Carlota de Luxemburgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Carlota de Luxemburgo
Charlotte, Grand Duchess of Luxembourg.jpg
Nacemento23 de xaneiro de 1896
 Castelo de Berg
Falecemento9 de xullo de 1985
 Castelo de Fischbach
SoterradaCatedral de Notre-Dame de Luxemburgo
NacionalidadeLuxemburgo
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónpolítica
PaiGuilherme IV de Luxemburgo
NaiMaria Ana de Bragança, Grã-duquesa do Luxemburgo
CónxuxeFélix de Bourbon-Parma
FillosJoão de Luxemburgo, Elisabeth, Duquesa de Hohenberg, Marie-Adélaide de Luxemburgo, Marie Gabriele de Luxemburgo, Charles de Luxemburgo e Alix, Princesa de Ligne
IrmánsAntonieta de Luxemburgo, María Adelaida de Luxemburgo, Hilda de Luxemburgo, Isabel de Luxemburgo e Sofia de Luxemburgo
PremiosGrand Cross of the Order of the Oak Crown, Orde da Aguia Branca e Rosa de Ouro
editar datos en Wikidata ]

Charlotte Adelgonde Élise/Elisabeth Marie Wilhelmine, nada en Luxemburgo o 23 de xaneiro de 1896 e finada en Fischbach o 9 de xullo de 1985, foi a Gran Duquesa de Luxemburgo entre 1919 e a súa abdicación en 1964.

Accedeu ao trono o 14 de xaneiro de 1919 trala abdicación da súa irmá Marie-Adélaïde debido á presión política. Houbo controversias arredor dalgunhas accións de María Adelaida e comezaron a aparecer chamadas no parlamento á súa abdicación debido á que era vista como cordial cos alemáns que ocuparon o país durante a primeira guerra mundial. Máis tarde, un dobre referendo sobre o mantemento da monarquía ou converterse en república e sobre a orientación económica do país tivo lugar o 28 de setembro de 1919. Nel, a maioría votou a favor de manter a Carlota como gran duquesa.

Casou co príncipe Fiz de Borbón-Parma o 6 de novembro de 1919, co que tivo seis fillos. Despois da invasión de Luxemburgo polos alemáns durante a segunda guerra mundial, Carlota marchou ao exilio a Francia, e despois a Portugal, o Reino Unido e Norteamérica. Mentres estaba en Londres comezou a facer retransmisións ao pobo de Luxemburgo. Volveu a Luxemburgo en abril de 1945. Abdicou en 1964 e foi sucedida polo seu fillo Xoán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Charlotte de Nassau-Weilburg, princesa de Luxemburgo, naceu no castelo Berg, segunda filla do gran duque Guillerme IV e a súa dona, María Ana de Portugal.

Cando a súa irmá máis vella, María Adelaida, que sucedera o seu pai, foi obrigada a abdicar o 14 de xaneiro de 1919, Carlota converteuse na que tiña que lidar coas tendencias revolucionarias do seu país. Ao contrario que a súa irmá, escolleu non interferir na política. Nun referendo sobre a nova constitución o 28 de setembro de 1919, o 77,8% do pobo luxemburgués votou pola continuación da monarquía con Carlota como xefa de estado. Nesta constitución, o poder do monarca restrinxiuse enormemente.

Durante a ocupación alemá de Luxembrugo na segunda guerra mundial, Carlota, exiliada en Londres, converteuse nun importante símbolo de unidade nacional.

Reinado[editar | editar a fonte]

Contra 1935, Carlota vendera as súas propiedades alemás, os antigos palacios residenciais dos Duques de Nassau, o palacio Biebrich e Schloss Weilburg, ao estado de Prusia. Durante a segunda guerra mundial a familia abandonou Luxemburgo pouco despois da chegada das tropas nazis. A neutralidade de Luxemburgo foi violada o 9 de maio de 1940, mentres que a gran duquesa e a súa familia estaban na súa residencia de Colmar-Berg. Este día foi chamada a unha reunión extraordinaria dos ministros en que decidiron colocarse baixo a protección de Francia, o que foi descrito pola gran duquesa como unha decisión difícil mais necesaria. Inicialmente a familia estableceu a súa residencia no Château de Montastruc no sueste de Francia, mais o rápido avance das forzas alemás seguidas pola capitulación francesa o mes seguinte causaron que o goberno francés rexeitase calquera garantía de seguridade ao goberno de Luxemburgo.

Os alemáns propuxeron restaurar a grande duquesa nas súas funcións, mais Carlota rexeitouno, logo da experiencia da súa irmá durante a ocupación na primeira guerra mundial. O 29 de agosto de 1940, Carlota estaba en Londres onde comezou a facer retransmisións de apoiao á súa patria por medio da BBC. Mentres, Luxemburgo, xunto co departamento francés adxacente de Mosela, foi integrado nunha Alemaña estendida baixo o nome de Heim ins Reich.

