Caroline Haslett

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCaroline Haslett

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento17 de agosto de 1895 Editar o valor em Wikidata
Worth, Reino Unido (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte4 de xaneiro de 1957 Editar o valor em Wikidata (61 anos)
Bungay, Reino Unido (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCity of London Cemetery and Crematorium (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
President of the Women's Engineering Society (en) Traducir
1940 – 1941
← Edith Mary Douglas (pt) TraducirGertrude Lilian Entwisle (pt) Traducir → Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido
Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Editar o valor em Wikidata
EducaciónRoyal Holloway University of London (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónenxeñeira , xuíza de paz , editora literaria Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsRosalind Messenger (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

Find a Grave: 123348622 Editar o valor em Wikidata

Dame Caroline Harriet Haslett, nada en Worth (Sussex) o 17 de agosto de 1895 e finada en Bungay (Reino Unido) o 4 de xaneiro de 1957, foi unha enxeñeira eléctrica inglesa, administradora de industria da electricidade e defensora dos dereitos das mulleres.[1][2]

Foi a primeira secretaria da Women's Engineering Society (WES) e a fundadora e editora da súa revista, Woman Engineer.[3] Xunto con Laura Annie Willson, e co apoio de Lady Margaret Moir, fundou a Electrical Association for Women[4][5], sendo a primeira directora desta asociación en 1925. O seu principal interese era aproveitar os beneficios da enerxía eléctrica para emancipar as mulleres das tarefas domésticas, para que puideran lograr as súas propias ambicións fóra do fogar.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Caroline Haslett era a filla máis vella de Robert Haslett, un instalador de sinais de ferrocarril e activista do movemento cooperativo, e de Caroline Sarah Holmes. Despois de asistir á escola en Haywards Heath, realizou un curso de secretariado de negocios en Londres, onde tamén se uniu ao movemento sufraxista. A través dun contacto da súa nai, empezou a traballar en lna empresa de caldeiras Cochran como empregada e uniuse á Unión Social e Política de Mulleres (WSPU) fundada por Emmeline Pankhurst.[3] Trasladouse aos talleres de Cochran durante a primeira guerra mundial, e adquiriu unha formación básica de enxeñaría en Londres e en Annan, Dumfriesshire.

En 1919 Haslett deixou Cochran's para converterse na primeira secretaria da Sociedade de Mulleres Enxeñeiras (WES) e primeira editora da revista The Woman Engineer,[6] que continuou editando ata 1932.

En xuño de 1920 axudou a fundar Atalanta Ltd, unha empresa de enxeñaría para mulleres.

En 1924, a Sra. Mabel Lucy Matthews propúxolle a idea de popularizar o uso doméstico da electricidade para aliviar a carga das mulleres. A Institución de Enxeñeiros Eléctricos e a Asociación de Desenvolvemento Eléctrico rexeitaran a proposta, pero Haslett viu as súas posibilidades. Entusiasmouse co concepto e persuadiu a Lady Katharine Parsons, entón presidenta de WES, para que organizase unha reunión para discutilo. En novembro de 1924 co-fundou e converteuse na primeira directora da Asociación Eléctrica para Mulleres (EAW),[7] da que foi directora até 1956, cando se viu obrigada a xubilarse por motivos de saúde; de 1924 a 1956 editou The Electrical Age, a revista da EAW.[1]

En 1925 a Sociedade de Mulleres Enxeñeiras organizou unha conferencia especial en Wembley, en asociación coa Primeira Conferencia Internacional de Mulleres na Ciencia, a Industria e o Comercio. A conferencia foi inaugurada pola Duquesa de York e foi presidida por Lady Nancy Astor, a primeira muller en ocupar un asento na Cámara dos Comúns. Este evento tamén presentou a Caroline Haslett a un público máis amplo. Permaneceu como secretaria de WES ata 1929, cando se converteu en secretaria honoraria, e foi a presidenta da sociedade desde 1940 ata 1941 (sucedendo á directora do estaleiro Edith Mary Douglas, e sucedida pola enxeñeira eléctrica Gertrude Entwistle).[8]

Haslett foi a única muller delegada na Conferencia Mundial do Poder en Berlín en 1930 e representou a Gran Bretaña en conferencias posteriores sobre o poder. Durante os seguintes 20 anos as súas actividades públicas foron extraordinarias, como o describiu a súa amiga Margaret Partridge, enxeñeira eléctrica e outra presidenta de WES. Ocupou distintos postos, e foi a primeira muller da Institución de Enxeñeiros Eléctricos (IEE).[6]

