Castro (automóbil)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Castro foi unha empresa fabricante de automóbiles operativa en Barcelona entre os anos 1901 e 1904.

Historia[editar | editar a fonte]

De La Cuadra a Castro[editar | editar a fonte]

Tras o colapso da marca La Cuadra en 1901, José María Castro Fernández natural de Trevolle, posiblemente director da estación do camiño de ferro de Vic e principal acredor da firma, en sociedade con outros emprendedores, entre os que se atopaba Marc Birkigt, que será o director técnico da compañía, decidiu proseguir a fabricación dos autos e creou a J. Castro Sociedad en Comandita, fábrica hispano-suiza de automóviles, adquirindo as instalacións, equipos e autos en construción, e facéndose coa maioría do equipo humano. Os automóbiles serán comercializados desde entón coa marca Castro.

Primeiros modelos[editar | editar a fonte]

Trasladouse a fábrica e, xa en 1903, presentouse un novo modelo moi avanzado, cun motor de 1884 c.c. cos dous cilindros fundidos nun único bloque e con radiador de niño de abella, cambio de 4 velocidades, transmisión por cardán, instalación eléctrica con dínamo opcional, toda unha demostración do talento de Birkigt. Deste modelo vendéronse varios exemplares, e este éxito animou á marca a fabricar poucos meses despois un modelo máis ambicioso, o 14 HP, con motor 4 cilindros de 2412 c.c. e, por descontado, coas vangardistas solucións xa vistas no 10 HP. Seica chegou a producirse tamén unha variante potenciada do 10 HP, o 12 HP.

De Castro a Hispano-Suiza[editar | editar a fonte]

Aínda que se consideraron no seu tempo uns coches excelentes por calidade e por manexo, a empresa, falta de recursos económicos, a finais de 1903 entrou en crise e nos primeiros meses de 1904 quedou sen actividade. Castro, como tal, parece que vendeu tan só 4 ou 5 unidades, aínda que a súa estrutura, recapitalizada convenientemente, terá continuidade co nome de Hispano-Suiza, e así serán terminados e vendidos en 1904 outros dous exemplares que serán catalogados como Hispano-Suiza tipo 10 T. O 14 HP será a base do primeiro dos Hispano-Suiza, o tipo 14, mentres o T 20 ou 20 HP tamén provén dun concepto iniciado por Birkigt na etapa Castro.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gimeno Valledor, Pablo, El automóvil en España.