Carmen García Mateo
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1963 Vigo |
| 2026 – ← Manuel Reigosa | |
| Datos persoais | |
| Grupo étnico | Pobo galego |
| Educación | Universidade Politécnica de Madrid |
| Actividade | |
| Ocupación | profesora |
| Empregador | Universidade de Vigo, profesora (2007–) |
| Premios | |
Carmen García Mateo, nada en Vigo en 1963,[1] é unha enxeñeira galega, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo. Pioneira no ámbito da Enxeñaría de Telecomunicación en España, lidera o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM), estando especializa en tecnoloxías da fala, e intelixencia artificial aplicada á detección por voz de enfermidades neurodexenerativas. Foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea (2006–2010)[2] e é unha figura destacada na promoción da igualdade de xénero na ciencia e tecnoloxía. En 2014, recibiu o premio María Wonenburger concedido pola Xunta de Galicia. En 2026 gañou as eleccións para coverterse na primeira reitora muller da Universidade de Vigo.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]García Mateo acadou o título de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade Politécnica de Madrid (1987), onde se doutorou en 1993 cunha tese centrada na codificación de voz a baixa velocidade.[4] Foi unha das poucas mulleres da súa xeración nesta disciplina: só o 8% do alumnado da súa promoción eran mulleres. En 1987 incorporouse como docente á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, acabada de crearse naquel momento, converténdose nunha das súas primeiras profesoras.
Realizou estadías de investigación en centros internacionais de referencia como a Universidade de California, Santa Barbara (1994), Bell Labs (1997 e 1999), Universidade Estatal de Míchigan (2005) e a Universidade de Kent (2013).
Actividade investigadora
[editar | editar a fonte]Dirixe o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) no centro de investigación AtlantTIC da UVigo, centrado nas tecnoloxías da fala, recoñocemento de lingua de signos, acústica e procesado de son e técnicas avanzadas de procesado de voz e imaxe para a detección de enfermidades neurodexenerativas. Pertenceu a comités de dirección de proxectos europeos como BioSecure, e liderou o desenvolvemento do conversor texto-voz bilingüe Cotovía, en galego e castelán.
Conta con máis de cen publicacións científicas e dirixiu arredor dunha decena de teses de doutoramento.[5]
Docencia e xestión universitaria
[editar | editar a fonte]Imparte docencia en materias como Procesado Dixital de Sinais ou Análise de circuítos lineais[6]. Foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea entre 2006 e 2010, pilotando e coordinando a reorganización da oferta de grao e máster e doutoramento e na implementación do Espazo Europeo de Educación Superior[7]. Durante esta etapa tivo un papel destacado na modernización curricular da UVigo e no impulso de metodoloxías docentes innovadoras.
Foi a coordinadora do programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (DocTIC) da Universidade de Vigo desde a súa posta en marcha en 2012 ata 2019, e directora do departamento de Teoría do sinal e comunicación desde 2017 a 2019.
Compromiso coa igualdade
[editar | editar a fonte]Recoñecida pola defensa activa do papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía, ten insistido na necesidade de visibilizar o liderado feminino en espazos tradicionalmente masculinizados. No seu discurso ao recibir o Premio Wonenburger subliñou a importancia de "sentarse á mesa" e tomar a iniciativa para cambiar o status quo. Citando a Sheryl Sandberg, defendeu que o mundo funcionaría mellor se "a metade dos países fosen dirixidos por mulleres, e a metade dos fogares por homes".
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 2014 foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburger Planells,[8] concedido pola Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, pola súa relevante traxectoria nos campos das ciencias e da tecnoloxía. En 2023, foi incluída entre as vinte mulleres de ciencia en Galicia que hai que coñecer pola revista GCiencia.[9] Tamén foi destacada en plataformas como Executivas de Galicia e iniciativas como STEM Talent Girl ou Wisibilizalas.
Participación institucional
[editar | editar a fonte]Consello da Cultura Galega
[editar | editar a fonte]Desde 2016 ata 2024 formou parte do plenario do Consello da Cultura Galega e coordinadora da Sección de lingua, literatura e comunicación.[1][10][11] Colabora en accións de transferencia tecnolóxica e de fomento do galego nas ferramentas dixitais.
Candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo
[editar | editar a fonte]En decembro de 2024 anunciou a súa candidatura ás vindeiras eleccións, en 2026 á Reitoría da Universidade de Vigo, encabezando o grupo Nós-Universidade.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 "Biografía de Carmen García Mateo". Consello da Cultura Galega. Consultado o 14-8-2020.
- ↑ Carmen García Mateo [Ligazón morta]
- ↑ Penelas, Sandra (2026-05-15). "Carmen García Mateo será la primera rectora en la historia de la Universidad de Vigo". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2026-05-15.
- ↑ "Carmen García Mateo". igualdade.xunta.gal. Consultado o 2020-08-14.
- ↑ "CARMEN GARCIA MATEO - Portal Científico Uvigo". CARMEN GARCIA MATEO - Portal Científico Uvigo. Arquivado dende o orixinal o 03/07/2025. Consultado o (01/07/2025).
- ↑ "Carmen García Mateo - Ficha de PDI". Carmen García Mateo - Ficha de PDI. Arquivado dende o orixinal o 03/07/2025. Consultado o (01/07/2025).
- ↑ García, Victoria (2019-03-07). "Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer". GCiencia. Consultado o 2020-08-14.
- ↑ "García Mateo, una mujer de éxito en enseñanzas técnicas". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-08-14.
- ↑ García, Victoria (2019-03-07). "Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer". GCiencia. Consultado o 2023-02-11.
- ↑ "Wisibilizalas Carmen G. Mateo". espazoweb.com. Consultado o 2020-08-14.
- ↑ "Carmen García Mateo • STEM TALENT GIRL" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2020. Consultado o 2020-08-14.
- ↑ "Elecciones a rector de la UVigo: Carmen García Mateo, primera opción al relevo de Reigosa en 2026". 20 de decembro de 2024. Consultado o 30 de abril de 2026.
| Predecesor: Manuel Reigosa |
Reitora da Universidade de Vigo 2026 - no cargo |
Sucesor: - |