Saltar ao contido

Casa da Moeda de Bolivia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa da Moeda de Bolivia
Fachada da segunda sede da
Casa da Moeda de Bolivia en 2007


Marcas de ceca en diversos períodos.[1]

TipoCasa de moeda.
Fundación1572: Ceca de Potosí (1ª sede).
1773: Ceca de Potosí (2ª sede).
1942: Casa Nacional de Moneda.
LocalizaciónPotosí, Bolivia.
Persoas claveArquitectos:
Jerónimo de Leto (1ª sede).
Salvador de Villa (2ª sede).
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas, selos, papel timbrado etc.
[ editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Bolivia, herdeira da anterior Real Casa da Moeda de Potosí ou, simplemente, Ceca de Potosí da época colonial española, foi unha casa de moeda situada na cidade boliviana de Potosí, establecida en 1572 e activa ata 1953.

A maior parte da prata que se transportaba a través da América española procedía da ceca de Potosí, fundamentalmente en forma de moedas coñecidas como «reais de oito», que se converteron na principal moeda internacional durante o Imperio Español, coñecida internacionalmente como «dólar español».

Logo do seu pechamento como establecemento fabril, as instalacións da casa da moeda convertéronse en museo, instalado no edificio da súa segunda sede.

Primeira ceca colonial

[editar | editar a fonte]
Real de oito de Filipe IV, datado en 1657, coa palabra POTOSI a modo de marca de ceca.[2]

A extracción de prata en Cerro Rico —unha montaña de mineral de prata— e o crecemento da poboación e a expansión comercial, xunto coa notable altitude de Potosí, fixeron necesaria a organización dun centro de cuñaxe de moeda.[3][4][5]

Unha proposta do vicerrei español Francisco de Toledo, conde de Oropesa, puxo en marcha a construción inicial da primeira casa da moeda. En 1572 colocáronse os alicerces preto dos Palacios Reais na Plaza del Regocijo —posteriormente praza do 10 de Novembro—, baixo os auspicios do arquitecto Jerónimo de Leto,[6] quen rematou a obra en tres anos. Os custos totais superaron os 8.000 pesos.[3][4][5]

Concluída a construción, a ceca de Potosí emprendeu os labores de cuñaxe da moeda legal; a primeira remesa sacada tivo lugar entre 1574 e 1575, sobre a base dunha tecnoloxía rudimentaria que se mantivo durante os seguintes dous séculos, ata 1767.[4][5]

Segunda ceca colonial

[editar | editar a fonte]

Logo de preto de 150 anos de produción na Ceca de Potosí, decidiuse afrontar un relanzamento da cuñaxe da moeda de prata. Para este efecto, considerouse inicialmente a posibilidade de reformar e modernizar a antiga fábrica, mais finalmente optouse pola construción dun novo edificio, na veciña Plaza del Gato, baixo a dirección do arquitecto Salvador de Villa.[3][5][7]

A construción desta segunda sede da ceca comezou en 1759 e finalizou en 1773, despois de superar numerosas dificultades. As novas instalacións dispuñan dunha superficie construída de arredor de 15.000 metros cadrados e supuxeron un desembolso de máis dun millón de pesos. En relación con estes gastos, atribúeselle a Carlos III de España o comentario: «Todo o edificio debe estar feito de prata pura».[5][7]

Detalle do plano da Casa Real da Moeda de Potosí, por Pedro Tagle, 1772 (Arquivo Xeral de Indias)

Ante a súa inauguración o 31 de xullo de 1773, o cronista Pedro Vicente Cañete facía esta descrición:[5][7]

“ Todo o edificio é de pedra labrada de cantaría con dous altos teitos de cedro e outras excelentes madeiras: moitas fiestras con reixas de ferro e vidreiras e con poucos balcóns á rúa. O primeiro patio destinouse a habitacións dos funcionarios principais, cunha casa para cada un, dividíndose as pertenzas dun só corredor que ten en cadro, con tabiques de madeira que as distingue por letreiros de emprego a quen corresponden. Con respectiva entrada e saída por diferentes escaleiras... ”

