Caso Almería

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O caso Almería comezou o 10 de maio de 1981 coa aparición de tres corpos abrasados dentro dun Ford Fiesta nun barranco da estrada de Gérgal (provincia de Almería). O informe da Garda Civil sinalaba que eran "tres etarras, que intentaran fuxir, responsables do atentado contra o General Valenzuela", que tivera lugar tres días antes. Mesmo daba os seus presuntos apelidos: "Mazusta, Bereciartúa, e Goyenechea Fradúa".

Pero os corpos eran de tres rapaces: Luis Montero García, Luis Cobo Mier e Juan Mañas Morales, compañeiros de traballo na RENFE en Santander. Foron torturados, asasinados, e posteriormente queimados para borrar pegadas, por forzas da Garda Civil ao mando do Tenente Coronel Carlos Castillo Quero[1].

Feitos[editar | editar a fonte]

O caso Almería está marcado polo atentado terrorista cometido pola banda ETA o 7 de maio de 1981 en Madrid contra o xefe do Cuartel Militar do Rei, o Xeneral Joaquín Valenzuela. O Alto Cargo resultou ferido de gravidade, e faleceron os seus tres acompañantes.

Tres días máis tarde os mozos Juan Mañas Morales (almeriense de 24 anos, traballador de FEVE), Luis Montero García (salmantino de 33 anos, traballador de FYESA e membro do PCE) e Luis Manuel Cobo Mier (santanderino de 29 anos, traballador de ACERIASA) dirixíanse desde Santander cara a Pechina (provincia de Almería) para ir á primeira comuñón do irmán do primeiro. Unha avaría no seu vehículo obrígaos a parar en Puertollano (provincia de Cidade Real), onde alugaron un Ford Fiesta. Un veciño da localidade manchega, tras ver en televisión as fotos dos terroristas de ETA Mazusta, Bereciartúa e Goyenechea Fradúa, confunde os mozos cos membros da banda. Trala chamada do cidadán á Garda Civil, esta montou a caza e captura do presunto comando terrorista, co Tenente Coronel Carlos Castillo Quero á fronte.

A tarde do sábado 9 de maio de 1981, aparcaron o Ford Fiesta na avenida principal de Roquetas de Mar. Juan Mañas, natural da localidade almeriense de Pechina, acompañou os seus amigos para ensinarlles Almería. Descoñecían que o día anterior a iniciaren a viaxe o Tenente Xeneral Valenzuela sufrira un atentado de ETA.

Mañas, Montero e Cobo foron detidos sen opor resistencia ás 21:05 nunha tenda da localidade, mentres facían unhas compras. Ao día seguinte os seus cadáveres apareceron dentro do Ford Fiesta, calcinados e furados por múltiples balas.

Castillo Quero e os seus homes de confianza (até un total de 11 gardas civís) torturaron os tres inocentes durante toda a noite nun antigo cuartel abandonado da Garda Civil, situado na localidade almeriense de Casafuerte. Tras descubrir o erro, intentaron borrar todas as probas. Tiveron que despezar os corpos dos mozos para metelos dentro do coche. Despois levárono, botárono barranco abaixo e prendéronlle lume.

Versión oficial[editar | editar a fonte]

O domingo 10 de maio un comunicado oficial anunciou a morte dos tres presuntos terroristas nun tiroteo coa Garda Civil. Os corpos dos mozos foron atopados calcinados no interior do coche no quilómetro 8,400 da estrada de Gérgal. Segundo a versión oficial, os detidos como presuntos terroristas estaban armados e indocumentados, e eran conducidos a Madrid en coche. Cando intentaron agredir o condutor, os gardas civís víronse obrigados a disparar contra as rodas do vehículo no que ían esposados.

Juan José Rosón, daquela Ministro do Interior, repetiu esta versión en comparecencia parlamentaria malia que na prensa se describía que "os cadáveres, atrozmente calcinados, aparecen sen pernas e sen brazos, e teñen visible orificios de bala en distintos puntos do tronco e do rostro".

Condena[editar | editar a fonte]

O 28 de xullo de 1981 a Audiencia Provincial de Almería condenou os tres axentes por tortura e homicidio, marcando o pago dunha indemnización de tres millóns de pesetas ás familias das tres vítimas. En 1984 o Tribunal Supremo de España confirmou a sentenza de 24 anos de cárcere para o Tenente Coronel Castillo Quero, 15 para o Tenente Gómez Torres e 12 para o axente Fernández Llamas. O cumprimento da condena tivo bastantes irregularidades, xa que até a expulsión dos homicidas da Garda Civil, cumpriron condena en centros militares en lugar de en cárceres ordinarios, e cobraron o retiro -varios millóns de pesetas- dos fondos reservados do Ministerio do Interior. O avogado que representaba as familias dos falecidos, Darío Fernández, recibiu ameazas de morte.

O caso Almería na actualidade[editar | editar a fonte]

No ano 2010 aínda quedaban 8 membros da Garda Civil sen xulgar polo caso: o sarxento Rafael Cañadas Pérez, sarxento Antonio González Hueso, Cabo Primeiro Guillermo Visiedo Beltrán, Axente Eduardo Fenoi Rodríguez, Sarxento Juan Sánchez Cabrera, Axente Angel Ojeda Guerrero, Axente Antonio Pavón Merino e Axente Segundo Juan Martínez Castro.[2].

Castillo Quero ingresou na prisión de Guadalaxara en outubro de 1985 procedente do presidio militar do castelo de Santa Catalina (Cádiz). Tres anos despois accedeu ao terceiro grao penitenciario, e en outubro de 1992, tras cumprir as tres cuartas partes da condena, saíu da prisión de Córdoba en liberdade condicional. Faleceu en Córdoba o 3 de abril de 1994.

Os familiares de Juan Mañas solicitaron en varias ocasións a varios organismos que o seu fillo e os seus dous compañeiros sexan recoñecidos coma vítimas do terrorismo, pero na actualidade aínda non recibiron resposta favorable. Tampouco recibiron apoio da Asociación Víctimas del Terrorismo.

Repercusión[editar | editar a fonte]

A historia foi levada ao cine en 1983 baixo o título de El caso Almería, dirixida por Pedro Costa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ramos Espejo, A.: El caso Almería: Mil Kilómetros al sur. Ed. Argos Vergara, Barcelona abril de 1982.
  2. El País, 10 de xullo de 1981.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]