Casa da Moeda do Xapón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 34°41′48.6″N 135°31′16.3″L / 34.696833, -135.521194

Casa da Moeda do Xapón
–独立行政法人造幣局 –
Dokuritsu Gyosei Hojin Zoheikyoku
Japan Mint Osaka Japan04s3.jpg
Sede central en Osaca da
Casa da Moeda do Xapón
TipoOrganismo público autónomo.
Fundación1871.
MatrizGoberno do Xapón.
LocalizaciónFlag of Osaka, Osaka.svg Osaca
Flag of Japan.svg Xapón
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas.
Beneficio operativo510.000.000 iens.[1]
Número de empregados843 (abril 2019).[2]
Páxina webSitio web
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda do Xapón (en xaponés: 独立行政法人造幣局 , Dokuritsu Gyosei Hojin Zoheikyoku) é un organismo autónomo de titularidade pública dependente do Goberno xaponés, responsable da produción de todas as moedas circulantes e conmemorativas do Xapón.[3][4] A axencia ten a súa sede central na cidade de Osaca e conta con dúas sedes sucursais en Saitama (área metropolitana de Toquio) e en Hiroshima.[5]

A ceca xaponesa non produce papel moeda; deste mester, xunto coa impresión de selos postais, ocúpase a Oficina Nacional de Impresión ( 国立印刷局, Kokuritsu Insatsu-kyoku). [6]

En abril de 2019, a compañía tiña 843 empregados.[7] Ese mesmo ano, a súa produción de moeda circulante xaponesa acadou as 336.174.000 unidades.[8] Ademais das moedas nacionais, a Casa da Moeda do Xapón produce moedas circulantes e conmemorativas para diversos estados, entre eles os Emiratos Árabes Unidos, Xeorxia, Omán, Laos, Myanmar, Brunei, Camboxa, Bangladesh, Sri Lanka e Nova Celandia.[9]

Historia[editar | editar a fonte]

Serie circulante de 2019, cuñada pola Casa da Moeda do Xapón.

A Casa da Moeda do Xapón estableceuse en Osaca polo Goberno Meiji coa intención de modernizar a produción monetaria no país. A cerimonia inaugural tivo lugar o 4 de abril de 1871, nunhas instalacións construídas ao estilo occidental, e inmediatamente comezaron a sucederse nelas as novas cuñaxes.[10]

Como a industria pesada aínda non estaba daquela desenvolvida no Xapón, para o establecemento da nova ceca cumpriu importar todo o equipamento e crear industrias auxiliares, ata entón inexistentes, para a produción de produtos como ácido sulfúrico, sosa cáustica ou coque, e para a fabricación de equipamentos lixeiros, como balanzas e diversos utensilios de cuñaxe. Do mesmo xeito, foi necesario o establecemento de sistemas de comunicacións telegráficos e posteriormente telefónicos. Outra das innovacións foi a adopción dun sistema de contabilidade moderno de partida dobre. Así as cousas, a ceca nipona foi pioneira na introdución da cultura industrial occidental no Xapón dos primeiros anos da era era Meiji.[10]

A partir de entón, a Casa da Moeda do Xapón foise expandindo progresivamente para abranguer, ademais da produción de moedas, a fabricación por encarga de medallas de honra, condecoracións e diversos obxectos metálicos, e mesmo outros labores como a análise e a determinación da pureza de metais preciosos, entre outros.[10]

A compañía converteuse en organismo autónomo de titularidade pública o 1 de abril de 2003.[10]

Sede central en Osaca[editar | editar a fonte]

Sede orixinal da Casa da Moeda do Xapón en Osaca, ca. 1900.

O emperador xaponés contactou o 30 de maio de 1868 co cónsul xeral do Reino Unido no Xapón, Harry Parkes, para lle propor a creación dunha casa de moeda pública no país. A partir de aí, establecéronse contactos para a adquisición de prensas de James Watt, en Londres, e tamén para a incorporación de equipamentos provenientes da Casa da Moeda de Hong Kong, que cesara a súa actividade uns meses antes. O proxecto aprobado precisaba contar con arredor de cen traballadores, para producir cada hora 35.000 moedas de prata de características similares aos reais de oito españois e aos pesos mexicanos que circulaban daquela no país. Para ese propósicto nomeouse como director a Thomas Kinder, que xa dirixira a extinta ceca de Hong Kong.[11]

O 14 de outubro de 1868 chegaron os equipamentos ao porto de Osaca, onde xa se comezara a construír o edificio. As instalacións concluíronse e inauguráronse o 4 de abril de 1871, con todos os cargos de responsabilidade en mans de cidadáns británicos. Os talleres entraron en produción inmediatamente. Entre 1873 e 1874, a nova ceca produciu xa 2.319 millóns de moedas de ouro, 24.532 millóns de prata e 36 millóns de cobre, de alta calidade.[11]

Logo da súa posta en marcha, Kinder deixou a empresa, xunto con sete dos seus directivos, o 31 de xaneiro de 1875, cando esta estaba en óptimo rendemento. Os anos seguintes, o cadro de traballadores aumentou de 380 en 1874 a 556 en 1876. Paralelamente, tamén aumentou a produción da planta, que pasou dos 62 millóns de pezas aos 112 millóns na mesma marxe de anos.[11]

Instalacións da Casa da Moeda do Xapón na sede de Saitama-Toquio

Sede de Saitama-Toquio[editar | editar a fonte]

En 1879 abriu unha nova planta en Toquio, establecida no edificio do Ministerio de Finanzas, na que se recollían prata e ouro dos cidadáns para os converter en moeda, a cambio dunha comisión. Mais esta filial pechou as súas portas en 1907.