A cuñaxe a martelo —técnica mediante a cal se producían as moedas colocando unha peza de metal en bruto do peso axeitado entre dous cuños e golpeando o superior cun martelo, para producir a imaxe requirida en ambas as faces—, que se utilizara desde as primeiras moedas producidas en Potosí, continuara na antiga fábrica ata 1773. Con todo, xa a partir de 1767 comezaran a producirse alí as cuñaxes con prensas de volante, que foron as utilizadas nas novas instalacións ata 1869, cando se instalaron prensas móbiles movidas por vapor.[3]

O actual museo da Casa da moeda áchase no edificio desta segunda sede.[3] O edificio forma parte do conxunto histórico da cidade vella de Potosí, que foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1987.[8]

Derradeiros anos e ceca republicana

[editar | editar a fonte]
Real de oito das Provincias Unidas do Río da Prata (1813), cuñadas na ceca de Potosí.[9]

As autoridades revolucionarias das Provincias Unidas do Río da Prata tomaron a casa da moeda ás ordes do xeneral Manuel Belgrano en 1813. Días antes, en Bos Aires, a Asemblea do Ano XIII creara unha moeda nacional para as Provincias Unidas do Río da Prata, que fora aprobada o 13 de abril dese ano. Estas moedas foron cuñadas na Casa da Moeda de Potosí.[3][7]

Tamén en Potosí se produciu a cuñaxe das series de moedas de ouro con valores de 8, 4, 2 e 1 escudos, e de prata con valores de 8, 4, 2, 1 e ½ reais, seguindo o padrón do sistema monetario herdado da época colonial, mais xa carentes do busto do monarca español e amosando a lenda EN UNIÓN Y LIBERTAD. No seu anverso aparecía un radiante Sol de Maio con ollos, nariz e boca, e con 32 raios, en tanto que o reverso amosaba o escudo de armas da Arxentina. Na súa lenda figuraba a expresión PROVINCIAS UNIDAS DEL RÍO DE LA PLATA acompañada do monograma PTS, a modo de marca de ceca da Casa da Moeda de Potosí.[7][10]

A República de Bolivia formouse o 6 de agosto de 1825. Pouco despois dun conflito que se prolongou durante 15 anos, co apoio de Simón Bolívar e de Antonio José de Sucre, estableceuse a organización administrativa e a unidade monetaria, aínda que con numerosas dificultades. Terían que pasar dous anos ata que comezase a produción de moeda nacional republicana, e mentres tanto seguían circulando as moedas anteriores, maiormente as da época colonial española.[5][7]

Moeda de 8 soles da República Boliviana (1834), co busto de Simón Bolívar, cuñada na Ceca de Potosí[11]

En 1869, o Goberno presidido por Mariano Melgarejo decidiu a adquisición dun equipamento a vapor importado dos Estados Unidos, que se mantivo en funcionamento na ceca ata 1909, cando se viu substituído por unha nova maquinaria eléctrica durante o mandato de Ismael Montes. Con esta nova maquinaria cuñáronse moedas durante 44 anos, ata o cesamento definitivo da produción en 1951,[12][7] e o pechamento da cada da moeda en 1953.[5][3] A partir dese momento, da produción da moeda boliviana encárganse diversas casas de moeda estranxeiras, tanto públicas como privadas.

Museo da Casa Nacional de Moeda

[editar | editar a fonte]

Logo do seu pechamento como casa de moeda, este segundo edificio foi reconvertido en museo e arquivo histórico, onde se conserva gran parte da maquinaria tanto da época colonial como do período republicano. Desde 1969, o Banco Central de Bolivia colabora no seu financiamento.[5] A partir de 1996, o museo e arquivo está a cargo da Fundación Cultural do Banco Central de Bolivia (FC-BCB).[13]

O museo da Casa Nacional de Moeda conta con 23 coleccións, compostas por máis de 12.000 obxectos. Pola súa banda, o Arquivo Histórico alberga preto de 160.000 documentos datados desde 1550 ata os nosos días. O complexo museolóxico e arquivístico conta tamén cunha biblioteca, unha hemeroteca, unha mapoteca e unha planoteca.[13]

En 2025, o ano do 250 aniversario de independencia de Bolivia e no marco do Día Internacional dos Museos, os comités nacionais bolivianos do Consello Internacional de Museos (ICOM) e do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), entregáronlle ao Museo da Casa Nacional de Moeda un recoñecemento como unha das institucións patrimoniais máis senlleiras do país.[14]

