Casa romana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Planta e alzada dunha domus itálica idealizada

A casa romana, domus en latín, era o habitáculo típico da antiga Roma, moi coñecida grazas á chamada Casa de Menandro (chamada así por un fresco do poeta Menandro atopado nas súas ruínas), que foi considerada o tipo de casa urbana común durante a República e o Imperio, a diferenza das villae ou vilas, casas situadas fóra das murallas da cidade (villa suburbana) ou no medio do campo, onde tiñan espazos anexos para labores agrícolas (villa rustica).

Con todo, o seu tamaño e luxos varían moito segundo as posibilidades de cada familia, como se pode ver en Pompeia, onde case todas as casas pertencen a esta tipoloxía, xa que era unha cidade residencial dos patricios, a xente poderosa de Roma. As clases pobres (os plebeos) vivían en edificios de apartamentos chamadas insulae.

Orixe[editar | editar a fonte]

O termo domus é moi antigo, de etimoloxía indoeuropea (*domh2s-), que designaba a casa en tanto que institución familiar e ten a súa orixe na raíz *demh2-, construír[1]. A súa forma arcaica é coñecida polas urnas funerarias atopadas nas necrópoles do antigo Foro Romano, as cales tiñan forma dunha cabana redondeada cunha única habitación. Os vestixios atopados no Monte Palatino e datados no século VIII a. C. confirman esta inicial planta arquitectónica tan modesta.

A influencia etrusca de finais do período da monarquía romana ve nacer a domus cunha estrutura rectangular e con varias habitacións. Con todo a morada permanecía cun estilo rústico, como testemuña a designación da casa pola palabra hortus ("horta") utilizada na Lei das Doce Táboas,[2] e que se traduce na relación aínda estreita entre a vivenda e o seu xardín pechado.

Estrutura da casa romana[editar | editar a fonte]

A domus consistía nun só piso ou dous como máximo. Tiña unha planta rectangular e estaba illada do exterior por paredes uniformes, con poucas fiestras. A luz entraba polo centro, polo atrio ou polo perístilo. A primitiva casa itálica dividíase nas seguintes partes:

  • A entrada principal consistía nun vestíbulo (vestibulum) en forma dun pequeno espazo protexido diante da porta (ostium ou foris), que daba a un corredor chamado fauces.
  • O atrio (atrium) era a primeira habitación que se atopaba. Era o centro da casa primitiva e da vida familiar. Era un grande espazo cuberto por un tellado agás unha grande abertura (compluvium) no medio que daba luz e ventilación e deixaba caer a auga de choiva no impluvium, un estanque rectangular que a recollía e do que pasaba a unha cisterna subterránea. Un pequeno pozo ao lado permitía sacar auga dela. Orixinalmente era aí onde estaba o lar (focus), onde se cociñaba e comía, pero nas casas de Pompeia xa non é posíbel atopar o lar. En cambio, si que hai unha mesiña de mármore, unha capeliña dedicada aos Lares (o larario ou lararium) e a caixa forte. Dúas ás (alae) a ambos os dous lados do atrio ampliaban o seu espazo.
  • O tablinum estaba situado detrás do atrio, separado por unha cortina ou reixa de madeira. Era o despacho do pater familias, onde recibía as visitas e gardaba o arquivo familiar.
  • Os cubicula ou dormitorios estaban situados aos lados do atrio.
  • As habitacións que flanqueaban a entrada podían estar abertas ao interior -como a habitación para o porteiro, os dormitorios ou comedores- ou dar ao exterior. Neste caso, o dono da casa alugábaos como tendas (tabernae).
  • Moitas casas tiñan un xardín (hortus) ao longo da parede traseira.
  • Ao fondo da edificación adoitaban atoparse as cortes cunha pía, onde se gardaban as carruaxes e as ánforas e unha habitación para o capataz dos escravos (o villicus) e as habitacións destes. Ao parecer, este tipo de vivendas eran empregadas por propietarios de certa importancia que residían na cidade e tiñan as terras a unha distancia curta. Cando os propietarios non tiñan escravos non existían as dependencias destinadas a estes.

Os romanos xeralmente mantiveron certas características da casa que permaneceron inalteradas. As proporcións poderían variar co tamaño e a forma da parcela a disposición do construtor, e o número de habitacións engadidas dependería das posibilidades ou gustos do propietario, pero o núcleo era sempre o mesmo.

