Casa da fervenza
A Casa da fervenza (en inglés: Fallingwater) é unha das obras máis coñecidas do arquitecto estadounidense Frank Lloyd Wright, un dos principais mestres da arquitectura do século XX e gran referente na arquitectura a nivel mundial. A súa construción levouse a cabo de 1935-1939, por mor dun encargo dos señores Kaufmann en Mill Run, en Pensilvania. Dise que o arquitecto realizou os planos da casa nunha noite para presentarllos ao cliente.[Cómpre referencia]
Encargo
[editar | editar a fonte]A casa da fervenza foi encargada polo señor Edgar Kaufman para a construción dunha vivenda de campo para el, a súa muller e o seu fillo, alumno de Wright. Tratábase dunha familia adinerada, propietaria dun grande almacén en Pittsburgh e que demandaba unha construción senlleira e pouco ornamentada.
Talvez porque a localización preferida dos señores Kaufman se atopaba fronte á fervenza formada polo regato Bear Run ou ben pola impresión que este espazo lle causou a Wright despois das súas visitas ao lugar, a decisión de aproveitar a atmosfera e o murmurio do regato e a fervenza para localizar a futura casa sobre ela agradou moito á familia.
Deste xeito, a casa foi situada no medio dun frondoso bosque transitado polo río Bear Run en Pensilvania (EUA). O regato entra lateralmente na casa para saír frontalmente en forma de fervenza. Ao redor encóntranse árbores moi verticais e elevadas, que forman unha masa verde en verán e espido en inverno. Estamos falando dunha casa dentro da natureza e desde a que a nosa vista posúe o dominio total da paisaxe exterior e os nosos oídos o murmurio do río, perceptible en toda a casa.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]A casa da fervenza alcanza perfectamente o seu obxectivo de fundirse co medio no que se atopa para formar unha unidade. Nun contorno de marcadas liñas verticais perfiladas polos troncos das árbores, aparece unha casa formada por unha serie de corpos horizontais superpostos uns a outros que nos lembran a continuidade do río.
Os materiais determinados para a edificación tamén teñen un papel importante na adaptación ao medio, por iso parte dos que se perciben na casa son da propia zona, sendo algunhas pedras conservadas na súa totalidade (como pode ser o caso da pedra sobre a que se localiza a cheminea do salón).
Wright coidou especialmente os contrastes entre os diferentes materiais xogando coas texturas, a rugosidade da pedra e a suavidade do formigón puído. Ademais, as cores elixidas son significativas, tanto a cor crema dos saíntes de formigón armado puído, como as carpinterías vermellas.
Esta construción está completamente aberta ao medio no que se atopa, aínda que consegue gardar aos seus habitantes de calquera ollada estraña procedente do exterior. Ademais, garda un gran respecto pola natureza, sobre todo cando observamos detalles como a viga curvada da galería que sortea unha árbore. Porén, a pesar deste coidado pola natureza envolvente, o arquitecto (aínda que adaptándose ao espazo) transformou a natureza como lle conveu, creando unha nova atmosfera e baseando esta na relación de mimetismo e contraste que se chega a establecer entre o edificio e a natureza.
Contorna
[editar | editar a fonte]O mimetismo da inserción do edificio no medio é o produto da transformación dese medio. A fervenza foi desviada durante as obras de construción, algunhas pedras viron modificada a súa localización e outras xa non están alí.[Cómpre referencia] Porén, o medio foi coidadosamente naturalizado posteriormente e no propio edificio hai moitos remates que achegan unha aparencia rudimentaria, formados pola sucesión de pedras naturais horizontais, laxes de distintos grosores, pedras traballadas etc.
Forma
[editar | editar a fonte]Volumetría
[editar | editar a fonte]A casa da fervenza é unha vivenda unifamiliar, illada de calquera edificio, coa excepción da casa de convidados un pouco máis arriba do outeiro na que están situadas as dúas. O seu esquema de distribución adianta o concepto de percorrido arquitectónico acuñado máis adiante por Le Corbusier. Accédese á casa por unha ponte, pásase por diante da entrada peonil e diríxese ao aparcadoiro.
A casa está composta por unha superposición de bandexas horizontais de grandes dimensións sen soportes visibles exteriormente, cuxas sombras provocan un espazo intermedio protexido de miradas exteriores. En contraste con esta horizontalidade, a casa posúe un núcleo vertical de pedra que é común a tódalas súas plantas. Deste xeito, a casa convértese nun prolongamento vertical das rochas do río. A estrutura do edificio evita o esquema ortogonal, o cal provoca que a maior parte dos ángulos interiores estean disoltos e consegue que o espazo interior se amplíe cara á paisaxe exterior.
A composición exterior do edificio fórmase por unha xustaposición vertical de corpos de directriz horizontal que non seguen unha xeratriz vertical común, senón que alternan as súas diferentes dimensións e localizacións para xerar á unidade do conxunto.
Espazos
[editar | editar a fonte]A casa da fervenza é un edificio de espazos continuos. Na planta baixa distínguense diversos ambientes: o comedor, a zona da cheminea de pedra, dúas zonas de estar diferenciadas e un moble baixo de biblioteca que tapa a escaleira que baixa á fervenza. Aló atopamos unha piscina iluminada por luz cenital, unha charca de auga e o carto de instalacións. Tamén na planta baixa, pero xa separados mediante portas, podemos encontrar a cociña e a zona de servizo.
