As constantes invasións e incursións marítimas da costa galega nos séculos XVII e XVIII por parte de corsarios ingleses e franceses propiciaron a construción dunha serie de bastións defensivos ao longo das Rías Altas, cuxo principal obxectivo era garantir a seguridade da poboación e dos recursos da terra. Unha destas fortalezas foi o castelo de San Carlos, construído na vila de Fisterra. Outras fortalezas defensivas foron o castelo do Príncipe en Cee, o castelo do Cardeal en Corcubión e o castelo do Soberano, que xa non existe, en Camariñas.
A súa construción comezou baixo a dirección dos enxeñeiros Demaur e Exaccha a mediados do século XVIII, porén só se realizou a proxección xeral, a nivelación do xacemento, a cimentación en rocha a base de pedra e barro e un tramo de muro. Mantívose así ata que unha Real Orde de Carlos III de España ordenou a súa finalización.[cando?] En 1809, durante a Guerra da Independencia de España, as tropas francesas saquearon e incendiaron o castelo.
A súa forma é irregular para adaptarse ás esixencias do terreo rochoso xa que está situado na beira do mar. Tiña unha nave central para as tropas formada por 28 soldados de infantería, a polvoreira e tres troneiras. Apuntando á ría, 11 canóns preparáronse para unha posible invasión.