Actualmente hai moita información sobre este tema. Vitruvio, un arquitecto e enxeñeiro da época de César e Augusto, deixou unha obra que presenta os detalles dos seus principios de construción. As obras de moitos autores romanos conteñen descricións xerais de partes de vivendas, ou polo menos indicios e alusións que son moi útiles. E, por último, descubríronse plantas de moitas casas en Roma e noutros lugares, e en Pompeia mesmo se atoparon as paredes en pé de moitas casas.

Evolución histórica da casa romana[editar | editar a fonte]

A primitiva casa romana remóntase á sinxela vida dos agricultores en épocas antigas, cando todos os membros da familia vivían xuntos nunha soa habitación. Nesta habitación (atrium) cociñábase a comida, poñíase a mesa, realizábanse todas as tarefas domésticas e ofrecíanse os sacrificios aos Lares. pola noite, deixábase un espazo para dispoñer as camas.

A casa primitiva non tiña cheminea, o fume saía por un burato feito no teito. Non había fiestras; toda a luz natural entraba polo burato do teito. Só había unha porta, a zona que estaba situada diante parecía estar reservada para o pai e a nai. Neste lugar estaba situada a lareira, onde a nai preparaba a comida e tiña preto os utensilios que usaba para fiar e coser. Aquí tamén estaba a arca ou o baúl onde o señor gardaba os obxectos de valor e onde colocaba a súa cama á hora de durmir.

Arca de ferro e bronce da domus dos Vetii, Pompeia.

A casa máis antiga era unha cabana redonda ou ovalada cun tellado apuntado, como se describe na tradicional cabana de Rómulo no Palatino. A forma circular conservouse na forma asignada ao templo de Vesta, cuxa adoración comezou no lar destas cabanas. As cabanas posteriores eran ovais. Máis tarde chegou a forma rectangular. A aparencia externa destas cabanas aseméllase ás urnas funerarias etruscas, descubertas en varios lugares de Italia.

Urna funeraria con forma de cabana arcaica.

A planta era un simple rectángulo sen divisións. Pode considerarse desde o punto de vista histórico e arquitectónico o núcleo básico da casa romana. Tamén se conservou o nome propio (atrium), que antes se refería a toda a casa. Aparece nos nomes dalgúns edificios moi antigos de Roma usados con fins relixiosos, o Atrium Vestae, o Atrium Libertatis, etc. Non obstante, posteriormente o atrium (atrio) aplicouse a unha única habitación característica da casa.

Un trazo da casa posterior, tan frecuentemente atopado en conexión co atrium, fai doado considerar o tablinum, un amplo espazo fronte á porta de entrada, como unha adición posterior. Son aínda motivo de discusión a orixe do tablinum e os usos aos que se destinaba, tanto en épocas máis antigas como en posteriores. Nun principio se cadra só tiña un propósito temporal, ao estar construído con táboas (tabulae), e tiña unha porta cara ao exterior sen conexión ningunha co atrium. En calquera caso, non debeu pasar moito tempo ata que se furou a parede do medio. Unha vez se fixo isto e quedou demostrada a súa idoneidade, eliminouse a parede do medio. Varrón explicaba que o tablinum era unha especie de balcón ou soportal, empregado como comedor na época de calor.

Despois o atrium recibiu a luz dunha abertura central no tellado, o compluvium, este nome deriva do feito de que a choiva, o aire e a luz podían entrar nel. Xusto debaixo, escavouse no chan unha pía, o impluvium, que recollía a auga para uso doméstico. Cando se necesitou máis espazo e privacidade, a casa ampliouse con pequenas habitacións que se abrían fóra do atrium nos laterais. O atrium ao final xunto co tablinum tiña todo o ancho entre as paredes exteriores, e os espazos ou buratos adicionais, un a cada lado, chamábanse alae (ás). A aparencia desta casa vista dende a porta principal faría recordar a unha igrexa. O atrium correspondíase coa nave e as dúas alae cos transeptos, mentres que a bóveda do tablinum semellaría o presbiterio. Polo que se sabe, a luz chegaba ás cámaras exteriores só a través do atrium. Desta antiga casa atopamos conservado nas súas sucesoras todo o que hai diante da porta principal, o atrium coas súas alae e o tablinum, o impluvium e o compluvium.