En xullo de 1929 reabriuse a factoría de Toquio, esta vez situada en Kojimachi, no distrito de Chiyoda, non para a cuñaxe senón destionada á certificación da finura de artigos elaborados en metais preciosos.[12]

Nunha terceira etapa, en novembro de 1939, a planta trasladouse a outro distrito de Toquio, Toshima, para posibilitar a ampliación das súas operacións, que comezaron en 1941.

A partir de setembro de 1943 pasou a considerarse formalmente como unha sucursal da Casa da Moeda de Toquio e o 1 de abril de 2003 pasou a formar parte da estrutura administrativa da axencia estatal.[12]

Desde outubro de 2016, esta sucursal da ceca xaponesa está asentada no barrio de Omiya-ku, en Saitama, un municipio da área metropolitana do Gran Toquio.[12]

Sede de Hiroshima[editar | editar a fonte]

Instalacións da Casa da Moeda do Xapón en Hiroshima

A construción dunha nova planta de cuñaxe na prefectura de Hiroshima decidiuse en 1942, co obxectivo de producir moedas por encarga destinadas á súa circulación en diversos países da área do Sueste Asiático. Estas operacións comezaron na planta de Hiroshima enfebreiro de 1945.[12]

Pouco despois do seu establecemento, as operacións desta nova planta víronse obrigadas a suspenderse logo da explisión na cidade dunha bomba atómica, no marco da segunda guerra mundial, aínda que en 1946 logrouse comezar a restablecer a produción e en setembro de 1948 xa se puido realizar o proceso completo de cuñaxe, nas mesmas instalacións. Foi a partir dese momento, coa introdución de novos equipamentos e a racionalización dos procedementros de traballo, cando a planta de cuñaxe de Hiroshima pasou a ser considerada como a segunda sucursal da Casa da Moeda do Xapón.[12]

Do mesmo xeito que a filial de Saitama-Toquio, esta de Hiroshima incorporouse á estrutura administrativa da ceca xaponesa o 1 de abril de 2003.[12]

Premios acadados[editar | editar a fonte]

Premios da MDC[editar | editar a fonte]

A Conferencia de Directores de Casas de Moeda (MDC, siglas do inglés Mint Directors Conference) outorga anualmente un premio ás moedas máis fermosas e ás máis avanzadas tecnoloxicamente. Estes son os recoñecementos acadados pola Casa da Moeda do Xapón:[13]

Premio á moeda máis fermosa do ano 2002.
  • 2012: Moeda máis fermosa: 1.000 iens de 2012 (prata), conmemorativa do 60 aniversario da aplicación da Lei da Autonomía Local.
  • 2010: Moeda máis fermosa: 10.000 iens de 2010 (ouro), conmemorativa do 20 aniversario do entronamento do emperador.
  • 2002: Moeda máis fermosa: 1.000 iens de 2002 (prata), conmemorativa do Mundial da FIFA de Corea e Xapón.
  • 1994: Moeda máis avanzada tecnoloxicamente: 50.000 iens de 1993 (ouro), conmemorativa da voda do príncipe herdeiro.

Premio Moeda do Ano[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Premio Moeda do Ano.

Desde 1984, a editora estadounidense Krause Publications concede o Premio Moeda do Ano, en dez categorías. Estes son os premios acadados por moedas cuñadas pola Casa da Moeda do Xapón.[13][14]

Premio Moeda do Ano 2002 á moeda máis anovadora (cuñada en 2000).
  • 2017: Mellor evento contemporáneo: 10.000 iens de 2015, conmemorativa da reconstrución do Xapón logo do terremoto de 2011.[15][16]
  • 2008: Mellor moeda de prata: 1.000 iens de 2006 (prata), conmemorativa dos 50 anos do ingreso do Xapón nas Nacións Unidas.[17][18]
  • 2002: Moeda máis anovadora: 500 iens de 2000 (cuproníquel), circulante.[19]
  • 1993: Mellor moeda de ouro: 100.000 iens de 1991 (ouro), conmemorativa do entronamento do emperador.[20]
  • 1988: Mellor moeda de ouro: 100.000 iens de 1986 (ouro), conmemorativa do 60 aniversario do emperador no trono.[21]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Casa Study: Japan Mint". Páxina 1. Mintindustry.com
  2. "Casa Study: Japan Mint". Páxina 1. Mintindustry.com
  3. "Coins Presently Minted". Japan Mint.
  4. "Commemorative Coins issued up to now". Japan Mint.
  5. "Organization". Japan Mint.
  6. "What is the difference between the Mint and National Printing Bureau? Do you produce banknotes in your mint? Arquivado 31 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.". Japan Mint.
  7. "Casa Study: Japan Mint". Páxina 1. Mintindustry.com
  8. "Number of Coin Production (calendar year 2019)[Ligazón morta]". Japan Mint.
  9. "Foreign Coins Produced by Japan Mint". Japan Mint.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 "History". Japan Mint.
  11. 11,0 11,1 11,2 Depeyrot, G.; Kovalchuk, M. (2013). Páxina 3.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 "History of Branches". Japan Mint.
  13. 13,0 13,1 "Award Winning Coins". Japan Mint.
  14. Scarinci, D. (2015). "introduction". En Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
  15. "Coin of the Year's 10 winners". En Numismatic News. 15 de decembro de 2016.
  16. "2017 awards". En Scarinci, D. (2015).
  17. "Canadá wins the COTY". En Numismatic News. 21 de xullo de 2008.
  18. "2008 awards". En Scarinci, D. (2015).
  19. "2000 awards". En Scarinci, D. (2015).
  20. "1993 awards". En Scarinci, D. (2015).
  21. "1988 awards". En Scarinci, D. (2015).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]