Placa conmemorando a vida de Caroline Haslett en Crawley, West Sussex

En 1932, a National Safety First Association (precursora da Royal Society for the Prevention of Accidents) ampliou as súas actividades á seguridade no fogar, e Caroline Haslett foi nomeada presidenta do Comité de Seguridade no Fogar, cargo que ocupou ata 1936. Converteuse na primeira muller vicepresidenta da asociación en 1937.[6]

Durante a segunda guerra mundial foi a única muller membro (e a única experta en seguridade) do comité de 20 persoas convocado pola IEE para examinar os requisitos das instalacións eléctricas na Gran Bretaña da posguerra, que formaba parte dun plan máis amplo de estudos sobre edificios da posguerra. Unha parte importante desas recomendacións foi unha nova norma sobre enchufes e tomas de corrente. O resultado foi o BS 1363. O informe tamén recomendou o sistema de circuíto de anel, que se convertería en estándar.

Haslett converteuse en vicepresidenta da Federación Internacional de Mulleres Empresarias e Profesionais en 1936 e presidenta da organización en 1950[9]; e foi a primeira muller en presidir un grupo de traballo do goberno.[10] Durante moitos anos foi membro do Instituto Real de Asuntos Internacionais e da Institución Real. Foi nomeada para a Crawley New Town Development Corporation 1947-56; e serviu como vicepresidenta (1948) e primeira muller presidente (1953-54) da British Electrical Development Association. Representou ao goberno do Reino Unido en misións comerciais nos Estados Unidos, o Canadá e Escandinavia, e despois da segunda guerra mundial desempeñou un papel destacado nas conferencias organizadas para as mulleres en Alemaña polas autoridades británicas e estadounidenses.

En opinión de Margaret Partridge, o maior logro da polifacética carreira de Haslett produciuse en 1947, cando foi nomeada membro da Autoridade Británica de Electricidade (BEA), máis tarde a Autoridade Central de Electricidade, que se formou para dirixir a industria baixo propiedade nacional. En 1949 a BEA nomeou a un dos buques da súa frota Dáme Caroline Haslett en honra á súa primeira muller membro.[11] A BEA creou o Caroline Haslett Trust para proporcionar bolsas e bolsas de viaxe aos seus membros.

Publicacións[editar | editar a fonte]

As publicacións de Caroline Haslett inclúen

  • The Electrical Handbook for Women (1934);
  • Teach Yourself Household Electricity (in collaboration with E. E. Edwards, 1939);
  • Munitions Girl, A Handbook for the Women of the Industrial Army (1942);
  • Problems Have No Sex (1949).

Editou The EAW Electrical Handbook para a Asociación Eléctrica de Mulleres.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En recoñecemento aos servizos prestados por Haslett ás mulleres, foi nomeada comendadora da Orde do Imperio Británico en 1931, e en 1947, en recoñecemento ao seu labor para a Xunta de Comercio e o Ministerio de Traballo, foi nomeada Dama comendadora da Orde do Imperio Británico.[6] Foi elixida membro da Institución de Enxeñeiros Eléctricos (IEE) en 1932. Desde 1950 ata a súa morte foi Xuíz de Paz do Condado de Londres.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Haines, Catharine M.C. (2001). International Women in Science: A Biographical Dictionary to 1950. ABC-CLIO. ISBN 1 57607 090 5. 
  2. "MAGNIFICENT WOMEN:Dame Caroline Haslett," (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21-09-2020. Consultado o 1-6-2020. 
  3. 3,0 3,1 'Dame Caroline Haslett: Outstanding Woman Engineer', The Times, 5 xaneiro 1957
  4. "Dame Caroline Haslett". BBC Woman's Hour. 
  5. "Engineering Timelines - Caroline Haslett". www.engineering-timelines.com. Consultado o 2020-06-01. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Caroline Haslett" (en inglés). 2018-08-17. doi:10.1063/PT.6.6.20180817a. 
  7. "Electrical Association for Women - History and Policy". www.theiet.org (en inglés). Consultado o 2020-06-01. 
  8. "Post-War Building Studies No. 11 Electrical Installations", HMSO, Londres 1944
  9. "Archives Biographies: Dame Caroline Haslett". www.theiet.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2020. Consultado o 2020-06-01. 
  10. "Dame Caroline Haslett". www.theiet.org (en inglés). Consultado o 2020-06-15. 
  11. Aberdeen Maritime Museum, Aberdeen City Council. "Aberdeen Ships DAME CAROLINE HASLETT". www.aberdeenships.com. Consultado o 2020-06-15. 
  12. imechearchive (2015-08-18). "ANNIVERSARIES SERIES – Dame Caroline Haslett". IMechE Archive and Library (en inglés). Consultado o 2020-06-15. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]