Parece que os gregos inspiraron a idea que os romanos adoptaron despois: un patio detrás do tablinum, ao aire libre, rodeado de cuartos, para conter flores, árbores e arbustos. Este espazo aberto tiña columnas ao seu arredor e a miúdo unha fonte no centro. Este patio chamábase peristylum (perístilo). Segundo Vitruvio, debía ser un terzo máis ancho que longo, pero non se conservan restos con tales medidas. O acceso ao peristylum desde o atrium podía ser a través do tablinum, aínda que podía estar separado por unha porta de dúas follas e por un corredor estreito (andron) nos lados. Era empregado polo escravos ou persoas que non tivesen o privilexio de pasar polo tablinum.

Tanto o corredor como o tablinum podían estar pechados do lado do atrium por portas. A disposición das distintas habitacións arredor do persistylum parece ter variado segundo o construtor ou o propietario; non se pode ofrecer unha planificación concreta. Segundo as posibilidades do propietario, había dormitorios, comedores, bibliotecas, habitacións para pintar, cociña, pías, armarios, baños privados ou habitacións para escravos. Todas estas habitacións miraban ao peristylum e recibían del a luz e a ventilación, do mesmo xeito que o facían as estancias arredor do atrium. Máis tarde, engadiuse un xardín detrás do peristylum.

O seguinte cambio produciuse só nas casas de aldeas e vilas, porque estaba motivado polas condicións da vida urbana que non se producían no campo. Tanto na época antiga como na moderna, os negocios estendíanse desde o centro das cidades cara ás áreas residenciais, e a miúdo era interesante para o propietario dun habitáculo adaptalo ás novas condicións. Esta adaptación era sinxela no caso da casa romana, grazas á disposición das habitacións.

Xa se mencionou que todas as habitacións se abrían cara ao interior da casa, que se poñían poucas fiestras nas paredes exteriores e que só había unha porta na parte dianteira. Se a casa tiña a fachada cara a unha rúa comercial, está claro que o propietario podía construír habitacións diante do atrium con fins comerciais, sen que isto afectase á privacidade da súa casa nin lle reducise a luz.

Partes da casa[editar | editar a fonte]

Partes dunha casa romana ideal.

O vestibulum[editar | editar a fonte]

A casa da cidade construíase sobre a liña da rúa. Nas casas máis pobres a porta que se abría ao atrium estaba na parede dianteira e estaban separadas da rúa só polo ancho do limiar. Nas mellores casas, a separación entre o atrium e a rúa cunha liña de tendas daba a oportunidade de preparar unha entrada máis impoñente. Ás veces deixábase polo menos unha parte deste espazo como un patio aberto, con baldosas de gran calidade no chan desde a rúa ata a porta principal, adornado con plantas, flores ou estatuas e trofeos de guerra, se o propietario era máis rico. Esta área de acceso foi finalmente chamada vestibulum.

O punto importante a destacar é que non se corresponde en absoluto coa parte da casa hoxe chamada "vestíbulo". Os seus usos foron os seguintes:

  • Os clientes reuníanse quizais antes do amencer para ser recibidos no atrium e recibir a sportula do propietario.
  • Dispoñíase a procesión nupcial.
  • Formábase a escolta que acompañaba aos nenos ata o foro o día en que se convertían en adultos.

Mesmo nas casas máis humildes dábaselle o mesmo nome ao espazo entre a porta e a zona de paso dos peóns.

Exterior dunha domus, que representa a entrada con ostium. (Obra de Stepan Bakalovich, 1885)

O ostium era a entrada da casa. Incluía o portal e a propia porta, e o termo aplicábase a ambos os dous, aínda que as palabras máis precisas para porta eran fores e ianua. Nas casas máis pobres, o ostium estaba directamente sobre a rúa e non hai que dicir que se abría directamente ao atrium; é dicir, o antigo atrium estaba separado da rúa só pola súa parede. O refinamento de épocas posteriores motivou a introdución dunha entrada ou paso entre o vestibulum e o atrium, e o ostium abríase cara a esta zona de acceso e foille dando o seu nome gradualmente.

A porta estaba situada atrás, deixando un ancho limiar (limen) que a miúdo tiña a palabra salve (ola!) gravada nun mosaico. Ás veces sobre a porta había palabras de bo augurio (como nihil intret mali: "que nada de malo entre"), por exemplo, ou unha fórmula de protección contra o lume. Nas casas que tiñan un escravo como ostiarius ou ianitor (porteiro), o seu lugar estaba detrás da porta, e ás veces mesmo tiña unha habitación.

