A casa do concello de Pontedeume é un edificio situado no flanco leste da Praza Real de Pontedeume, que acolle o goberno municipal. Está composto de dous andares, cadanseu con tres ventás de moita abertura, balcón no primeiro andar e amplo portón de entrada. Na parte esquerda da fachada sitúase a torre do reloxo, de lembranzas medievais. A fachada posterior dá á rúa dos Ferreiros. Alberga gran parte das dependencias administrativas e o salón de plenos do concello.
Desde o outorgamento do título de Póboa en 1270 por parte de Afonso X o Sabio, Pontedeume contou cunha casa consistorial. O incendio xeral da vila de 1607 arrasouna por completo, e reedificouse en 1609. A configuración da fachada actual remóntase ao primeiro cuarto do século XVII, se ben foi desmontada en 1975 para reformar o interior, e reconstruída coas mesmas pedras, incluído un escudo de armas.
O escudo, construído para repoñer outro anterior que fora picado en 1820, data de 1823. Non se sabe con certeza a quen corresponde, aínda que algúns historiadores atribúenllo a Fernán Ruíz de Castro. Contén as armas de Castela, Aragón, dos Castro e dos Enríquez, e catro grandes esferas coa lenda spes meaindei.
Despois do incendio de 1607, o reloxo da vila foi trasladado á torre da igrexa parroquial, pero "por ser parte incómoda e non se oíren as horas na maior parte do lugar", o 25 de setembro de 1628 acordouse devolvelo á súa localización primitiva. O 13 de xullo do ano seguinte dispuxéronse todas as obras necesarias para ese efecto, e o 28 de agosto dese mesmo ano resolveuse pagarlle 34 ducados a un flamengo, mestre na arte de facer reloxos, por amañalo, recoñecendo que merecía máis.