconensis y Narbonensis". Tesorillo.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]