Carlos de la Peña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Carlos de la Peña

2003 – 2004
Precedido por Benigno Rodríguez Quintas
Sucedido por Jesús Vázquez Almuíña

Datos persoais
Nacemento 1958
Éibar (Guipúscoa)
Partido Partido dos Socialistas de Galicia
Profesión Economista

Luis Carlos de la Peña Arizaga, nado en Éibar (Guipúscoa) en 1958, é un economista e político galego. Diplomado en ciencias empresariais pola ETEO (na actualidade Universidade de Mondragón), ampliou estudios na facultade de Ciencias Económicas de Santiago de Compostela. É especialista en Economía Urbana pola Universitat Oberta de Catalunya-UOC e experto en Compliance Penal.Ten estudios de Dereito e de Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas pola UNED.[Cómpre referencia]

Foi alcalde de Baiona (Pontevedra) entre en 2003 e 2004 e ostentou os cargos de Delegado Autonómico en Galicia da empresa pública Tragsa e Director Xeral de Adif. Na actualidade traballa como consultor de empresas e das administracións públicas en cumprimento normativo e aplicación de códigos éticos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cursou estudos de bacharelato en Éibar[1] e diplomouse en Ciencias Empresariais na Escola de Técnica Empresarial de Oñate (ETEO), na actualidade Universidade de Mondragón. Ampliou estudos na Facultade de Económicas en Santiago de Compostela, tempo no que coincide con estudantes como José Blanco, Xoaquín Fernández Leiceaga, José Manuel Barreiro ou Celso Delgado e profesores como Ceferino Díaz, Miguel Cortizo, Emilio Pérez Touriño ou Gonzalo Alvarez. Foi elixido polos seus compañeiros de estudos como delegado de curso sen interrupción dende o bacharelato ata o final dos estudos universitarios. Membro electo, na Plataforma de Estudantes Progresistas, do primeiro claustro democrático da Universidade de Santiago, colaborou no equipo do reitor Carlos Pajares Vales dende o Vicerreitorado de Estudantes.

En 1984 afíliase ao PSdeG-PSOE. Foi nomeado Secretario de Estudos e Programas na executiva local e comarcal da agrupación de Compostela (1984-1986). Asesor na área de economía do Grupo Parlamentar do PSdeG no Parlamento de Galicia, coordinador do programa electoral e nomeado para a executiva galega no congreso de Santiago, a finais da década dos oitenta. Entre 1987 e 1989 foi asesor de Antolín Sánchez Presedo na Consellería de Obras Públicas da Xunta de Galicia.

Entre 1989 e 2000 desenvolveu unha carreira profesional no ámbito da auditoría e asesoría xurídica mercantil, así como consultor de importantes empresas como Pescanova, Rodman Polyships, Iberconsa, Alcampo ou Hoteles Tryp. Foi presidente (1998-2002) da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Vicepresidente provincial dos empresarios de hostalaría de Pontevedra (ASEHOSPO) e membro de Patronato Provincial de Turismo de Pontevedra na Deputación provincial.

Durante a presidencia de goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, foi nomeado Delegado Autonómico en Galicia da empresa pública TRAGSA e no 2008 Xerente do Grupo. En 2010 é nomeado Director Xeral de Adif (2010-2012). Dende 2012, desenvolve a súa carreira profesional no ámbito da consultoría de empresas e das administracións públicas. Especialista en Economía Urbana pola Universidade Oberta de Catalunya -UOC (2015)-; Experto en Prevención de Riscos Penais das Empresas (Compliance Penal) de Thomson Reuters Aranzadi. Ampliou estudos de Grado en Dereito e en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas (UNED) nos anos 2009-2014. Foi membro do Colexio de Economistas da Coruña.

Ten impartido clases no Máster da Función Directiva de Adif na Universidade Politécnica de Madrid (2012) en materia de sistemas de calidade e excelencia EFQM, e na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo en torno á prevención de riscos penais nas empresas (2017-2018).[Cómpre referencia]

Durante os anos 1993 a 2000 colaborou asiduamente como articulista en Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Voz de Galicia, e dende 2015 ata a actualidade en Onda Cero Radio. Ten escrito varios libros: El plumaje del tamarindo (2008), Notas de Madrid (2014), Esa manía de ordenar el caos (2015) e Papeles de Loureiral (2019), recollendo as súas colaboracións en Onda Cero Radio de Vigo. Foi presidente fundador da Fundación Miñor, impulsor dos ciclos de conferencias "Encontros no Liceo" (2019) e membro de diversas asociacións culturais e mesmo solidarias como o Banco de Alimentos de Vigo.

Alcaldía de Baiona[editar | editar a fonte]

Presentouse como candidato a alcaldía de Baiona polo PSdeG-PSOE nas eleccións municipais de 2003. Obtivo cinco concelleiros, mellor resultado histórico do PSOE na vila, e acadou a alcaldía tras pactar co BNG e os independentes de VIB e despois de Coalición Miñorana (CM), encabezados polo exalcalde Manuel Vilar Márquez[2]. Foi presidente da organización de Municipios de Excelencia Turística da España Verde e asesor, na súa calidade de alcalde, do comité directivo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Perdeu o goberno tras saír adiante unha moción de censura presentada polo Partido Popular ante o abandono do pacto de goberno do exalcalde Manuel Vilar[3]. De la Peña volveu presentarse ás eleccións en 2007, mais malia aumentar o número de votos e de concelleiros non acadou o goberno, polo que presentou a súa dimisión como Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Baiona e renunciou á súa acta de concelleiro[4].

Pertencéu ao Comité Nacional do PSdeG ata 2017, ano no que abandonou a militancia socialista para continuar sendo un socialdemócrata independente, sempre vencellado á realidade social, económica e política de Baiona.

No ano 2018 creou o partido político Nós Baiona, progresista independente de ámbito local, que obtivo dous concelleiros nas eleccións municipais de 2019, converténdose na terceira forza máis votada, tralo PSOE e PP. No 2019 accedeu ó cargo de tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Organización e RRHH no goberno de coalición entre PSOE, Nós Baiona e BNG.[5]


Predecesor:
Benigno Rodríguez Quintas
 Coat of Arms of Baiona (Official).svg
Alcalde de Baiona
 
2003 - 2004
Sucesor:
Jesús Vázquez Almuíña

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vasco, Diario. "«Eibar es una ciudad muy bien organizada y entrañable para mí»". diariovasco.com (en castelán). Consultado o 2016-03-21. 
  2. Galicia, La Voz de. "Carlos de la Peña será alcalde de Baiona gracias al Bloque y a Quintas". www.lavozdegalicia.es. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2016. Consultado o 2016-03-21. 
  3. "El popular Vázquez Almuiña, nuevo alcalde de Baiona al prosperar la moción de censura contra el socialista De la Peña". Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2005. Consultado o 21 de marzo de 2016. 
  4. Galicia, La Voz de. "El socialista Carlos de la Peña presentó ayer en el registro la renuncia a su acta de concejal". www.lavozdegalicia.es. Consultado o 2016-03-21. 
  5. PSOE, Nós y BNG ultiman el acuerdo para gobernar Baiona a tres bandas

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]