Dentro do ostium adoitaba haber un can atado con cadeas ou, de non ser así, a representación dun can en mosaico no chan ou pintado na parede. Este vestíbulo xunto ao atrium estaba cuberto por unha cortina (velum). Por este paso, a xente do atrium podía ver aos peóns camiñando pola rúa.

O atrium[editar | editar a fonte]

O atrium (atrio) era o elemento básico da casa romana. Os trazos máis característicos do atrium eran o compluvium e o impluvium. A auga recollida polo impluvium levábase ás cisternas, o buraco do tellado do compluvium podía cubrirse cunha cortina se a luz era demasiado intensa. Os romanos acabaron usando as dúas palabras sen distinción; o compluvium era un elemento tan importante no atrium que o atrium podería mesmo recibir o seu nome. Vitruvio[3] apunta a catro estilos diferentes para a construción do atrium:

  • o atrium tuscanicum (o atrio etrusco): o tellado estaba formado por dous pares de vigas que se cruzaban en ángulo recto; deixábase aberto o espazo interior e formábase así o compluvium. Está claro que este método de construción non se podía usar para habitacións de grandes dimensións.
  • o atrium tetrastylon (o atrio tetrástilo): as vigas estaban sostidas por catro piares ou columnas.
  • o atrium corinthium (atrio corintio): só se distinguía do tetrástilo por ter máis de catro columnas.
  • o atrium displuviatum (o atrio de drenaxe): o teito inclinábase cara ás paredes exteriores, e a auga era evacuada cara ao exterior mediante desaugadoiros; o impluvium só recollía a auga que realmente caía dentro desde o ceo.

A páxina Módulo:Gallery/styles.css non ten contido.

A sinxeleza e austeridade da vida familiar durante os primeiros tempos da República conferían á casa unha soa habitación que non se mantivo nos grandes palacios de finais da República e xa no Imperio. Na época de Cicerón o atrium deixara de ser o centro da vida doméstica, convertérase nun pequeno salón de gala usado só para exhibición. Posibelmente as novas habitacións ao lado do atrium se empregasen como dormitorios para unha maior privacidade. Cando se adoptou o peristylum, debeuse sentir a necesidade dunha zona independente para a cociña e despois dun comedor (é moi posíbel que este patio fose inicialmente un espazo para cociñar ao aire libre). Despois engadíronse outras habitacións ao peristylum e convertéronse en dormitorios para ter unha maior privacidade. Ao final, estas habitacións foron necesarias para outros fins e os dormitorios trasladáronse, esta vez, ao andar superior. Non sabemos cando se comezaron a construír os andares superiores, pero pódese pensar que o pequeno tamaño das parcelas e o seu elevado prezo nas cidades obrigaron a construír verticalmente. Incluso en casas humildes en Pompeia atopáronse restos de escaleiras que conducían ata andares superiores.

Recreación dun atrio pompeiano (Luigi Bazzani, 1882)

Xa neste estado máis avanzado da casa romana, o atrium comezou a decorarse con todo o esplendor e a magnificencia que o propietario podía permitirse. A apertura do tellado fíxose máis grande para recibir máis luz e os piares que o sustentaban eran de mármore ou madeira preciosa. Entre estas columnas e nas paredes colocábanse estatuas e outras obras de arte. O impluvium converteuse nunha pía de mármore, cunha fonte no centro, e estaba a miúdo ricamente traballado e adornado con figuras en relevo.

O chan era de mosaico, as paredes estaban pintadas en cores brillantes ou decoradas con bloques de mármore de moitos tons e os teitos podían cubrirse con mármore, marfil ou ouro. Neste atrium máis decorado, o anfitrión recibía aos seus convidados ou aos clientes.

Pero mesmo neste atrium máis impresionante podíanse conservar recordos de épocas pasadas. O altar dedicado aos lares e penates continuaba ás veces preto de onde estivera o lume da casa, aínda que os sacrificios habituais xa se celebraban nunha capela ou espazo especial no peristylum. Mesmo nas casas máis espléndidas, os utensilios de fiar gardábanse no lugar onde a matrona sentara nuns tempos xa remotos, como narra Tito Livio na súa historia de Lucrecia[4]. Os armarios da parede conservaban as máscaras dos antepasados, e o leito nupcial, que se colocaba no atrium cando os noivos entraban na casa, convertérase nun banco colocado no ostium, xa cando o atrium non se usaba como dormitorio.