  1. ↑ "Las marcas utilizadas en la ceca de Potosí" Monografias.com
  2. ↑ "8 Reales Philip IV". Numista.com
  3. 1 2 3 4 5 6 7 "La Casa Nacional de Moneda, ícono histórico que “vale un Potosí”[Ligazón morta]". En Ahora el Pueblo. 5 de novembro de 2023.
  4. 1 2 3 Delgadillo Pacheco, M.; Delgadillo Cervantes, M. "1573. Primera Real Casa de Moneda de Potosí". Museo Virtual Bolivia (Museovirtualbo.com)
  5. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 "La Casa de Moneda de Potosí". Bilivian.com
  6. ↑ Fuertes López, J, A. (2007).
  7. 1 2 3 4 5 6 7 Delgadillo Pacheco, M.; Delgadillo Cervantes, M. "1773. Segunda Real Casa de Moneda de Potosí". Museo Virtual Bolivia (Museovirtualbo.com)
  8. ↑ "City of Potosí". World Heritage Convention. UNESCO (whc.unesco.org).
  9. ↑ "8 Reales Provincias del Rio de la Plata". Numista.com
  10. ↑ "United Provinces of the Río de la Plata". Numista.com
  11. ↑ "8 soles". Numista.com
  12. ↑ "La Casa Nacional de Moneda, ícono histórico que “vale un Potosí” Arquivado 23 de xullo de 2025 en Wayback Machine.". En Ahora el Pueblo. 5 de novembro de 2023.
  13. 1 2 "La Casa Nacional de Moneda, ícono histórico que “vale un Potosí” Arquivado 23 de xullo de 2025 en Wayback Machine.". En Ahora el Pueblo. 5 de novembro de 2023.
  14. ↑ "Casa Nacional de Moneda recibirá reconocimiento por su aporte cultural y museológico". Fundación Cultural Banco Central de Bolivia (Fundacionculturalbcb.gob.bo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Burzio, H. F. (1945). La Ceca de la Villa Imperial de Potosí y la moneda colonial. Buenos Aires.
  • Céspedes del Castillo, G. et al. (1996). Las Casas de Moneda en los Reinos de Indias. II: Cecas de fundación temprana: México, Santo Domingo, Lima y Potosí. FNMT, Madrid. ISBN 9788489157101
  • Cunietti-Ferrando, A. J. (1995). Historia de la Real Casa de Moneda de Potosí durante la dominación hispánica, 1573-1825. Buenos Aires.
  • Cunietti-Ferrando, A. J. (2014). Historia de la Real Casa de Moneda de Potosí durante las Guerras de Independencia, 1808-1825. Academia Nacional de la Historia, Buenos Aires.
  • Damián Cano, P. (2018). "Las casas de moneda de Lima y Potosí en los reinados de Felipe V y Carlos III". En Gaceta Numismática. Nº 196. Páxinas 99-110.
  • Dargent Chamot, E. C. (2006). Las casas de monedas españolas en América del Sur. Lima, 2006.
  • Fuertes López, J. A. (1993). La Casa Real de Moneda. Historia de su construcción. Potosí.
  • Fuertes López, J. A. (1997). Molinos de sangre. Casa Real de Moneda Circular. Sociedad Geográfica y de Historia Potosí. Potosí.
  • Fuertes López, J, A. (2007). "Jerónimo Leto y la Casa de Moneda de Potosí. Siglo XVI". En Boletín de la Sociedad Geográfica y de Historia Potosí. Nº 16. Páxinas 55-72.
  • Fuertes López, J, A. (2008). "La trata de esclavos en la Casa de Moneda de Potosí". En Boletín de la Sociedad Geográfica y de Historia Potosí. Nº 18. Páxinas 131-138.
  • Fuertes López, J, A. (2018). "Sinopsis histórica del origen de la ceca de Potosí". En El Potosí (Elpotosi.net). 9 de decembro.
  • Pacheco, W. M. (2001). La Casa de Moneda de Potosí: el monedero de los Andes. Fundación Cultural del Banco Central de Bolivia.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]