Carro galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carro (A Arnoia).

Un carro galego é un tipo de vehículo de tracción animal propio do pobo galego, xeralmente tirado por parellas de bois, vacas, cabalos ou machos. Está provisto dunha vara para enganchar o tiro máis un bastidor de táboas e listóns de madeira sobre un rodado, para levar a carga.

O carro galego máis típico está composto por unhas 50 pezas, sen contar accesorios para traballos especiais. O seu peso adoita superar os 500 kg e a súa lonxitude é duns 5 m, con rodas macizas de 1 m de diámetro.

Eran construídos polo fragueiros, carpinteiros especializados na súa fabricación e reparación, que traballaban nos seu propio taller ou por veces na casa dos seus clientes. O fragueiro escollía as árbores máis axeitadas e encargábase de todo o proceso construtivo, dende a talla ó remate final.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Carro é unha palabra de orixe celta. Os primeiros carros están ligados ó invento da roda e apareceron hai máis de 5.000 anos.

A representación máis antiga coñecida dun carro en Galiza atopouse en 2010 nunha estela da Idade de Bronce en Castrelo do Val, Ourense.[2] Na pedra erixida entre 1200 ou 1000 anos antes da era actual vese a un guerreiro co seu armamento e un carro de guerra con rodas de dous eixes tirado posiblemente por dous cabalos.

Ata mediados do século XX os carros formaron parte da paisaxe cotiá do rural galego, eran o medio de transporte máis habitual para todo tipo de cargas, e era moi característico o son que producían, o "canto do carro"[3], producido pola fricción do eixo, e que se podía escoitar ata 1 km de distancia. Moitas veces os carreteiros rivalizaban entre si por cal soaba mellor, variando o seu son segundo apertaran máis ou menos as treitoiras ou mollando o eixo.

Partes do carro[editar | editar a fonte]

Carro no Monte Pío en Santiago de Compostela.

A denominación das partes do carro[4][5] presentaba moitas variantes locais, por veces a mesma peza tiña diferentes nomes en dúas localidades veciñas.

O chedeiro é a plataforma na que se deposita a carga. Está composto por:

  • As chedas (do celta *cleta),[6] largueiros que dan forma ao carro e sobre as que se arman as restantes pezas do chedeiro. O seu deseño varía dunhas zonas a outras dando lugar a diferentes tipos de carros.
  • A cabezalla, tamén chamada botoallo, cazualla ou lanza, que é a parte dianteira do carro na que van inseridas as chavellas que serven para amarrar o xugo. Nalgúns tipos de carro a cabezalla é independente das chedas, noutros forma parte da mesma peza.
  • As cadeas son as travesas que unen as dúas chedas conformando, xunto con elas, a estrutura do chedeiro. O seu número pode variar dependendo da lonxitude e a robustez do carro.
  • O sollo, ou soallo, o conxunto de táboas colocadas perpendicularmente por riba das cadeas, que servían de plataforma na que se colocaba a carga.
  • As chumaceiras están na parte inferior do chedeiro, ancoradas nas chedas. Son os conxuntos de pezas que serven de apoio e guía ao eixo. Cada unha delas está constituída polo cloucón, treitoras e apeladoira.
  • Os fungueiros, tamén chamados fueiros ou estadullos. Cada un dos paus verticais que van inseridos en buratos dispostos regularmente nas chedas. A súa función é amparar lateralmente a carga para evitar que se espalle.
  • As canizas, tamén chamados canizos ou ladrales, son táboas de madeira fina que se colocan nos laterais, amparadas polos fungueiros, para evitar que determinadas cargas de pequeno tamaño (esterco, patacas, espigas de millo, etc.) se espallen.
  • O mozo ou tentemozo. E un pau que vai pendurado na parte dianteira da cabezalla. Mentres non se está a usar o carro e os animais de tiro non están enganchados colócase verticalmente pousado no chan e mantén a elevación da parte dianteira do carro.
  • A galga, freo do carro.

O rodado ou está composto polas rodas e o eixo. É unha característica distintiva do carro galego que as rodas e o eixo forman un só conxunto unido de xeito ríxido.

  • As rodas, moi robustas, están formadas por tres pezas de madeira, as dúas laterais chamadas cambas e a central chamada mión, e reforzadas por varios elementos de ferro: unha banda no seu perímetro exterior e unhas láminas asegurando a unión das cambas. As rodas van unidas ao eixo cun axuste con forma de tronco de pirámide cadrada e xiran xunto con el.
  • O eixo, constituído por unha soa peza, móbil, é un dos elementos diferenciadores do carro con respecto a outros sistemas de transporte. Debe ser moi robusto e resistente ao desgaste, normalmente facíase de madeira de salgueiro. É o responsable do cantar característico dos carros.

Para a súa construción empréganse madeiras de diferentes árbores[7]: carballo nas partes que requiren máis resistencia (chedas, treitoras), salgueiro nas partes que requiren algo de flexibilidade (fungueiros), ameneiro ou freixo para aguantar a fricción no eixo, etc.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. TIC- Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo (19/4/2016). Construción dun carro do país por Manuel Olmo. 
  2. Dentro do universo dun guerreiro. Cultura Galega
  3. Pauli Puga (2/4/2016). Canta o carro. 
  4. Blanco, Carlos E. (1973). "Los aperos de labranza en Crecente (Pastoriza)" (PDF) (en español). 
  5. Rubén Rodríguez. Carro galego. 
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chedeiro.
  7. "O carro do país". Sociedade Cultural Columba. Consultado o 15/11/2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]