No campo, o antigo uso do atrium continuou ata os días de Augusto, e os pobres nunca puideron permitir cambiar o seu modo de vida. En canto ao uso das habitacións que rodeaban o atrium cando deixaron de ser dormitorios, certamente non se sabe, quizais servisen como salóns, salas privadas ou cuartos para usos diversos.

As alae eran os dous espazos rectangulares á dereita e á esquerda do atrium. Estaban completamente abertos ao atrium e formaban parte del. Alí gardábanse as imagines (os bustos de cera dos devanceiros), dispostas en vitrinas de madeira. Cando os escritores romanos ou os autores modernos falan das imagines do atrium, en realidade están a referirse ás alae.

O tablinum[editar | editar a fonte]

O seu nome podería derivar do material (tabulae, 'táboas') co que estaba construído. Outra posibilidade sería que recibise o nome do feito de que o dono gardaba alí os seus libros de contas e os documentos privados. O dono tamén gardaba nesta habitación a arca dos cartos (arca), que antigamente estaba encadeada ao chan. Pola súa posición dominaba toda a casa, xa que só se podía acceder ás habitacións dende o atrium ou o peristylum, e o tablinum estaba xusto entre estas dúas partes. O señor podía asegurarse unha total privacidade pechando as portas de dúas follas que o separaban do peristylum, o xardín privado, ou correndo as cortinas na abertura que daba ao atrium.

Por outra banda, se o tablinum se deixaba aberto, o convidado que entraba polo ostium podía ver dunha ollada todas as partes públicas e semipúblicas da casa. Mesmo cando o tablinum estaba pechado, había acceso libre desde a parte dianteira da casa cara á parte posterior a través dun corredor curto ao seu carón que daba ao peristylum.

O peristylum[editar | editar a fonte]

Detalle do perístilo da Casa da Venus da Concha en Pompeia.
Reconstrución dun triclinio no Archäologische Staatssammlung München de Múnic.

Ao principio foi copiado dos gregos, que o usaban máis como xardín ou horta e, a pesar do gran conservadorismo dos romanos, acabou converténdose na parte máis importante da casa, desprazando o atrium a un uso máis restrinxido.

O peristyium era unha ampla zona aberta ao ceo, rodeada de habitacións, todas con portas e fiestras enreixadas. Todas estas habitacións tiñan un pórtico cuberto no lateral que quedaba no patio. Estes soportais, que formaban unha columnata ininterrompida polos catro lados, eran propiamente o peristylum, aínda que o nome chegou a aplicarse a toda a sección, incluíndo o patio, a columnata e as habitacións contiguas.

Normalmente unha destas habitacións usábase como triclinium (triclinio), lugar onde se tomaba a cea. Estaba dotada con tres leitos onde se tumbaban os comensais (en principio tres en cada leito), fronte aos cales uns escravos poñían unhas pequenas mesas pregábeis, onde estaban os alimentos xa cortados; os comensais servíanse colléndoos coas mans.

O peristylum estaba moito máis aberto ao sol que o atrium, e alí se plantaban máis tipos de flores e mesmo árbores. Adoitaba ter a aparencia dun xardín, a miúdo decorado con estatuas ou fontes.

Elementos construtivos[editar | editar a fonte]

As paredes[editar | editar a fonte]

O material usado para as paredes (parietes) variou co tempo, o lugar e o custo do transporte. O primeiro material usado en Italia foron a pedra e os ladrillos sen cocer (lateres crudi), como case en todas partes, mentres que a madeira só se empregaba en estruturas temporais, como o agregado a partir do que quizais se desenvolveu o tablinum.

Desde a antigüidade nas casas particulares e en todas as épocas en edificios públicos erixíronse paredes de pedra puída (opus quadratum), do mesmo xeito que nos tempos modernos. Como o travertino é unha pedra volcánica de fácil acceso no Lacio, escura e pouco atractiva debido á súa cor, sobre a parede estendíase para decorala un vistoso revestimento de estuco de mármore, dándolle un acabado máis branco e rechamante.

Para casas menos luxosas, non para edificios públicos, fíxose un uso abundante de ladrillos secados ao sol (adobe) ata comezos do século -I. Tamén estas paredes se cubrían con estuco, para decoración e para os protexer da intemperie.