Debido a que a porta da entrada principal está nunha zona escura, nada máis entrar na casa obsérvase unha gran luminosidade que se apodera da estancia principal polos grandes vidros. Tamén dispón de lucernarios artificiais situados nun teito flotante de xeso a distintas alturas e posicións para conseguir xogos de luces que buscan lograr unha sensación de calidez no cuarto. A estreita escaleira que sobe ao primeiro andar preserva a intimidade dos cuartos privados. Todos eles ábrense a unha terraza exterior sobre os corpos voados que compoñen o edificio.
Descrición funcional
[editar | editar a fonte]- Planta baixa: Entrada principal, salón, comedor, biblioteca, cociña, cheminea, celeiro, escaleiras para a piscina, escaleiras para o primeiro andar, terraza este e terraza oeste.
- Chégase á entrada despois de deixar o coche e baixar polo camiño. A entrada á casa realízase a través dun paseo tapado por unhas vigas horizontais de formigón armado puído e tinxido en cor crema, enganchadas directamente na pedra, que imitan o xogo de luz dun emparrado. Desde esta galería podemos chegar á porta principal ou a unhas escaleiras que comunican coa terraza oeste da planta baixa. Estes beirís teñen outras escaleiras polas que se pode acceder directamente ao cuarto de convidados. Nesta planta podemos diferenciar a zona de terrazas, o salón totalmente aberto visualmente e a cociña coa zona de servizo, que consta dunha parede opaca de pedra. A porta de servizo está na fachada norte.
- Desde o cuarto principal da planta baixa encontrámonos cunha porta cara á cociña e á zona de servizo, coa escaleira que sobe á primeira planta e con outras dúas portas que levan ás terrazas. Ademais, unha porta corredoira de cristal separa esta estancia da escaleira que baixa á fervenza.
- A fenestración do cuarto principal da planta baixa, realizada en vidro e ferro vermello, permite dominar toda a paisaxe desde o interior, dando unha sensación de amplitude e continuidade. A do resto das plantas é moi similar á do cuarto principal, aínda que se debe destacar un núcleo vertical de ferro que é común á cociña, ao cuarto do señor e ao cuarto do fillo.
- Primeiro andar: emparrado para ir ao aparcadoiro, cuarto de convidados co seu baño e a súa terraza, cuarto da señora co seu baño e a súa terraza, cuarto do señor, co seu baño e a súa terraza, e chemineas.
- Aprécianse varios niveis nos que se distinguen unha terraza, o cuarto de convidados, un beiril que pertence ao cuarto da señora e outro máis pequeno e lateral, o do cuarto do señor da casa.
- As distintas portas situadas na primeira planta non se encontran ao mesmo nivel. Ao subir as escaleiras encontrámonos co cuarto de convidados, cuxa terraza e a súa porta acristalada non se atopan á mesma altura que o resto do cuarto. A outro nivel distinto, temos os cuartos dos Señores cuxas portas dan a un corredor.
- Segundo andar: cuarto do fillo co seu baño e o seu balcón, e a cheminea.
- Sitúase o cuarto do fillo cun balcón que, mediante unhas escaleiras, se comunica coa terraza do cuarto do señor. Mediante outras escaleiras exteriores báixase ao nivel da entrada principal. Este cuarto ten a terraza máis alta da casa.
- Soto: Piscina, charca de auga e cuarto de instalacións.
Técnica
[editar | editar a fonte]Materiais
[editar | editar a fonte]A gama de materiais empregados correspóndese en grande medida cos materiais naturais propios da zona. Así, encontrámonos pedra do lugar que non foi movida, como a do corazón da cheminea, ou outra que se desprazou ata alí, como a que atopamos nos remates das paredes a xeito de laxes superpostas ou as puídas no chan do salón. Tamén utilízase nalgúns detalles a madeira.
Empréganse outros materiais como o formigón armado puído tinxido en cor crema, que encontramos nos beirís. Algunhas veces este formigón pode estar combinado con ferro, como acontece nas escaleiras que baixan á piscina. Así mesmo, o ferro vermello das carpinterías acompáñase de enormes follas de vidro de distintos tipos, os máis grosos úsanse para as carpinterías fixas, un pouco máis finos son os das xanelas e nalgunhas zonas son impresos, como no baño da señora.
Estrutura
[editar | editar a fonte]A estrutura da casa está formada por uns apoios de formigón que absorben todas as cargas. Sobre eles vanse establecendo numerosos planos que finalmente agocharán tres niveis. Os diversos planos que se poden ver están construídos en formigón armado, xa sexa en vigas ou bandexas con orientación sueste e suroeste.
Tecnoloxías especiais
[editar | editar a fonte]Nesta construción foron utilizadas determinadas estratexias para resolver os diversos problemas que ían xurdindo que supuxeron un grande avance no campo da arquitectura. Un exemplo é o xeito de resolver os enormes beirís que consistiu en dobrar as barras de aceiro cara a arriba para conseguir o traballo continuado do formigón. Porén, a proporción de barras elixida por Wright non foi respectada polo construtor, pondo en vez dunha na parte inferior e dous na superior, o dobre. Por esta razón, actualmente a estrutura presenta fisuras.[Cómpre referencia]
Outras resolucións de problemas a sinalar poderían ser as vigas de formigón directamente incrustadas na rocha do lugar ou as xuntas de vidro con vidro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web oficial (en inglés)