Castro das Barreiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°05′55.8″N 9°02′32.4″O / 43.098833, -9.042333

Castro das Barreiras
Castro das Barreiras 2020 08.jpg
ParroquiaCambeda
ConcelloVimianzo
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Cronoloxía
Períodos de escavación2010-2011
Estado actualConservado
Extensión estimada0.4 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

O Castro das Barreiras é un castro de chaira situado no lugar de Ogas (Vimianzo), a escasa distancia da capital municipal e ao pé da estrada AC-552. A súa propiedade é pública e pode ser visitado.[1]

Características[editar | editar a fonte]

No castro das Barreiras, aprécianse claramente vestixios do foxo e unha potente muralla que nalgún punto supera os 8 metros de altura. Estas defensas non son habituais nos xacementos castrexos e demostran que este castro foi, no seu día, un poboado importante e que era, probablemente, aínda máis extenso do que se aprecia na actualidade.

Está localizado en pleno val de Vimianzo para poder aproveitar as terras de cultivo e o dominio da zona. Para que os seus moradores o puideran defender tivo que se fortalecer coas súas enormes barreiras. A croa conta cunha superficie duns 4.000 metros cadrados. O eixe maior do recinto ovalado ten 110 metros e se orienta de norte a sur, mentres o seu eixe menor é de 65 metros e vai de leste a oeste. Pertence á coñecida como II Idade de Ferro, entre os séculos II e I a.C.

Despois de sucesivas limpezas, no ano 2010 fíxose a primeira prospección arqueolóxica cuns bos resultados. Descubríronse restos de tres construcións circulares, en moi bo estado de conservación, o que fai pensar que é do mesmo estilo có Castro da Cidá de Borneiro, no concello veciño de Cabana de Bergantiños. Tamén se cre que o xacemento está cheo de vivendas da época. Ademais das construcións, na escavación atopáronse máis de 500 anacos de cerámica e pezas de ferro. No ano 2020 leváronse a cabo novas escavacións, baixo a dirección do arqueólogo Tito Concheiro[2].

Este castro está considerado polos expertos unha xoia dentro do noroeste peninsular. Está pendente a escavación total do xacemento. Arredor deste castro creáronse multitude de lendas ao longo dos anos, e unha das máis populares falaba da existencia dun túnel que conectaba o xacemento co castelo.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Castro das Barreiras". Consultado o 2016-07-21. 
  2. Íñigo Mouzo Riobó (5 de outubro de 2020). "Chanzos na muralla ou indicios dun novo urbanismo, estes foron os excepcionais achados de 2020 nas Barreiras". Historia de Galicia. 
  3. "Concello de Vimianzo. Roteiro turístico. Castro das Barreiras". vimianzo.es. Consultado o 21-07-2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • LEMA SUÁREZ, Xª Mª e MOUZO LAVANDEIRA, R. (1998): O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira, Deputación da Coruña, A Coruña.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]