Carlos Santiago Pereira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pereira
Información persoal
Nome Carlos Santiago Pereira
Nacemento 9 de setembro de 1951
Lugar de nacemento Marín
Altura 1,85 m.
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
Rápido de Pereiró
Pontevedra
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1970–1972 Atlético Pontevedrés
1971–1974 Pontevedra 58 (0)
1974–1982 Valencia 58 (0)
1975–1976 Alavés 12 (0)
1981–1982 Racing de Santander 18 (0)
1982–1985 Atlético de Madrid 34 (0)
1985–1986 Celta de Vigo 15 (0)
1987–1988 Arenteiro 19 (0)
1988–1989 Gran Peña
Selección nacional
1970 Galicia xuvenil
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Carlos Santiago Pereira, nado en Marín o 9 de setembro de 1951, é un ex-futbolista galego, que xogaba na demarcación de gardameta. Despois de xogar no Pontevedra, foi traspasado ao Valencia, onde militou varios anos, gañando tres títulos, entre eles a Recopa de Europa 1979/80, na que destacou a súa actuación na final, detendo dous lanzamentos na quenda de penaltis. Xogou ademais no Alavés, no Racing de Santander, no Atlético de Madrid, no Celta de Vigo, no Arenteiro e no Gran Peña.

É tío do tamén porteiro Agustín, que militou durante case toda a súa carreira no Real Madrid.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no Rápido de Pereiró, club modesto de Castrelos, de onde pasou á canteira do Pontevedra CF.[1] Militando no equipo xuvenil do club foi convocado por Chao para xogar coa selección galega xuvenil.[2]

Na tempada 1970/71 comezou a xogar co filial do Pontevedra, o Atlético Pontevedrés, adestrado por Martín-Esperanza,[3] e na campaña seguinte debutou co primeiro equipo na Segunda División, nun encontro fronte ao Racing de Santander en Pasarón. Durante esa tempada compaxinou o filial co primeiro equipo, no que a titularidade alternaba entre Illumbe e Ardao, e na 1972/73 subiu ao primeiro equipo adestrado por Caeiro, facéndose coa titularidade por diante de Ardao e Amador, e disputando un total de 25 encontros. O equipo acabou descendendo a Terceira División, categoría na que Pereira continuou ocupando a portería unha tempada máis.

No ano 1974 foi traspasado ao Valencia CF por preto de 6 millóns de pesetas e o compromiso do club valenciano de xogar o Trofeo Luis Otero.[4] Debutou na Primeira División da man do adestrador iugoslavo Milovan Ćirić na cuarta xornada da tempada 1974/75, ante o FC Barcelona no Camp Nou. Tardou só tres minutos en recibir un gol, obra de Cruyff, nun partido que o Valencia perdeu 5-2.[5] Foi o seu único encontro da tempada, mentres que na seguinte xogou cedido no Deportivo Alavés en Segunda División.

Ao rematar a cesión volveu a Valencia, onde xogou os seguintes cinco anos, alternando a portería con Balaguer e Manzanedo primeiro, e con Sempere despois. Co equipo che gañou a Copa do Rei 1978/79 e debutou esa mesma tempada en competición europea, nun partido da Copa da UEFA contra o Argeș Pitești. Un dos mellores recordos que deixou en Valencia foi o encontro da final da Recopa de Europa 1979/80 contra o Arsenal FC, no que mantivo a cero a portería durante 120 minutos e detivo dous lanzamentos da quenda de penaltis que valeron o título para o equipo de Alfredo Di Stéfano, converténdose Pereira no heroe da final.[6][7]

Na seguinte tempada disputou a Supercopa de Europa contra o Nottingham Forest, da que o Valencia tamén se proclamou campión.[8]Mediada a tempada 1981/82 e sen contar con minutos no equipo de Pasieguito, saíu cedido seis meses ao Racing de Santander, onde foi titular ata o fin da campaña.

En agosto de 1982 fichou polo Atlético de Madrid onde xogaría as seguintes tres tempadas.[9] No equipo adestrado por Luis Aragonés tivo a competencia de Mejías, pero aínda así disputou un total de 58 partidos oficiais, conquistando a súa segunda Copa do Rei na tempada 1984/85.

En setembro de 1985 foi cedido ao Celta de Vigo a cambio da metade da ficha do xogador, que ascendía a 7 500 000 pesetas.[10] Alternou na portería con Maté e Chuco nunha campaña na que o Celta descendeu á Segunda División. Tras consumarse a perda de categoría non houbo acordo entre Celta e Atlético, polo que o xogador deixou Vigo tras disputar 15 encontros e encaixar 35 goles.

Na tempada 1987/88 asinou co Arenteiro, que da man de Agapito Viñas acababa de ascender por primeira vez na súa historia á Segunda División B.[11] Coincidiu no equipo con xogadores como Sobrino, Sequeiros ou Quecho, e disputou 21 partidos, pero deixou o club do Carballiño en febreiro de 1988 debido á súa mala relación co presidente José Pérez.[12] Para a seguinte tempada fichou co Gran Peña, equipo xa desligado do Celta de Vigo e co que xogou na Terceira División antes da súa retirada.[13]

O seu sobriño Agustín seguiu os seus pasos como porteiro e militou durante unha década no Real Madrid.[9]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Valencia

Atlético de Madrid

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Valencia sigue fortaleciéndose". El Pueblo Gallego (en castelán) (19936). 16 de xaneiro de 1977. p. 17. Consultado o 4 de decembro de 2021. 
  2. "La selección gallega de juveniles se enfrentará el jueves al Pontevedra". El Pueblo Gallego (en castelán). 28 de xaneiro de 1970. p. 12. Consultado o 4 de decembro de 2021. 
  3. "Atlético Pontevedres, 2; Choco, 3". El Pueblo Gallego (en castelán). 10 de novembro de 1970. p. 15. Consultado o 4 de decembro de 2021. 
  4. "Pereira, traspasado al Valencia". El Pueblo Gallego (en castelán) (18425). 30 de maio de 1974. p. 15. Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  5. "Barcelona, 5 - Valencia, 2". El Pueblo Gallego (en castelán) (18537). 8 de outubro de 1974. p. 16. Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  6. "Tal día como hoy en 1980… el Valencia CF conquistaba la Recopa de Europa" (en castelán). 14 de maio de 2020. Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  7. "La Recopa de 1980, entre penaltis y agresiones" (en castelán). 13 de maio de 2020. Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  8. "Supercopa 1980: El Valencia hace historia". UEFA (en castelán). Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  9. 9,0 9,1 Martínez Roig, Alex (27 de agosto de 1982). "Pereira: "Fichando por el Atlético pierdo dinero, pero gano en ilusión"". El País (en castelán). Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  10. "Pereira nuevo portero". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de setembro de 1985. p. 40. 
  11. "El Arenteiro quiere hacer una buena campaña en Segunda «B»". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de xullo de 1987. p. 39. 
  12. "El guardameta Pereira, que deja el Arenteiro, ya no jugará esta tarde frente al Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de febreiro de 1988. p. 45. 
  13. "El Gran Peña con nuevo rumbo". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de agosto de 1988. p. 33. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]