Exemplo de opus caementicium nun túmulo na Vía Apia, en Roma.

En época clásica apareceu un novo material, mellor que o ladrillo ou a pedra, máis barato, máis duradeiro, máis fácil de traballar e de transportar, usado case exclusivamente para casas particulares e en xeral para edificios públicos. As paredes construídas da nova maneira (opus caementicium) levantábanse con variantes de cemento. Os materiais deste cemento dependían do lugar. En Roma empregábase barro e cinzas volcánicas con pedras como mínimo do tamaño dun puño. En ocasións usáronse fragmentos de ladrillos e area no canto de pedra. Canto máis dura era a pedra, mellor era o cemento. O mellor cemento elaborábase con restos de lava, o material co que normalmente se pavimentaban as estradas. O método romano para levantar as paredes de cemento é o mesmo que aínda hoxe se aplica. Primeiro, a intervalos dun metro a ambos os dous lados da futura parede, fixábanse uns postes verticais de 13-15 centímetros de grosor e 3-4 metros de alto. Fóra destes, cravábanse horizontalmente táboas de 25-30 centímetros de ancho. Vertíase cemento semilíquido no espazo intermedio, que tomaba a forma dos postes e das táboas. Cando o cemento endurecía, eliminábase a armadura. Repetíase o proceso para levantar a parede os metros desexados. O grosor das paredes podía ser desde os 18 centímetros dunha casa normal aos cinco metros das paredes do Panteón en Roma.

Aínda que as paredes eran impermeábeis ao mal tempo, adoitaban estar cubertas con pedra ou ladrillos cocidos (lateres cocti). A pedra adoitaba ser un travertino suave, que non estaba tan ben adaptado para soportar o aire libre como o cemento.

Pisos e teitos[editar | editar a fonte]

Na maioría das casas modestas o chan (solum) na planta baixa formábase achandando o chan entre as paredes, cubríndoo cunha capa grosa de cachos de pedra, ladrillos, baldosas e potas e pisándoo cun obxecto pesado (fistuca). Este chan chamábase pavimentum, pero a palabra foi usada gradualmente para todo tipo de chans.

En casas máis luxosas o chan estaba feito de anacos de pedra que se encaixaban: os mosaicos. Adoitaban ter chans de cemento. O chan dos pisos superiores era a miúdo de madeira, pero tamén se podía usar cemento, vertido sobre unha base temporal de madeira. Este chan era moi pesado e requiría paredes sólidas para soportalo: conserváronse chans de 45 centímetros de grosor e 6 metros de longo. Tal chan formaba un tellado perfecto para o andar inferior, que só necesitaba un acabado de estuco. Outros teitos facíanse como na actualidade: cravábanse listóns sobre as vigas e recubríanse con morteiro e estuco.

Os tellados[editar | editar a fonte]

A construción dos tellados (tecta) difería moi pouco do método moderno. Os tellados variaban tanto como os actuais en forma: algúns eran planos, outros a dúas augas, outros caían en catro vertentes. Nos tempos máis antigos estaba cuberto cunha capa de palla, como na chamada cabana de Rómulo (casa Romuli) no Palatino, conservada mesmo nos tempos imperiais como unha reliquia do pasado. Sobre a palla colocábanse pedras como base para as tellas.

As portas[editar | editar a fonte]

A porta romana, como a de hoxe, tiña catro partes: o limiar ou soleira (limen), os dous montantes ou xambas (postes) e o lintel (limen superum). O lintel sempre era dunha soa peza de pedra e bastante vistoso. As portas eran exactamente iguais ás da época moderna, excepto no tema das bisagras ou gonzos, xa que, aínda que os romanos tiñan bisagras coma as actuais, non as usaban para as portas. O soporte da porta era en realidade un cilindro de madeira maciza, un pouco máis longo que a porta e cun diámetro maior que o grosor da porta, que remataba cuns pivotes na parte superior e inferior. Estes pivotes encaixábanse en dous buratos enriba no lintel e embaixo no limiar. A porta axustábase a este cilindro, de xeito que o peso combinado da porta e do cilindro repousase sobre o pivote inferior. As comedias romanas están cheas de referencias ao renxer das portas das casas.