En 1943 a gran duquesa e o goberno de Luxemburgo establecéronse en Londres: as súas transmisións convertéronse en programas regulares da BBC, colocándoa como centro dos movementos de resistencia en Luxemburgo. A familia gran ducal marchou a Norteamérica, establecéndose primeiro en Marjorie Merriweather Post en Brookville, Long Island e despois en Montreal. Os seus fillos foron escolarizados en Montreal mentres tiña reunións co presidente Roosevelt que apoiou a súa campaña itinerante polo país en contra do isolacionismo estadounidense, e que era a política do momento ata o ataque de Pearl Harbor. A gran duquesa visitou Washington DC e fixo xiras de boa vontade nos Estados Unidos para manter o perfil de Luxemburgo alto aos ollos dos aliados.[1]

A irmá máis nova de Carlota, Antonia e o seu cuñado Rupprecht, príncipe de Baviera, exiliáronse de Alemaña en 1939. En 1944, vivindo en Hungría, a princesa Antonia foi capturada polos alemáns que invadiron aquel país e foron deportados ao campo de concentración de Dachau, sendo logo enviados a Flossenbürg, onde sobreviviron á tortura, mais coa saúde afectada. Mentres tanto, dende 1942, o fillo máis vello de Carlota, Xoán, serviu como voluntario na garda irlandesa.

Nos anos despois da guerra, Carlota mostrou unha morea de actividade pública que contribuíu ao aumento do perfil de Luxemburgo na escena internacional, acollendo visitas de xefes de estado estranxeiros e outros dignatarios, como Eleanor Roosevelt (1950), a raíña Xuliana dos Países Baixos (1951), René Coty (1957), o rei Balduíno de Bélxica (1959), o rei Bhumibol de Tailandia (1961) e o rei Olav V de Noruega (1964). Así mesmo, visitou a Pío XII (1950), Charles de Gaulle (1961) e John F. Kennedy (1963).[2]

En 1951 Carlota admitiu por decreto na nobreza de Luxemburgo tres familiares suecos aos que non se lles permitiu empregar os seus títulos de nacemento en Suecia. Nomeounos entón Sigvard príncipe Bernadotte, Carl Johan príncipe Bernadotte e Lennart príncipe Bernadotte e tamén deu aos seus descendentes lexítimos os títulos hereditarios de condes e condesas de Wisborg.[3]

Abdicación e vida posterior[editar | editar a fonte]

Carlota de Luxemburgo e o príncipe Fiz antes da súa abdicación

O 12 de novembro de 1964, abdicou en favor do seu fillo Xoán, que reinou ata a súa abdicación en 2000.

Carlota faleceu en Schloss Fischbach o 9 de xullo de 1985, dun cancro. Foi enterrada na cripta ducal da catedral de Notre-Dame na cidade de Luxemburgo.

Estatua de Carlota

Existe unha estatua da gran duquesa na praza Clarefontaine da cidade de Luxemburgo.[4]

Matrimonio e descendencia[editar | editar a fonte]

O 6 de novembro de 1919 casou en Luxemburgo co príncipe Fiz de Borbón-Parma, curmán por parte de nai (ambos eran netos do rei Miguel de Portugal a través das súas fillas María Ana e María Antonia, respectivamente). Co matrimonio, a súa descendencia pasou de Alteza Gran Ducal a Alteza Real. Da unión naceron seis fillos:

Nome Data de nacemento Data de falecemento Cónxuxes
Xoán de Luxemburgo 5 de xaneiro de 1921 Princesa Xosefina-Carlota de Bélxica (1927–2005).
Princesa Elisabeth, duquesa de Hohenberg 22 de decembro de 1922 22 de novembro de 2011 Franz, duque von Hohenberg (1927–1977).
Princesa María Adelaida, condesa Henckel von Donnersmarck 21 de maio de 1924 28 de febreiro de 2007 Conde Karl Josef Henckel von Donnersmarck (1928–2008).
Princess Marie Gabriele, Dowager Countess af Holstein-Ledreborg 2 de agosto de 1925 Knud Johan, conde af Holstein-Ledreborg (1919–2001).
Príncipe Carlos de Luxemburgo 7 de agosto de 1927 26 de xullo de 1977 Joan Douglas Dillon (nada en 1935).
Alix, Princesa Dowager de Ligne 24 de agosto de 1929 Antoine, 13.º príncipe de Ligne (1925–2005).
Predecesor:
María Adelaida
Middle coat of arms of Grand Duke Henri of Luxembourg.svg
Gran Duquesa de Luxemburgo

1919-1964
Sucesor:
Xoán

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Grand Duchess Charlotte's US Good-Will-Tours". Luxemburger Wort. 14 de abril de 2015. Consultado o 21 de decembro de 2015. 
  2. Kreins, Jean-Marie. Histoire du Luxembourg. París: Presses Universitaires de France, 2010. 5th edition. p. 105
  3. "Mémorial A n° 48 de 1951 - Legilux" (PDF). 
  4. "Commemoration to mark return of Luxembourg monarch". Luxemburger Wort. 11 de abril de 2015. Consultado o 21 de decembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]