A Casa Museo de Manuel María é unha casa museo situada no corazón da vila de Outeiro de Rei onde naceu o poeta. É coñecida como A Casa de Hortas.[1] Ten planta baixa e un andar. Na parcela onde está a casa hai un xardín e varias construcións (palleira, pozo).
A casa museo é un prototipo de casa chairega e logo de ser rehabilitada foi inaugurada o día 7 de setembro de 2013. A súa biblioteca consta dunha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galiza desde a posguerra até a actualidade. Ademais hai varios manuscritos de persoas relevantes e distintas coleccións de obxectos particulares de Manuel María.