A porta exterior chamábase propiamente ianua, e a interior ostium, pero ambas as palabras acabaron empregándose de xeito intercambiábel, e a segunda mesmo se aplicaba a toda a entrada. As portas dobres chamábanse fores, a porta traseira que levaba ao peristylum ou a unha rúa lateral chamábase posticum. As portas abríanse cara a dentro e as que daban acceso ao exterior tiñan ferrollos (pessuli) ou trancas (serae). No interior das casas as portas eran menos frecuentes que agora, xa que os romanos preferían separacións máis abertas, con cortinas (vela, aulaea).

As fiestras[editar | editar a fonte]

Nas habitacións principais dunha casa privada as fiestras (fenestrae) abríanse cara ao peristylum e, como regra xeral, nas casas particulares as habitacións situadas no andar superior e usadas para uso doméstico normalmente non tiñan fiestras orientadas á rúa. Nos andares superiores había fiestras exteriores nas habitacións que non tiñan saída ao peristylum, como pasaba coas habitacións alugadas ou coas insulae.

As casas de campo podían ter fiestras cara ao exterior no primeiro andar. Algunhas fiestras tiñan cubertas exteriores. En calquera tipo de fiestra, tanto urbana coma rural, a miúdo colocábase unha reixa ou malla para manter fóra os ratos ou outros animais.

Os romanos do imperio xa coñecían o vidro, pero era demasiado caro para o empregar nas fiestras. Tamén se empregaba o talco e outros materiais translúcidos nos marcos das fiestras como protección contra o frío, pero só en circunstancias pouco habituais.

Calefacción[editar | editar a fonte]

A pesar do clima suave de Italia, as casas eran a miúdo frías. Nalgúns días fríos, os habitantes posibelmente tiñan que se conformar con mudarse a habitacións quentadas polos raios directos do sol ou con máis roupa de abrigo. Nas estacións máis duras ou a mediados do inverno empregaban foculi, estufas de carbón ou braseiros de todo tipo aínda empregadas nos países do sur de Europa. Eran só caixas metálicas onde se podían depositar anacos de carbón quente, con patas para protexer o chan dos danos e asas coas que se podían trasladar a outras estanc

Os ricos a miúdo tiñan fornos similares aos actuais baixo as casas, o hipocausto: nun forno, chamado praefurnium, prendíase lume e a calor circulaba por baixo do chan, que estaba elevado sobre unhas pequenas columnas. A calor distribuíase con tubos de arxila por toda a casa. As separacións e andares entón estaban xeralmente ocos e por aí circulaba aire quente, que quentaba as habitacións sen entrar directamente nelas. Este sistema de calefacción tiña chemineas, pero non eran moi empregadas en casas particulares en Italia, eran máis comúns nas provincias do norte.

A páxina Módulo:Gallery/styles.css non ten contido.

Decoración[editar | editar a fonte]

Ata o último século da República, as casas eran pequenas e sinxelas, con pouca decoración. O exterior adoitaba deixarse austeramente sen adornos, as paredes só estaban cubertas de estuco. O interior decorábase segundo os gustos e as posibilidades do propietario.

Ao principio as paredes acabadas en estuco cubríanse con paneis rectangulares (abaci), pintados en cores brillantes e vibrantes, sobre todo vermello e amarelo. Pintábanse figuras no centro dos paneis, despois chegaron elaboradas pinturas, figuras, interiores, escenas, paisaxes... de gran tamaño e pintadas con coidado, todas directamente na parede. Máis tarde as paredes comezaron a cubrirse con lousas finas de mármore con rebordes e cornixas. A combinación de mármores de diferentes tons creaba efectos artísticos. Finalmente, chegaron ás casas as figuras de estuco en relevo, enriquecidas con ouro e cores, e os mosaicos, elaborados principalmente con pezas de cristal de cores.

A páxina Módulo:Gallery/styles.css non ten contido.

As portas e entradas tamén daban ocasión a un tratamento artístico. As portas presentaban ricos paneis e relevos, marcos de bronce ou a propia porta feita de bronce. O limiar levaba a miúdo un mosaico. As xambas e os montantes estaban cubertos de mármore ou a miúdo con deseños elaborados en relevo.

Os chans estaban cubertos de lousas de mármore formando figuras xeométricas ou con mosaicos.

Os teitos abovedados pintábanse en cores ou dividíanse en paneis, posteriormente decorados con estuco en relevo, con ouro ou marfil ou placas de bronce bañadas en ouro.

