Os castelos de mota (en inglésmotte and bailey, en francésmotte castrale) foron un tipo de fortificación medieval, precursor dos castelos de pedra da Idade Media.[1]
Os castelos de mota estaban compostos por dúas partes: a mota (motte) e o recinto fortificado (bailey). A mota era un outeiro artificial de terra, de forma cónica, que podía ser construído integramente polo home ou adaptado ao relevo natural do terreo.[1] O cume da mota era nivelado para formar unha plataforma na que se erguía unha torre de madeira de planta cadrada ou, raramente, circular.[1] A plataforma estaba rodeada por unha empalizada de madeira. Na torre residía o señor da mota (dominus), a súa familia, algúns soldados e criados.[1] Ademais da función residencial, a torre servía como punto de observación da contorna e como último baluarte defensivo.[1]
Ao pé da mota atopábase o bailey, un terreo cercado cunha empalizada de madeira —xeralmente en forma de media lúa, «D» ou «U»— onde se situaban almacéns, celeiros, forxas, cabanas para criados e artesáns, hortas, estábulos e outros edificios auxiliares, configurando un pequeno asentamento.[1] Tanto a mota como o bailey quedaban illados por un foso con auga escavado durante a construción do outeiro. Unha ponte e un sendeiro estreito e empinado unían ambas as partes da fortificación. En caso de perigo, as forzas defensoras retirábanse á torre se o bailey non podía ser mantido.[1]
Tapezaría de Bayeux: construción dun castelo de mota (segunda metade do séculoXI).
Os castelos de mota xurdiron na actual Francia, entre os vales do Loira e do Rin, e desde alí espalláronse polo norte de Europa; poden atoparse nas Illas Británicas, Alemaña, Italia, Polonia e outros países.[1] En Inglaterra este tipo de fortificación foi introducido polos normandos tras a Conquista normanda de 1066.[1] Construídos con materiais perecedoiros, moitos foron destruídos co paso do tempo ou substituídos por estruturas máis permanentes.[1] A célebre Tapezaría de Bayeux, datada no séculoXI, mostra imaxes de castelos de mota no norte de Francia e en Hastings, Inglaterra.[1]
Vídeo aéreo de Tomen y Rhodwydd (País de Gales, 2022).
No século XI a madeira e a terra comezaron a ser substituídas pola pedra na construción de castelos. A torre de madeira sobre a mota converteuse nunha fortificación circular de pedra, orixinando a torre da homenaxe. Unha muralla pétrea rodeou a antiga empalizada e a torre da homenaxe, protexida á súa vez por unha nova fenda ou foso. Un único portal fortificado, con ponte levadiza, permitía o acceso ao castelo.
Colardelle, Michel; Mazard, Chantal. (1982). «Les mottes castrales et l'évolution des pouvoirs dans les Alpes du Nord. Aux origines de la seigneurie». En Château Gaillard: études de castellologie médiévale, XI, pp.69–89. (en francés).
Cooper, Thomas P. (1911). The History of the Castle of York. Londres: Elliot Stock. OCLC4246355.