Casa Farnsworth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa Farnsworth
A casa en inverno
Coordenadas41°38′06″N 88°32′09″O / 41.634989, -88.535722Coordenadas: 41°38′06″N 88°32′09″O / 41.634989, -88.535722
Construción
Construción1945 - 1951
Dimensións
Plantas1
Equipo
Arquitecto(s)Mies van der Rohe
PromotorE. Farnsworth
editar datos en Wikidata ]

A Casa Farnsworth é unha casa deseñada e construída por Ludwig Mies van der Rohe entre 1945 e 1951.

É unha casa de fin de semana, cunha soa habitación, no que daquela era unha zona rural. Atópase a 89 km ao suroeste do centro da cidade de Chicago, nunha granxa de 24 hectáreas xunto ao río Fox, ao sur da cidade de Plano, Illinois . A casa de metal e vidro encargouna a doutora Edith Farnsworth, destacada especialista en nefroloxía, como un lugar onde podía dedicar tempo ás súas afeccións: tocar o violín, traducir poesía e gozar da natureza.

Mies creou unha estrutura de 140 m² que é amplamente recoñecida como un exemplo do estilo internacional de arquitectura. En 2006, o edificio foi designado como Monumento Histórico Nacional despois de ser engadido ao Rexistro Nacional de Edificios Históricos en 2004.[1] Hoxe, a casa funciona como un museo e está xestionada polo National Trust for Historic Preservation.

Na celebración do Bicentenario de Illinois de 2018, a Casa Farnsworth foi seleccionada para a lista de Illinois 200 Great Places[2] polo Instituto Americano de Arquitectos. Tamén foi recoñecido pola revista de viaxes USA Today como un dos 25 lugares que hai que ver en Illinois.[3]

A arquitectura como expresión da época[editar | editar a fonte]

Fachada da casa Farsnworth

A Casa Farnsworth aborda cuestións básicas sobre a relación do individuo coa sociedade, sobre a era de produción industrial en masa e o rápido desenvolvemento tecnolóxico. Mies quixo utilizar a arquitectura como ferramenta para conciliar o espírito individual coa nova sociedade de masas na que existe o individuo.

Dende o seu punto de vista, os inconvenientes da tecnoloxía denunciados polos críticos de finais do século XIX, como John Ruskin, poderíase resolver coa creatividade humana.

Mies dixo: "Deberíamos tentar levar a natureza, as casas e o ser humano a unha unidade superior". As paredes de vidro e o espazo interior aberto son as características que crean unha intensa conexión co exterior, ao tempo que proporciona un marco que minimiza as paredes exteriores opacas. O coidado deseño do edificio e a integración co exterior representan o esforzo por conseguir unha arquitectura unida ao seu medio natural.

Mies concibiu o edificio como un abrigo arquitectónico interior-exterior, á vez independente e entrelazado co dominio da natureza. Non construíu na parte alta da propiedade, libre de enchentes, senón que construíu directamente en terreos inundables, á beira do río. Philip Johnson referiuse a este tipo de experiencia da natureza como "certo perigo". O espazo pechado e o pórtico cuberto érguense cinco pés sobre unha plataforma elevada, lixeiramente por riba do nivel de inundación dos últimos 100 anos, cunha gran terraza a un nivel intermedio.[4]

Os niveis da plataforma reafirman os distintos niveis da construción, dun xeito semellante aos balcóns e rochas horizontais da Casa da Cascada de Frank Lloyd Wright .

Críticas[editar | editar a fonte]

O deseño do edificio recibiu eloxios na prensa arquitectónica, o que provocou a chegada de moitos visitantes non convidados que invadían a propiedade para gozar do edificio de Mies. A casa de fin de semana converteuse nun pararraios para as publicacións antimodernas, exemplificado na edición de abril de 1953 da publicación House Beautiful, que a describiu como "un esforzo de inspiración comunista" para substituír os estilos tradicionais dos Estados Unidos. As grandes superficies de cristal, as cubertas planas, a falta de ornamentación e a falta de calidez e confort tradicional foron as características do Estilo Internacional que máis se viron atacadas.

A baixa eficiencia da Casa Farnsworth tamén foi amplamente discutida.[5] A propia Farnsworth expresou consternación pola falta de control da temperatura da casa e a tendencia a atraer insectos cando se ilumina pola noite.[6]

Non obstante, a Casa Farnsworth continuou recibindo grandes aclamacións como obra mestra do estilo modernista, e Mies recibiu a Medalla da Liberdade presidencial pola súa contribución á arquitectura e á cultura estadounidenses. O destacado arquitecto e crítico Philip Johnson inspirouse no deseño, deseño e construción da súa propia Glass House, en New Canaan, Connecticut, en 1947, como residencia persoal. No século XXI os críticos de arquitectura Paul Goldberger e Blair Kamin, gañadores do Premio Pultizer, declararon á casa unha obra mestra da arquitectura moderna.

Mark Wigley, teórico da arquitectura neozelandés, sostén que certos aspectos do movemento posmoderno da arquitectura derivado do movemento moderno e de certos aspectos da Bauhaus, especialmente da estandarización impulsada por Mies van der Rohe é un virus que chegou a danar o planeta coa idea sinxela do "bo deseño", que acabou por se converter nunha maquinaria que se estendeu polo mundo como unha pandemia de ángulos rectos de vidro e aceiro[7][8]

A casa na cultura popular[editar | editar a fonte]

Na película Batman vs Superman: Dawn of Justice, de 2016, mostrouse unha casa inspirada na Farnsworth. O filme de seguimento Justice League tamén mostrou a mesma casa no tráiler estreado na Comic-Con de San Diego.

En xaneiro de 2019, o escritor e director Richard Press e a distribuidora HanWay Films anunciaron o proxecto cinematográfico Farnsworth House, protagonizado por Maggie Gyllenhaal como Dr. Edith Farnsworth e Ralph Fiennes como Ludwig Mies van der Rohe.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Farnsworth House". Academic Dictionaries and Encyclopedias (en inglés). Consultado o 2023-02-20. 
  2. "The-proud-history-of-Architecture-in-Illinois". springfieldbusinessjournal.com (en inglés). Consultado o 2018. 
  3. "25 must-see buildings in Illinois". USA TODAY (en inglés). Consultado o 2023-02-20. 
  4. "HARGIS - Preservation". www2.illinois.gov (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2019. Consultado o 2023-02-20. 
  5. "Solar House History". Solar House History (en inglés). Consultado o 2023-02-20. 
  6. Cool Comfort: America's Romance with Air-conditioning. Marsh E. 
  7. "Conferencia "Ciao Bauhaus. The Bauhaus Virus" (en inglés)". YouTube. 
  8. ""100 años de Bauhaus. El efecto (2/3)" (en inlglés/castelán)". Youtube.com. Consultado o 20-1-2019. 
  9. Grater2019-01-25T15:23:00+00:00, Tom. "Maggie Gyllenhaal, Ralph Fiennes to star in 'Farnsworth House' for Richard Press". Screen (en inglés). Consultado o 2023-02-20. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre arquitectura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.