Mobles[editar | editar a fonte]

Moitos dos obxectos ou complementos máis comúns usados na actualidade eran descoñecidos para os romanos. Non había espellos nas paredes, por exemplo, non tiñan mesas nin escritorios para escribir, nin caixóns, nin vitrinas para mostrar obxectos curiosos, vaixela ou libros, nin sequera tiñan colgadoiros para roupa ou sombreiros.

Os obxectos principais que se atopaban nas mellores casas eran camas ou sofás, cadeiras, mesas e lámpadas. Tamén había arcas, baúis, armarios de madeira con patas, braseiros e menos frecuentemente reloxos de auga.

Sofás[editar | editar a fonte]

Sofás e canapés (lectus, lectulus) estaban por todas partes na casa romana; como un sofá de día, coma unha cama de noite. Na súa forma máis sinxela consistía nunha armadura de madeira con tiras de coiro na parte superior sobre as que se colocaba un colchón. Nun extremo había un brazo, coma se fose unha chaise longue, e ás veces había un brazo a cada extremo e tamén un respaldo. Parece que o respaldo era un engadido romano ao sofá antigo, sempre estaba cuberto con almofadas e mantas. Ao principio o colchón estaba recheo de palla e máis tarde de lá ou incluso de plumas. Nalgúns dormitorios de Pompeia parece que non había armadura de base, senón que o colchón estaba colocado directamente sobre un soporte construído dende o chan.

Reconstrución dun cubiculum en Augusta Raurica, hoxe preto de Augst (Suíza).

O mobiliario usado como cama parece ser máis grande que os sofás e era tan alto que ás veces necesitábanse escaleiras para subir. O lectus como sofá era usado na biblioteca para ler e escribir, onde o alumno apoiaba o libro e os utensilios de escritura no brazo esquerdo.

Outras casas romanas[editar | editar a fonte]

A vila romana de Can Llauder, en Mataró

Máis luxosas eran as vilas dos grandes propietarios, cuxas terras xeralmente estaban bastante afastadas; estes contaban con baños, soportais, torres, xardíns e pavillóns. As vivendas poderían conter outras dependencias segundo a actividade do propietario: así, coñécense casas con adegas ou prensas, e probabelmente existisen outras con almacéns e outros equipamentos. As casas decoradas con frescos parecen datar da época do comezo do imperio (século I).

Por suposto, as casas dos máis humildes, ademais dos edificios de pisos urbanos (insulae), eran pouco máis que cabanas de madeira, cun tellado de pólas e un chan de terra; ocasionalmente na súa construción usábase algunha parte de pedra.

Nas provincias galas era característica a casa chamada "corredor con ás", cun corredor exterior e ás de habitación (o modelo de casa está situado en Mayen, preto de Coblenza); máis ao sur, na rexión de Tolosa, atopábase unha casa de campo con fileiras de casas exteriores para os traballadores, que crecían nun complexo complexo de patios, con fachada de galería, soportais e un criptopórtico. As casas da Galia contiñan sotos de cachotería e os tellados eran altos e de vertente aguda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. RIX, Helmut: Lexikon der indogermanischen Verben, s. u. 1 demh2, pp. 114-116.
  2. Grimal, Pierre (1999). La civilización romana. Barcelona: Paidós ibérrica. ISBN 84-493-0687-6
  3. De architectura, VI, III, 1-2.
  4. Ab urbe condita I, 58-60.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • colectivo, « La Domus romaine », Archéologia, n°585, mars 2020, pp. 30-41.
  • J.P. Adam, La maison romaine, Arles, Honoré Clair, 2012.
  • J. Dubouloz, La propriété immobilière à Rome et en Italie, Ier-Ve siècles. Organisation et transmission des praedia urbana, Rome, École française de Rome, 2010.
  • P. Gros, Architecture romaine (Maisons, palais, villas, et tombeaux), t.II, París, Picard, 2006.
  • V. Jolivet, Tristes portiques. Sur le plan canonique de la maison étrusque et romaine des origines au principat d'Auguste: VIe-Ier siècles av. J-C, Rome, École française de Rome, 2011.
  • Colectivo, «L'empire de la couleur. La peinture romaine de Pompéi aux Gaules», Dossiers d'Archéologie, n°366, Dijon, Éditions Faton, 2014.

Outros artigos[editar | editar a fonte]