Saltar ao contido

Castiñeiro de Indias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castiñeiro de Indias
Aesculus hippocastanum
Carl von Linné 1753 Editar o valor en Wikidata
 Instancia de
 Categoría taxonómica
 Taxon superior
 Nome curto
A. hippocastanum Editar o valor en Wikidata
Características
 Tipo de follaxe
 Uso
Conservación
 Identificador UICN
Distribución
 Endémico en
 Área de distribución
Clasificación taxonómica
ReinoPlantae
SubreinoTracheobionta
DivisiónMagnoliophyta
ClaseMagnoliopsida
SubclaseRosidae
OrdeSapindales
FamiliaHippocastanaceae
XéneroAesculus
EspecieA. hippocastanum
Identificadores
Freebase/m/0502nl Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC2779659934 Editar o valor en Wikidata
UNII2331W47PSX Editar o valor en Wikidata
ITIS28721 Editar o valor en Wikidata
OTT404238 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata G:Commons C:Commons

O castiñeiro de Indias, castiñeiro das bruxas, ou castiñeiro da India (Aesculus hippocastanum), é unha árbore de gran porte pertencente á familia das sapindáceas. Considérase medicinal. Identifícase comunmente co nome de falso castiñeiro por mor a que os seus froitos presentan unha gran semellanza cos do castiñeiro e outras especies do xénero Castanea da familia das fagáceas. Moi empregada en xardinaría, é común atopala nos parques, alamedas, arboredos das cidades e vilas de toda Galicia.

O seu froito emprégase como amuleto contra o mal de ollo.

Características

[editar | editar a fonte]

A árbore acada os 30 metros de altura e difire do castiñeiro bravo en que o seu froito non é comestíbel polo seu amargor. Ten o tronco erecto e desenvolve numerosas pólas. As follas son grandes e opostas, teñen un pecíolo longo e están divididas en 5 ou 7 folíolos que dende lonxe asemellan os dedos dunha man. As flores son brancas e forman acios terminais a xeito de pirámide. A corola ten cinco pétalos e o cáliz ten forma de campá, posúe sete estames con anteras vermellas-acastañadas. O froito é a castaña agre e é unha cápsula recluída nun envoltorio espiñento. Resiste ben a polución, por iso adoita plantarse en rúas e alamedas das cidades.

Distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]

Orixinario da India, Irán, Asia Menor e os Balcáns, aclimatouse ben nas rexións de clima temperado do globo.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Principios activos: Na casca: heterósidos cumarínicos (2-3%): esculósido, fraxósido, escopoletósido. taninos catéquicos; leucoantocianósidos, flavonois: glicósidos do quercetol. Alantoína. Fitoesteroises.

No pericarpo: taninos catéquicos, saponósidos, pectina, potasio, calcio, fósforo, aceite etéreo.

Nos cotiledóns: flavonoides (esculina), saponósidos triterpénicos (escina).

Nas follas: heterósidos cumarínicos: esculósido, escopoletósido, fraxósido; flavonois derivados do quercetol, ramnetol e kenferol; taninos leucoantocianósidos. Pequenas cantidades de escina. Fitosterois: sitosterol, estigmasterol, campestrol.[1]

Acción farmacolóxica

É un tónico venoso ou vasoprotector que consegue diminuír a viscosidade do sangue, tornándoo máis líquido, reduce o tempo de sedimentación provocando unha desconxestión dos vasos sanguíneos e aumenta a resistencia capilar grazas á acción da escina e máis o esculósido. A escina, ademais ten propiedades antiinflamatorias e controla a permeabilidade dos vasos (actividade antiedematosa). En conxunto realiza unha actividade antivitamínica P.

Os saponósidos facilitan a difusión doutros principios activos cando son aplicados por vía tópica. Os taninos dan un efecto adstrinxente.

Usos medicinais

Pode aplicarse a xeito de pomada por vía externa xa que reduce o diámetro das veas diminuíndo a inflamación provocada por varices, flebite, insuficiencia venosa e outros trastornos circulatorios (como por exemplo edemas, equimose, cuperose rosácea). Por ser un potente vasoconstritor utilízase coas hemorroides para reducir o seu volume (ao ter unha elevada turxencia) e aliviar a súa dor.

O extracto seco prepárase a xeito de cápsulas que se insiren por vía oral en casos de febleza capilar, epistaxe, metrorraxia, dismenorreas etc.[1]

Usos homeopáticos

Emprégase tamén para tratar problemas circulatorios (varices, flebite, crises hemorroidais etc ...) realizando unha función de drenaxe e normalmente se administra a xeito de gotas e asociada con outras plantas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Aesculus hippocastanum foi descrita por Linneo e publicado en Species Plantarum 1: 344, no ano 1753.[2]

Etimoloxía

O nome científico dá pistas sobre a árbore. Aesculus é o nome que en latín se lle dá á unha aciñeira, mentres que hippocastanum significa castaña das bestas ou dos cabalos, xa que na antigüidade o seu froito se empregaba para alimentar o gando. En inglés coñécese como horse-chestnut (castiñeiro de cabalo).

Sinonimia
  • Aesculus asplenifolia Loudon
  • Aesculus castanea Gilib.
  • Aesculus hippocastanum var. argenteovariegata Loudon
  • Aesculus hippocastanum var. aureovariegata Loudon
  • Aesculus hippocastanum var. beaumanii C.K.Schneid.
  • Aesculus hippocastanum f. beaumanii (C.K.Schneid.) Dole
  • Aesculus hippocastanum var. flore-pleno Loudon
  • Aesculus hippocastanum var. incisa Booth ex Loudon
  • Aesculus hippocastanum var. pendula Puvill.
  • Aesculus hippocastanum f. pendula (Puvill.) Rehder
  • Aesculus hippocastanum var. variegata Loudon
  • Aesculus memmingeri K.Koch
  • Aesculus procera Salisb.
  • Aesculus septenata Stokes
  • Hippocastanum aesculus Cav.
  • Hippocastanum vulgare Gaertn.
  • Pawia hippocastanum Kuntze[3][4]
  1. 1,0 1,1 Dr. Berdonces I Serra. Gran Enciclopecia de las Plantas Medicinales. Tikal ediciones. pp. 287 – 288. ISBN 84-305-8496-X. 
  2. Castiñeiro de Indias en Trópicos
  3. Sinónimos en Tela Botánica Arquivado 28 de maio de 2009 en Wayback Machine.
  4. Castiñeiro de Indias en PlantList

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Flora of China Editorial Committee. 2007. Fl. China 12: 1–534. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
  • "Plantas Medicinales, bayas, verduras silvestres. Guias de Naturaleza Blume" Ed. Blume 1ª Edición (1985)
  • "Enciclopedia de las Plantas Medicinales" Dr. Pamplona Roger Biblioteca Educación y Salud Vol. 2 1ª Edición (1995)
  • "Plantas Medicinales. El Dioscórides Renovado" Pio Font Quer Ed Labor 7ª Edición (1981)
  • "Guía Práctica de las plantas medicinales y la salud" Vol. 4 Crédito Bibliotecario 2ª Edición (1991)
  • "Vademecum de prescripción de plantas medicinales" Ed.Masson 3ª edición (1998)